+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

 

Desapareceu. Non sei por onde anda. Estaba algo despistado desde pouco antes do verán, camiñando por casa dun lado para outro con ese andar paseniño, sempre arrastrando as punteiras, como con medo a pisar. “Senta e escribe algo” lle dicía eu, a ver se acougaba. Pero nada. De cando en vez puña unhas liñas, ou mas ditaba, pero nada máis. Seica andaba a artellar un texto dramático a medias cun teatreiro, pero por algunha razón cortóuselles o rollo. Tamén teño por aquí unha tradución de She Belongs to Me, coas súas rima e ritmo inda sen rematar de todo, pero sinal de que preparaba unha versión, así coma un interruptus doutra de Subterranean Homesick Blues que, polo que se pode apreciar, ía camiño de ser sorprendente, cando menos.
Comezou saír por aí polas festas (nunha destas foi cando o pillaron para cantar coa París de Duluth) e vese que lle foi collendo gusto ao asunto. Cada vez pasaba menos tempo na casa, días enteiros por aí, sen vir sequera a durmir, se ben e certo que de cando en vez deixaba pegada nalgunha das blos amigas. Agora nin iso. Non sei nada del. Non o atopo nin na casa, nin no coche, nin no choio, nin na cama, nin baixo das teclas do ordenata, que xa levantei unha a unha sen resultado…
A verdade é que, inda que o boto de menos, tampouco me viña nada mal un pouco de descanso, xa que con aquel ir e vir continuo do meu dlH61, non era quen de pensar en nada máis que non fora Dylan, Dylan, Dylan (como se houbera outra cousa na que pensar, iso tamén é verdade). Pero tamén estou preocupado, para qué o vou negar. Xa mandei recado polos camiños, e saín varias noites á porta a berrar por el, pero sen resposta. Onde estás, meu fillo de ollos azuis? Onde estás, meu rei?

Pois iso, que ás agachadas chegou o outono, con Sol e boas maneiras inda que hoxe, desde onde escribo, o día é algo triste. Os días son e serán máis curtos, o que é peor que a chuvia e o frío. dlH61 volverá ás clases de guitarra e, se se anima, perderase en canoa río arriba, río abaixo.

Dylan fala pouco do outono, como tamén sabemos da primavera, algo máis do verán. Aquí van, como xa é costume co cambio de estación, os seus outonos. Que vaian tamén os meus saúdos para todos os dylanitas.

 

Unha afumada noite de outono, as estrelas no ceo ben arriba,
Vexo os botes que zarpan cruzando a ría.
Colgan sobre a rúa os eucaliptos
Xa te estás acercando así que a miña cabeza xiro.
A lúa na auga, a filla do pescador, na miña habitación flotando
Cun espectro dourado

Golden Loom, 1975

 

 

O predicador vestía de negro no séptimo día e sentouse impasible mentres o edificio ardía.
Agardei por ti nas carreiras, preto dos alciprestes, mentres a primavera se convertía
De vagar en outono.

Idiot Wind, 1974

Foi no verán
Comezando o outono
Tentando atopar o meu
Pequeno todo e todo.
Agora foise
E non me importa.
Señor, estou sentado no máis alto do mundo

 

Sittin’ on Top of the World, 1992

Vi una estrella fugaz esta noche
Y pensé en ti.
Tratabas de pasar a otro mundo,
Un mundo que nunca conocí.
Me pregunto una y otra vez
Si llegarías allí.
Vi una estrella fugaz
Y pensé en ti.

 

Vi una estrella fugaz esta noche
Y pensé en mi.
Si ya era como tu querías,
Si seguía siendo lo que siempre fuí.
¿Pasé la línea que marcaste,
Acaso me perdí?
Vi una estrella fugaz
Y pensé en mi.

