+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

 

Construíulle unha cabana en Utah á súa muller e alí foron vivir. Contan que daquela sufriu un accidente de moto que o tivo recluído na casa durante un tempo, tempo que empregou para empaparse da música country-western que o rodeaba. Aos poucos comezou sentirse seguro naquel terreo que el estimaba lonxe das querencias do “anano maricón aquel”, como Dylan (cada éxito deste era unha navallada para Thomas) era coñecido naquela cabana de Utah. Lady, Lay, Lady, Alone in the Watchtower, Another Morning, The Woman in You ou If Not For Me, foron algún dos temas que chegou a publicar naquel páramo de Salt Lake. Era feliz entre regatos, árbores e coellos que corren cando un desaprensivo lle puxo nas mans o Nashville Skyline. Alí estaba aquel fillo de puta amosándolle unha guitarra cuspidiña á súa, fitándoo aos ollos e con cara de dicir mentres o saudaba: “ves, imbécil? Teño unha guitarra como a túa”. A impresión deixouno sen pelo, sen fala, chosco dun ollo e cun tic nervioso na perna dereita. Tardou varios anos en recuperarse.

Cando o conseguiu (ou iso lle parecía a el), voltou á música, iso si, en contra da opinión do seu psiquiatra e da súa muller, que o ameazou con abandonalo. Ás caladas xuntou un grupo moi bo e moi hippie (chamouno a Falling Thunder Review) e, en canto a súa muller o deixou, saíu de xira por aí. Foi recuperando as ganas de compoñer e así naceron Pistol Shots Ring Out, Oh Brother, No More Than One Cup of Coffee (I want to sleep), Osiris ou Dorothy, adicada á súa muller e que lle parecía perfecta para cerrar o novo disco que tiña en mente. Dylan publicou Desire uns meses despois e Thomas tirouse ás drogas sen dubidalo nin un instante.

Uns anos despois, xa co cerebro destrozado e case sen dentes, ingresou nun centro de rehabilitación pertencente a unha secta, deses que utilizan aos drogatas como man de obra barata. Os desta secta, concretamente, adicábanse á edición e venta a domicilio de biblias e panfletos onde se afirmaba que o mundo ía estoupar e cousas así. O bo de Thomas xuntouse no centro aquel con outros desgrazados e formou un grupiño para tocar na igrexa do barrio. A cousa foi funcionando, o templo cada vez tiña máis xente, a recadación do cepillo medraba e vendíanse maís biblias ca nunca, así que os dirixentes do cotarro viron o choio e animárono a gravar un disco (que pensaban vender xunto coas biblias e os panfletos). Coming Train (Slow but Sure), se titulou o LP, que foi un tremendo éxito polo barrio adiante. Foi entón cando Dylan viu a Luz. E quitou un disco. Logo outro. Logo outro máis. Bob Thomas decidiu matalo. Non tiña présa, non. Pero mataríao. Seguro. (continuará) 

Dylan sufriu un atentado contra a súa vida en maio do 97 mentres estaba hospitalizado. É algo que non ten trascendido, pero que me contou un tipo que o sabe de primeira man. O asasino frustrado chamabase Robert A. Timbermann, coñecido tamén nos ambientes musicais como Bob Thomas. Non foi casualidade nin unha arroutada, o asunto viña de atrás, moi atrás. Se tedes uns minutos, deixádeme que vos conte a historia.

Aló polos primeiros ’60 Bob Thomas chegou a NI cunha guitarra de pao e unha harmónica disposto a abrirse camiño no mundiño folk do Village. Era un gran imitador dos grandes, sobre todo de Woody Guthrie, ao que tentou coñecer no Hospital Greystoke onde este estaba hospitalizado, inda que sen conseguilo. Despois duns meses rulando polos garitos da 4ª, presentouse na CBS cun feixe de cancións prestadas e un par delas propias, pero alí, despois de escoitalo, lle regalaron un disco que acababa de gravar un tal Bob Dylan e o mandaron para casa. “Joder, xa é casualidade!”, din que exclamou de mal talante cando llo deron: a verdade é que el, fan de Dylan Thomas, escollera o seu nome artístico despois de desbotar a posibilidade de utilizar o nome propio do poeta por escasamente sonoro, inda que agora xa non o tiña tan claro.