 

Escucha el motor, escucha la campana.
Son los bomberos del infierno que pasan.
La buena gente está rezando.
Es la última tentación, la última palabra,
La última vez que escuchas el sermón de la montaña.
La última radio está sonando

 

Vi una estrella fugaz esta noche
Que en el cielo se perdía.
Dicen que mañana será otro día.
Se me ha hecho tarde para decirte
Lo que tanta falta te haría.
Vi una estrella fugaz esta noche
Que en el cielo se perdía.

 

Bob Dylan, Shooting Star, 1989

 

 

 

Agora si que chegou o verán. O verán é tempo de festas, e festas hainas de tódolos tipos. Sen ir máis lonxe, e atendendo á propiedade das mesmas, podemos distinguir entre privadas e públicas. Entre as privadas temos así mesmo as de Hugh Hefner e o resto. Entre as públicas, están as sesións vermú, as verbenas e o resto. Entre as sesións vermú están as da Festa da Fraga das Pontes (un novo concepto de sesión vermú) e o resto, e entre as verbenas están… as verbenas.

A verdade é que as verbenas carecen de bo cartel entre a cidadanía: demasiado primitivas, demasiado autóctonas (castizas?) e demasiado rurais. Esto fai que resulten un pouco duras e antropolóxicas para os urbanitas e modernos, e case que insoportables para os desertores do arado (nunha vila da costa, hai uns anos, en plenas festas, preguntei a un medio nativo pola sesión vermú, ao que me respostou: “eso es en los pueblos, no?”).

Porén, calquera que teña asistido a unha verbena amenizada (esa é a palabra) por unha boa orquestra sabe que é unha experiencia difícilmente esquecible, e que nin dicir ten que hai orquestras tan boas (espectáculo a parte, que tamén) que farían palidecer ao 90% dos grupos que andan por aí levantando paixóns, e non me refiro só aos chamados triunfitos, senón a moito consagrado de deus.

Eu lembro por exemplo o momento Don’t Leave Me This Way en versión Communards da Orquestra Canadá, por certo, a primeira vez que vin unha batería electrónica; o momento Whatever You Want (Status Quo) da Orquestra Príncipe (ou era Os Príncipes?); o momento Palomita Pechugona dos Breogáns polos mesmísimos Breogáns no campo da festa da Vilavella; eu vin aos Satélites ao completo, inda que confeso que daquela, magoa, non era moi consciente de toda a súa grandeza. Máis recentemente puiden ver a Orquestra Panamá convertindo un febreiro nevado en soleado verán, a base de salsa e do movemento pendular dunha saia tan curta que nin a cinturón chegaba. E teño que dicir que fun testemuña de todo iso e máis inda sen ser moi verbeneiro.

E este mesmo ano, no Bridges of Smith Jones Fair’s Field, fronte da Carmine’s Chapel, un até entón despistado e desapercibido pero sempre freewheelin’ dlH61 foi invitado sen previo aviso a subir ao escenario para interperpetrar a impresionante versión de Tangled Up in Blue da Orquestra París de Duluth, auténtica institución verbeneira do Medio Oeste, aos sons da cal o gran Dylan arrimaría bragueta na súa mozidade, digo eu, e se non, peor para el. Para aqueles pouco verbeneiros ou, sinxelamente, para aqueles que non tiveron a sorte de asistir a ese momentazo, +dylan comprácese en presentar a gravación do evento, que podedes escoitar premendo aquí.

E nada máis. Con todos vostedes, a Orquestra París de Duluth + dlH61.

 

No verán do ‘78 meu irmán, feito un gachupín, marchou de viaxe de estudos (por qué os chamarán así?) a Mallorca. Como agasallo trouxome un monopatín, que era o último ultimísimo na época, un artiluxio que fixera moi popular entre os siareiros de Aplauso Leif Garrett, co seu éxito Skateboard, un auténtico Nº 1 enchepistas. Debaixo do brazo viña tamén co Street Legal (qué lonxe de Aplauso!), recén quitado do forno, tan recén que agora dubido se a tal viaxe non sería no ‘79. Xa contei noutra parte que en Haitrintanos, onde viviamos, os discos non chegaban tan rápido como agora, pero claro, Mallorca pillaba ben lonxe de aquel lugar, así que até é posible que fora no mesmo ‘78. Ano arriba, ano abaixo, o caso é que Dylan came to me.

Que conste que eu tiña a orella branda, xa que levaba 3 ou 4 anos escoitando  a aquel home no Greatest Hits, Vol. 1 (daquela, para min, o único Vol.), no Blood on the Tracks e na voz e guitarra daquel meu irmán, decote acompañado por un amigo naquelas sentidísimas versións do If You See Her, Say Hello, por exemplo. A min non me chegara a hora Dylan, teño que confesalo, quizás era eu algo pequeno para comprender algunhas cousas pero, como digo, aquelas audicións terían sido suficiente como para abrandarlle a orella a calquera. Farei aquí unha acotación para engadir, ca fin de que os meus escasos lectores se fagan unha idea do meu pasado musical, que o meu irmán e o seu amigo foran bautizados artísticamente polo pai deste como Garfón e Sinfunkel (ou Sinfunkel e Garfón, non lembro a orde), e que nin dicir ten que se fixeran famosos coas versións daquel dúo novaiorquino. Meu Dylan, cantas veces escoitaríamos For Emily, Whenever I May Find Her!

Ben. Street Legal. Estabamos na cociña da casa, daquela case que tamén recén estreada, cando vin por vez primeira aquela portada co tipo asomando a un calexón e decidindo para onde ir, se esquerda, se dereita. Despois de escoitalo, meu irman tirou para a esquerda e eu para a dereita, é un dicir, que a el, afeito e namorado do BD xa referido, aquelo das trompetas e dos coros femininos non lle debeu soar nada ben; a min sooume a gloria, fun posuído e nin todos os padres Carrack do mundo poderían xa remedialo.

Montei naquela nova pony desde onde contemplei o cambio da garda sen tempo para pensar “nena, por favor, deixa de chorar”, o cal non estaba nada mal, pero foi ao darlle a volta ao disco cando o lóstrego que vai desde Is Your Love in Vain a Where are you tonight? golpeou a miña cabeza para sempre xamais. Desde aquela, pasiño a pasiño, cara adiante e cara atrás, descubrindo os seus vellos discos mentres agardaba polos novos, funme facendo dylanita. Todo paixón, todo entrega, tamén fun aprendendo grazas a BD o valor da contradición, do desapego, do relativismo, e así cheguei a nin amalo nin a odialo, tan só a sentilo. E outra cousa que me ensinou: baixar a esqueira e saír á rúa sen ter decidido inda para onde tirar. Xa veremos alí. O caso é estar fóra.

Non se pode negar que a imaxe é recoñecible. Un rapaz xogando a ser unha rocanrolestar na súa habitación. Taboa en man (eu era máis de air guitar) imita a un dos ídolos do momento, quén sabe, Arctic Monkeys ou Paper Cut, e faino ben o condenado. Ten moi boa pinta. Chámase Taylor French, e non tería nada de especial se non fora porque vive en Hibbing, concretamente no 2425 da 7ª Avenida Este (hoxe Bob Dylan Drive), e porque esa na que practica é a habitación do Mesmísimo. Servida unha frikada absoluta. Ou non tanto.

Ao rapaz e aos seus amigos non lles importa nada o BD ese. De feito, en Hibbing, Dylan é pouco máis ca un recordo e, suponse, viceversa. Ultimamente ten mellorado a cousa, sobre todo desde que coincidindo co seu aniversario instaurouse o Dylan’s Day (en realidade unha semana de actividades ao redor do personaxe), desde que na biblioteca municipal se abriu unha sección adicada a el e desde que se inventaron unha especie de percorrido turístico polos lugares supostamente máis dylanianos. En todo caso, semella que todo iso ten máis que ver cun intento de promocionar a vila (vese que por alí tamén andan a velas vir) que co apego ao bicho . Tan é así que o máis significativo en plan dylaniano é un bareto clásico chamado Zimmy’s, onde todo está decorado en función do Zimmerman en cuestión, con fotos, discos, libros, recordos…, inda que os clientes habituais, como Chantelle, a irmá de Taylor, son adolescentes aos que Dylan non lles di máis ca outra xente coñecida da zona, como Kevin Boston Celtics McHale, Judy Over the Rainbow Garland, Roger Pepsi Enrico ou o impresionante McGyver, si, o da serie. E resulta que o que lles di esta xente é que a mellor vista de Hibbing é a que se ve desde o espello retrovisor do coche.