Despois de escoitar a Dylan decidiu que aquel camiño das vellas tonadas folkies estaba pechado para el, así que decidiu comezar a escribir as súas cancións: Where’s the Answer, My Friend?, Changing of the Times, In the Back of the Pages ou Consternation Road tiveron un certo éxito, pero a saída de The Freewheelin’ queimou as velas do seu barco de ilusión. “Mecagoendiós, o anano de merda outra vez”, foi o que dixo nesta ocasión.

Saíu de NI rumbo a Chicago coa súa guitarra de pao, pero alí, chico, todo era electricidade e non había sitio para os woodyguthries. Quixo a fortuna que se fixera colega duns tipos que tiñan un grupo, The Hawkins’, cos que sen ningunha pretensión, por pasar o tempo, comezou tocar algún dos seus vellos éxitos en plan rock, con guitarras eléctricas e tal. Aquelo funcionaba, aquelo soaba de marabilla, nunca oíra nada igual, era un novo estilo: bautizouno rock-folk e el sería o seu profeta. Comezou traballar en novas cancións nas que ademais atopou acubillo para as súas inquedanzas literarias: Sick Blues of the Subterranean Home, Rolling Like a Stone, Hat Skin Leopard-Box Pill, e Does She Belong To Me? (I’m not Sure) pegaron forte naquel ambiente amplificado. Claro, pouco despois saíu Highway 61 Revisited, e… Bob Thomas entrou nunha fonda depresión. (continuará)

(Imaxe: Guitarra y Bass, de Norma Ascencio. En defecito.com/norma-ascencio/)

 

Hoxe veu un amigo a casa a lembrarme que a media tarde chegaba o verán. Case se me pasa entre a chuvia e esta friaxe. Queixeime do tempo diante dun café negro e quente, pero o meu amigo díxome: “pero De la Highway, o tempo é como ven. Que veña frío en verán e quente en inverno, mesmo que veña frío pola mañá, que saia o sol a mediodía e que chova á tardiña é como ten que ser, ¿ou somos nós doutra maneira?”

Eu o que quería, en todo caso, era traervos aquí o verán de Dylan como vos trouxen a primavera, e aquí está, gracias ao meu amigo.  

Girl of the North Country (1963) 

Se vas durante unha tormenta de neve / Cando xea o río e remata o verán / Asegúrate de que leve un abrigo ben quente / que a protexa dos ventos que han soprar.

North Country Blues (1964)

O verán pasou / o chan estase enfriando / as tendas pechan unha tras doutra. / Os meus fillos marcharán / Tan pronto como medren / Nada hai aquí que os reteña.

Ballad in Plain D (1964)

Inda que estaba moi unida á súa nai e á súa irmá / Afasteina delas axudado dunha nova brisa de verán

Time Pass Slowly (1970)

Como a rosa vermella do verán que nun día florece, / O tempo pasa lentamente e desaparece.

I Believe in You (1979)

Creo en ti cando o inverno se volve verán / Creo en ti cando o branco se convirte en negro.

Every Grain of Sand (1981)

Pasei da máis extrema pobreza á riqueza na friaxe dunha luz invernal, / na desgraza dun día, na violencia dunha noite de verán, / Na amarga danza da soidade que se perde no espazo infinito, / No espello roto da inocencia de cada rostro esquecido.

In the Summertime (1981)

No verán, / Oh, oh, no verán, / No verán / Cando estabas comigo.

Under the Red Sky (1990)

Había un vello que vivía na Lúa / E un día de verán pasou por aquí.

Standing on the Doorway (1997)

A música soa baixiña, / Camiño polas noites de verán. / Onte todo ía tan rápido, / Hoxe vai todo de vagar.

Floater (2001)

Sopra unha brisa de verán. / Un vendaval chega. /  Algunhas veces é de imbéciles / Deixarse levar por un vento calquera.

Summer Days (2001)

Días de verán, noites de verán remataron / Días de verán, noites de verán remataron. / Pero eu sei dun lugar onde inda ha pasar algo.

Pois non. Seica Dylan non fixo brillar a súa luz en min. De feito, mentres el se convertía ao cristianismo eu gañaba plena conciencia do meu ateismo, o que non impide que as obras que pariu no seu período cristián sexan moi queridas e apreciadas por min, até o punto de que Slow Train Coming, Saved e Shot of Love forman parte do cerne do meu dylanismo (xunto con Blood on the Tracks, Before the Flood, Desire, Street Legal, At Budokan, Infidels, Empire Burlesque e os Greatest Hits, Vols. 1 & 2.)

Xa daquela (e inda hoxe o fan) me preguntaban cómo sendo ateo e tan antirelixioso podía escoitar aquelas cancións e facelo ademais con tanto gusto. Non o sei. É iso mesmo: gústanme. Tamén son antisionista e teño por obras mestras O pianista ou a Lista de Schindler (e algunha que outra canción de Dylan) por nomear dúas pelis do ramo das máis recentes; e direi que para non acabar de entrarme a música chamada clásica é curioso que as únicas obras que sería capaz de recoñecer en menos de 10 segundos sexan o Mesiah de Haendel (“Every valley shall be exalted”) e o Gloria de Vivaldi (“agnus dei miserere nobis”); e podería engadir que pasei non poucas tardes dos xoves sentado na Catedral de Santiago escoitando os ensaios do organicista. Non vos pasan a vós estas cousas? Supoño que si, claro.

Á parte da gran calidade dos tres discos cristiáns do noso amigo (inconmensurable en Slow…, puntual en Saved e Shot…) o que máis aprecio neles é a completa honestidade do artista, un compositor e letrista que se presenta “espido e de xeonllos” ante nós, como el mesmo di no “salmo” presentado no anterior pos. É lugar común no dylanismo dicir que Sarah é unha das poucas cancións nas que Dylan abriu a súa alma ao respectable para deixar ver o seu interior. É un tópico, digo, e como moitos deles, falso. Dylan non é o poeta críptico que se nos quere facer ver, non se oculta practicamente nunca, e moito menos nas súas obra maiores, que o son, ao meu xuízo, precisamente por iso. Non é unha cuestión puramente dylaniana, senón que é algo aplicable a calquera artista: a honestidade (alguén falou de honestidade brutal), a honradez, o baleirarse na obra, a verdade (torear con verdade, din os taurinos) está detrás de toda obra mestra, sexa pintura, literatura, música… Na poesía, enténdese, inda máis. Poucos poden presumir de ter deixado tanto sangue nas súas pegadas (ou nos sucos, é igual) como Dylan, e a poucos se lles pode seguir o rastro da súa vida e do seu pensamento a través das súas cancións como a el, malia que sexa un mentireiro patolóxico cando fala, como xa vimos: só temos que escoitar e ler con atención (coidado, é posible que non nos guste o que imos ver nunhas segunda ou terceira atentas lecturas e pode que prefiramos deixalo estar).

Non quero que ninguén tome esto como unha xustificación, non a necesito. Tampouco quero que entendades que trato de convencer a ninguén das bondades do Dylan cristián nin de ningún otro dylan posible. Aló cada un. Hai quen di que BD é unha merda, que ten unha voz pésima, que desafina, que non sabe tocar a guitarra e que as súas cancións non hai deus que as entenda. Qué vou facer eu? Se non o ves non o ves. Eu tiven un amigo que foi á Acrópole de Atenas e dixo que aquelo era un desastre, que os edificios estaban destrozados e as pedras, rotas e vellas, todas estradas polo chan. É algo evidente, non fun quen de negalo. Inda así fixen o esforzo e fun capaz de facerlle comprender a grandeza toda da civilización que puxera o aquel en pé, pero decateime de que nin en mil anos sería quen de facerlle ver a grandeza mesma, a beleza daquelas ruinas.