Outras lembranzas hibinianas de Dylan? No Reuben ofrecen no menú cousas como o “Reuben ‘Hurricane’ Carter” sandwich ou o filete sangrante “Simple Twist of Steak”; na casa dos French, como agasallo para os frikis (e supoño que para que non chamen a porta para preguntar) teñen nunha ventá a foto de BD, que asoma como a nai de Norman Bates; un vello detecta e asalta aos fans que se achegan á vila e lles fai ler en voz alta unha enrrugada fotocopia dunha páxina dun libro escrito por algún cronista local onde sae citado coma un amigo de xuventude de Dylan que compartía con el o gusto polas motos e pola música. Pouco máis. Até a sinagoga onde celebrou o seu Bar Mitzvah hai tempo que é un bloque de apartamentos (non queda case pegada algunha dunha comunidade xudea que chegou a encher até 3 sinagogas, así cambia o mundo).

Pero aí están Taylor e os seus amigos. Na habitación máxica. Calculo que hoxe deben andar polos 16 e devecendo por marchar da vila. Tampouco me estraña, vendo o exito…

No ano 1975 Dylan foi en busca dun home, Jacques Levy, que lle axudara a rematar unha canción, Isis. Gustoulle tanto o resultado que en pouco máis dun mes acabou escribindo con el unha morea de cancións, sete das cales apareceron grabadas no seu traballo Desire, que saíu nese mesmo ano (entre as que non foron elixidas está Rita Mae, por exemplo). Non é raro que Dylan grabe cancións doutros ou mesmo tradicionais, pero non é tan habitual que asine cancións a medias. Robert Hunter, Tim Drummond, Tom Petty ou Sam Shepard son algúns dos (supoño) afortunados, pero en ningunha outra ocasión outorgou a autoría dun LP case completo a outro home, polo que podemos afirmar que Levy e Desire son un caso único na discografía dylaniana.

Quén era este home? Era un psicólogo novaiorquino metido a autor de teatro e letrista, director en dúas ocasións da obra Oh, Calcuta! e das letras da versión para a escena do musical Fame!, entre outras. Tiña amigos comúns con Dylan, como Roger McGuinn, dos Byrds (segundo a lenda foi a súa versión de Mr. Tambourine Man a que abriu os ollos a BD ao respecto das posibilidades do folk-rock) ou o mesmo Sam Shepard. Engadir que todos eles acabaron dun xeito ou outro enrolados na RTR, da que Levy foi o director de escena, como o foi tamén da película Renaldo & Clara.

Atopáronse en NI, no verán do 1975, como digo, só seis meses despois da saída do Blood on the Tracks onde, por certo, hai unha referencia, casual ou non, a Chestnut Mare, un dos meirandes éxitos dos Byrds, escrito a medias entre McGuinn e Levy (xa o tiña en mente, Sr. Dylan?). Segundo Jacques, o xeito de traballar as letras de Desire entre os dous foi tan doado como “poderíamos pór esto”, “e esto?”, “non está mal, pero tamén podería ser esto outro”, “pois si, pero que tal…”, e así até que ambos estaban de acordo en que a alguén se lle acababa de ocurrir a mellor idea. “Que quén aportou qué en cada canción?” dixo nunha entrevista tempo despois. “Iso non importa. Fíxose e punto”. Ese era o método.