Aquí achego dous documentos impactantes sobre a conversio de Dylan. O primeiro, post visión, é unha carta de BD á súa guía espiritual (e non tan espiritual), publicada no 1979 co título de Precious Angel; o segundo, ante visión, é un salmo, encadrado dentro do xénero das “súplicas”, publicado un ano antes e tamén coñecido como Señor, señor (Tales of Yankee Power). Recoméndase unha (re)audición das cancións.

Epístola de Dylan a Mary Alice Artes

1 Dylan, apóstolo de Cristo Xesús, por mandato de Deus noso Salvador e de Cristo Xesús a nosa esperanza, 2 a Mary Alice Artes, verdadeira filla na fe. Graza, misericordia e paz de parte de Deus Pai e de Cristo Xesús, noso Señor. 3 Anxo precioso, cómo ía eu saber que ti serías a única baixo o sol que me amosara que estaba cego, que estaba ido, o feble dos alicerces que me sustentaban? 4 Agora hai unha guerra espiritual (a carne e o sangue non serven xa para nada) 5 e podes crer ou non, pero non quedar a medio camiño. 6 O inimigo é sutil, estamos enganados a pesar de que a verdade está nos nosos corazóns e inda así non cremos. 7 Os que se facían chamar os meus amigos caeron no encantamento, míranme directamente aos ollos e din “tranquilo, todo está ben”. 8 Son quén de imaxinar a escuridade que caerá do máis alto cando preguen a Deus que os mate e non estean preparados para morrer? 9 Irmá, deixame que che conte unha visión que tiven: 10 estabas recollendo auga para o teu home, sufrías baixo a Ley; 11 falábaslle de Buda e aproveitabas o mesmo alento para falarlle de Mahoma pero non mencionaches nin unha sóa vez o home que veu e morreu coma un criminal. 12 Anxo precioso, ti me cres cando che digo que o que Deus nos dá non nolo sacará ningún home. 13 Estamos cubertos de sangue, rapaza, sabes que os nosos ancestros foron escravos: 14 agardemos que teñan atopado a paz nas súas túmbas cheas de ósos. 15 Es a raiña da miña carne, rapaza, es a miña muller, a miña ledicia, es a luz da miña alma que ilumina a noite. 16 Pero hai violencia nos ollos, así que non nos deixemos levar polo entusiasmo 17 na saída de Exipto, a través de Etiopía, até onde Cristo nos ha xulgar. 18 Fai brillar a túa luz, faina brillar sobre min, 19 sabes que eu non podería facelo só, son un tanto cego para ver.

 

Salmo 23

1 Señor, Señor, sabes onde imos? / Cara Lincoln County Road ou ao Armaxedón? / Paréceme que xa pasei antes por aquí: / Pode ser iso certo, Señor? 2 Señor, Señor, sabes ónde se agocha ela? / Durante cánto tempo seguiremos no camiño? / Durante cánto tempo terán que seguir os meus ollos cravados á porta? / Espérame alí a paz, Señor? 3 Hai un vento malvado soprando sobre a terraza, / Hai unha cruz de ferro que inda colga do seu colo, / Hai unha banda tocando naquel soar baleiro / Onde ela me abrazou unha vez e me dixo “non me olvides”. 4 Señor, Señor, podo ver ese vagón pintado, / podo cheirar a cola do dragón. / Xa non podo agardar máis. / Quéresme dicir con quen teño que falar, Señor? 5 A última cousa que lembro antes de estar espido e de xeonllos / foi aquel montón de idiotas afogados nun campo magnético. / Unha xitana cunha bandeira rota e un anel brilante / díxome “Fillo, esto xa non é un soño, é algo real. 6 Señor, Señor, sabes que os seus corazóns son tan duros coma o coiro. / Dame un minuto, deixame centrarme. / Tan só teño que erguerme do chan. / Se ti estás listo eu tamén, Señor. 7 Señor, Señor, desconectemos estes cables, / Démoslle a volta á mesa. / Este lugar xa non ten sentido para min: / Pódesme dicir a que estamos agardando, Señor?

Aqueles que tratan de atopar razóns científicas nas visións místicas coinciden en que para que estas se dean é necesaria unha certa predisposición. Quere esto dicir que é tan difícil que un indio cego de peiote ou mescal vexa a Virxe no lombo dun búfalo como que un acólito esquizofrénico farto de Quinito escoite falar a Manitú baixo a cúpula de San Pedro. Xa dixen que non cría nin unha palabra da visión dylaniana, pero coido que o da predisposición si que ven a conto.

No verán de 1975 Dylan gravou unha fermosísima canción, con seguridade unha das 500 mellores cancións do seu repertorio, Oh, Sister, onde podemos escoitar: “…non deberías tratarme coma un estraño / ao noso Pai non lle gustaría que o fixeras / debes decatarte de que estás en perigo”; tamén “…e non é o noso proposito o mesmo nesta terra / amalo e seguir as súas ordes?”; ou inda máis explícito na ponte desa mesma canción “Criamonos xuntos/ desde o berce até a tumba / morremos, renacimos (reborn) / e fomos misteriosamente salvados”. Falamos de 1975, catro anos antes da “visión” dylaniana. É posible que Dylan estivera inda lonxe de ser un cristián renacido, pero estaba listo e coñecía o camiño. Tamén é certo que en Desire hai abondosas referencias ao tarot (a parte traseira da cuberta está chea de naipes), á adivinación e outras formas de “relixión”, o que nos volve falar da predisposición dun Dylan en plena búsca: no ano anterior separárase de The Band, a gravación de Blood on the Tracks xerara moitas dúbidas no cantante, a súa relación con Sarah (na foto nas Cataratas do Niagara en 1975) pasaba por un delicadísimo momento e acabaría por romperse definitivamente a primeiros de 1977, Elvis (non esquezamos que foi de quen se acordou cando estivo a piques de morrer hai dez anos) suicidouse aquel mesmo verán e, a xulgar pola riquísima pero enlouquecida deriva da súa música e da temática das súas letras entre 1973 e 1982 non semella que este fora un período de grande estabilidade para o noso amigo, nin vital nin artístico. Buscaba algo, iso estaba claro.

Máis predisposición: no álbum Desire (1975) estaban Steven Soles e Rob Stoner, cristiáns renacidos; na Rolling Thunder Revue (1975-1976) posta en marcha inmediatamente despois da gravación do disco apareceron T-Bone Burnett e David Mansfield, que o eran tamén; en Street Legal (1977-1978 ) e na posterior xira por Australia e Xapón (1978 ) sumáronse máis membros desa mesma secta (The Vineyard Felowship) ou parecida, como Helena Springs, Carolyn Dennis (que acabará casada con BD) e sobre todo a Queen Bee Mary Alice Artes, noiva de Dylan por aquel entón e acusada polos máis rancios dylanitas de ser a verdadeira responsable da súa conversión. Esas eran as compañas de BD daquela, e iso que saibamos. Sería clave para nós saber se reuniu esa tropa ao seu redor conscientemente ou non, xa que iso nos diría se xa tiña clara a intención de explorar esa vía ou se foi un feito sobrevido. En todo caso os membros desta secta, como o será el despois, son evanxelistas convencidos, polo que el tivo que tolerar/soportar a súa presencia e rollo de bo grao (contan que durante a gravación do Slow Train Coming BD púxose tan pesadiño falando de Cristo co vello produtor xudeu Jerry Wexler que este lle dixo algo así como “mira neno, eu veño aquí a traballar, así que non me deas a paliza, vale?”).

De todo esto tírase un feito incuestionable: a conversión de Dylan non foi debida a unha alucinación máis ou menos inducida por substancias psicotrópicas nin por un estado de enaxenación mental transitoria. Convertiuse ao cristianismo con pleno convencemento (“este período foi parte da miña experiencia. Tiña que pasar. Cando me meto nalgo vou a saco. Eu non me ando con gilipolleces” dixo en 1983), tal vez buscando unha saída a un momento difícil da súa vida, tal vez tratando de afastarse de novo duns seguidores que o volveran atrapar (encadear Blood on the Tracks-Desire-Rolling Thunder Revue é o que ten), tal vez porque andaba algo perdido, tal vez porque trataba de reinventarse de novo ou tal vez (ao mellor foi así de sinxelo) porque segue a haber cousas que tiran máis ca dúas carretas.

Segundo Feitos dos Apóstolos 9, 3-9, a principios da Era Cristiá un tal Saulo (logo San Pablo), xudeu saduceo, se non me equivoco, tivo unha visión de Cristo. Di o Libro: “Sucedeu que, indo de camiño, cando estaba preto de Damasco, de súpeto foi rodeado por unha luz que viña do ceo, caíu na terra e escoitou unha voz que lle dicía: “Saúl, Saúl, ¿por qué me persegues?” El respostou: “¿Quén es, Señor?” E el: “Eu son Xesús, a quen ti persegues. Pero érguete, entra na cidade e diráseche o que tes que facer.” Os homes que ían con el detivéranse mudos de espanto; escoitaban a voz, pero no vían a ninguén. Saulo ergueuse do chan, e, inda que tiña os ollos abertos, non vía nada. Levárono da man e fixerono entrar en Damasco. Pasou tres días sen ver, sen comer e sen beber”.

Uns 1500 anos máis tarde unha monxa de nome Tareixa (logo Santa Teresa de Jesús) tivo unha serie de visións da divinidade, entre elas unha moi ao caso. Semella que estando sóa coas súas pregarias, fitando un crucifixo coa imaxe do Ecce Homo, ergueu a voz e preguntoulle: Meu Señor, quen che fixo iso?. E Cristo respostoulle: Ti mo fixeche e mo fas cos teus actos e palabras. Polo visto a vida da monxa non era moi virtuosa que digamos, o que por outra banda era normal nos conventos da época.

Avanzando case até os nosos días, Xesús repetiu experiencia con Bob Dylan. Estaba este nun hotel de Tucson, Arizona (presta até dicilo, Tucson, Arizona) despois de rematar un concerto. Atopábase mal, necesitaba algo, calquera cousa, o que fora con tal de que lle permitira seguir adiante. Quitou un crucifixo do seu bolsillo (o crucifixo lanzárallo alguén non identificado ao escenario días antes, segundo el mesmo) e entón: “Xesús apereceuse diante miña como Rei de Reis e Señor de Señores. Había unha presencia na habitación que non podía ser outro que Xesús… Xesús puxo a súa man sobre min. Foi algo físico. Sentino. Sentino en min. Sentín tremer o meu corpo. A gloria do Señor tiroume con violencia ao chan e ergueume despois.”

Estas visións sempre foron así de espectaculares. Sono para nós e fórono tamén para os nosos antergos. Nin os crentes confían nelas. Refírome aos crentes contemporáneos aos feitos: co tempo acaban crendo en todo e poñen candeas aos que antes foron tolos. Así somos. Os que non cren tratan de buscar explicacións racionais (haberá algo máis irracional que buscar explicacións racionais a algo irracional?) como por exemplo enfermedades mentais e/ou o uso e abuso de drogas. Que Santa Teresa era unha enferma mental está máis que probado (se me equivoco, Colodroni dirá) e que Dylan se metía de todo é algo que el mesmo recoñece cando declara ao respecto daquel suceso que “estaba acostumado a tomar calquera cousa”, e que aquela noite “buscaba algo distinto.”

Na miña opinión nada hai de real no que se conta, todo é pura literatura. San Pablo era un encantador de serpes, Santa Teresa unha escritora e Dylan, cando lle pos un periodista diante, un mentireiro. De feito Dylan non é máis ca un personaxe creado por el mesmo para afastar de si os fans, os curiosos, os críticos e, por suposto e en grao supremo, os periodistas (é un mentireiro, non imbécil). Queremos saber a verdade de BD? Pois imos ao cancioneiro a ver que di da súa conversión.

Dylamadversión s f 1 Disposición desfavorable ou hostil contra BD. 2 Crítica negativa dos concertos ou discos de BD. 3 Enemistade manifesta co mesmo artista.
Dylamimetismo s m 1 Propiedade dalgúns cantantes para copiar a coloración aposemática da música dylaniana ca fin de ter algo gañado. 2 fig. Disposición dos músicos a imitar o comportamento, os hábitos e a pinta de BD.

Dylanidade s f 1 Autoridade ou dignidade do poder dylaniano. 2 Carácter de grandeza , de gloria, de nobleza que inspira respecto e veneración. 3 Seriedade, autoridade e severidade nos acenos e nas accións. 4 Forma de tratamento da máis alta dignidade.

Dylanódromo s m Lugar axeitado para os concertos de BD.

Dylanorámica sf 1 Visión ampla da discografía dylaniana obtida desde unha distancia que permita captar o conxunto do que se quere abranguer. 2 Toma de imaxes ao redor de BD. 3 fig. Aspecto xeral da obra dylaniana, considerada pola súa beleza.

Esto xa sucedeu en Hoxendía. Peregrinación ao Monte do Gozo, onde nunca antes estivera. Imos no coche do meu irmán cara a súa Epifanía I. Aparcamos abaixo, tomamos unha cervexa nun…, ben, nun sitio onde non nos atrevimos a coller un bocata e, ala, para arriba co resto da xente. Espectacular e cómodo o Monte do Gozo. Cando chegamos tocaba Evamaral cunha guitarra de pao. Despois apareceu un tal Gary Jules, un mozarrón que parecía saído dunha peli de instituto norteamericano ou desas outras nas que saen fraternidades alfa-beta-gamma-kapa-sigma-delta-pi-epsilon (non sei máis letras gregas, menos mal). En todo caso o rapaz sería o capitán do equipo dalgún deporte testosterónico e, claro, o que sairía coa loira máis popular (ou era copular?) da peli en cuestión. Se o de Medio (o outro medio tiña rota a perna) Amaral xa era surrealista o do Gary este, que chegou tarde e que lle perderon as maletas e o equipo, é para non contar. En fin. Logo desto, o agardado: o verbo fíxose home.

Aparece coa súa banda, tan elegantes ou máis que no dos Mil Anos (este concerto tamén se chamaba algo así como o do Novo Milenio, tamén en Xacobeo). Aparecen pola nosa dereita, camiñando en fila india polo aparcamento cara ao escenario. Dylan é o máis pequeno, vai de segundo ou terceiro, e camiña a saltiños, como Chiquito de la Calzada, e non é autohomenaxe: é como se o estivera a imitar. Despois de chegar ao escenario fican entre as teas negras do lateral durante un ou dous minutos. De cando en vez vese a algún dos músicos. Sube a expectación. E saen. Joder, como presta ver a Dylan co seu sombreiro de á ancha. Colócanse cada cal no seu sitio (A Súa Dylanidade ocupa o extremo dereito da formación) e comeza Maggie’s Farm. Póñenseme os pelos de galiña e doulle un bico ao meu irmán, que vive un gran momento: grandísimo dylanita, ven de pasar por unha longuísima travesía polo deserto dylaniano, descrido, afastado, pero este será o seu Xordán e cando saia de aquí a súa fe verase restaurada (máis ou menos).

Momentazo dylan: Highway 61 Revisited (e tampouco é autohomenaxe). Non sei se Larry Campbell ou Stu Kimball, coido que este último, quita lume da stratocaster. Versión inigualable e incomparable, absolutamente recoñecible, absolutamente dura. Os músicos míranse, están a pasalo en grande. Dose de Dylan en vea. Aquí todo o mundo aos seus pes.

Tamén soaron unha bonita Watching The River Flow (esquecín dicir que en Riazor este foi o momentazo?), unha rítmica Seen The Real You At Last e unha dificilmente recoñecible pero bellísima Just Like Tom Thumb’s Blues. Ao final tivemos LARS e cantámola con el sen que se resistise o máis mínimo, deixouse levar: How does it feel?, berrabamos, How does it feel? E como te vas feel nese intre, joder? Pois como unha puta Rolling Stone, home, Like A Rolling Stone.

Ao saír do concerto merquei unha camiseta vermella co careto de Dylan no peito (sombreiro de palla, final dos ’80) que inda conservo. Se a vedes por aí, quén sabe, ao mellor o que vai dentro son eu (coidado coas imitacións, que hai moito cabrón).

Pasou o tempo. Inda que non vivía en Hoxendía, xa pouco faltaba. O dez de maio comecei traballar na quenda de tarde. O 9 de xullo Dylan actuaba na cidade como parte dun concerto de tres días do que dicían que a idade dos artistas contratados sumaba 1000 anos (algúns dicían que era a idade media). Era día laborable e o concerto comezaba as seis, así que tocaba escaqueo do choio nada máis asinar o contrato. Ou iso ou non ver a BD. Por non forzar a máquina perdín o primeiro día de concerto, así que non puiden ver a Neil Young tocando All Along The Watchtower, pero o segundo non o ía perder inda que quedara sen traballo.

Veu MJ a buscarme sobre as cinco e alí fumos. Entramos no estadio por riba, pola Avda. da Habana. Desde preferencia a vista era magnífica: no campo unha morea de xente, tamén polas bancadas. O escenario á dereita, ao lado do pavillón. Baixamos para coller sitio diante del e puxémonos a uns 20 metros. Inda tocaban os Kinks antes da Súa Dylanidade, pero daba igual, tiñamos que estar preparados.

Davies non estivo mal, supoño. Ten os seus fans e era media tarde dun día soleado. Certo que non era así como eu soñara ver ao meu ídolo, a plena luz do día, pero así foi. Pouco tempo despois de que os Kinks abandonaran o escenario oín ruxir a xente de detrás. Dixen: aí está. Segundo avanzaba cara a min, primeiro vin aparecer un gorro vaquero, despois o careto máis familiar que vos poidades imaxinar. Debaixo do careto ía unha camisa e unha chaqueta de tafur do Mississippi, negra, segundo lembro, e ao fondo de todo uns pantalóns da mesma cor cunha estreita banda de seda ou veludo polos laterais. Unha fender por diante, de parapeto. Os pes non llos chegei a ver: cousas de poñerse demasiado preto. Os músicos ían todos igualmente elegantes, con levitas, sombreiros e corbatíns, todos de escuro. O baixo era acústico. A posta en escena era ben bonita, coño, de artista vello e respectuoso, inda que algo afastada da imaxe típica nun roqueiro.

Adrenalina a tope. Emocións incontinentes e incontidas. Por Dylan! Era el e estabamos a respirar o mesmo ar! Existía, era de verdade! Cantos discos, cantas cancións escoitadas e cantas máis cantadas! Tanto tempo correndo detrás del pola Rúa Legal abaixo, cruzando apurado polo Calexón da Desolación até a Cuarta (positivamente, claro); tantas veces que subín até o Encoro do Gran Coulee e que baixei pola Estrada do Condado de Lincoln até a Autoestrada 61. Quén me ía dicir a min que a Quincuaxésimosexta acabaría cruzándose coa Wabasha ao fondo da Avda. da Habana.