De tódolos xeitos semella que Levy foi o responsable do ton cinematográfico ou se se quer teatral de moitas das cancións (“É noite. Soan disparos no bar. Entra Patty Valentine pola dereita. Hai un camareiro no chan nun charco de sangue. Patty berra.”), onde a acción e os diálogos son prioritarios fronte á descrición dos tipos e lugares, moitas veces difuminados, deliberadamente desprezados (“Amanece. Aparece un grego que pide unha corda e un boligrafo. O Home do mostrador: Pardon, Monsieur, - colocándose o fez - estou oindo ben?”). Todo esto é un feito: os guións de Hurricane, Joey, Isis, Romance in Durango ou Black Diamond Bay están no disco, escoitar as cancións é como ver unha película; os de Oh! Sister, One More Cup of Coffee ou Sara non serían moi difíciles de facer. A pesar do éxito incontestable do disco e da xira, nunca máis volveron colaborar. Un seguiu coas súas cancións e o outro co seu teatro.

Jacques Levy morreu dun cancro no 2004. Segundo conta Camille McGuinn na blo do seu home, Roger McGuinn, este estivo ao seu carón mentres lle sacaban a respiración asistida, cantando coa súa guitarra as cancións que fixeran xuntos, e que tocou até que a dor dos seus dedos foi insoportable. Non chorou, xa que dixo que iso lle tivera impedido cantar mentres o seu amigo se ía. Non dubido de que así foi, non teño razóns para facelo, pero non me digades que non é un final moi teatral, moi Broadway, moi digno do morto en cuestión.

En todo caso, grazas por todo, amigo Levy.

Ah! E tamén contan que lle regalou un dicionario de rimas a Dylan, dos que este descoñecía a existencia (”o tempo que tería aforrado!”, semella que dixo) e que xogando con el foi como estes homes escribiron Mozambique. Repito: grazas por todo.

Fantasear é gratis. Eu teño moitas fantasías (ben, a verdade é que se saco as sexuais non teño tantas). Entre elas hai dúas que coido comparto con moita xente. A primeira, que deixaremos hoxe de lado, é a resposta a qué faría se me tocaran… que sei eu, 4 ou 5 millóns de euros. A segunda, que é a que ven a conto, é a resposta a otra pregunta clásica: se cambiaría algo e qué cambiaría se volvera nacer. A parte de certos matices (a meirande parte deles sobre o tamaño do membro viril e o seu uso en xeral) o que cambiaría radicalmente sen pensalo nin un instante sería a miña relación coa música.

Gustar xa me gusta, pero faría todo o posible por entendela: armonía, composición, lectura de partituras, audicións, os porqués e os cómos… Despois, por estrita orde de desexo, adicaría o meu tempo a ser quen de tocar con certa soltura un par de instrumentos (guitarra e piano principalmente, pero valeríanme calquera outros). Por último fixaría en vivir dela o obxectivo principal da miña vida, e non renunciaría a el por nada, porque sei que podería facelo. Non me preguntedes por qué. Seino. En realidade os tres desexos van xuntos.

Ben sei que nunca volverei nacer. Por eso, desde hai uns anos, trato de estudar toda a música que son capaz de entender (prácticamente nada) e adico todo o tempo que podo (prácticamente nada) a aprender a tocar a guitarra. O de vivir da música… pois iso, non sairá nunca do mundo da fantasía.

Se volvera nacer, se poidera facer soar a música tal como soa na miña cabeza, Gardián dos teus soños (a miña particular versión do I’ll Be Your Baby Tonight dylaniano) sería unha magnífica canción, e non tería que pedir aos meus ben queridos lectores que fixeran un esforzo por apreciar a intención máis que o resultado. Nada hai que desculpar a Al T. Erego e a Billy Parker Jr. (baixo e percusión, respectivamente, uns xenios) pero a Chiquito (voces e guitarras)…

(”O pasado día 1 chovía e pouco había que facer. Pola miña cabeza pasaron unha idea, unha melodía, un ritmo e tenteinos quitar para fóra. Non fun quen. Non hai con que. Qué impotencia. En todo caso comparto con vós o resultado, se é que se pode considerar así. Molesten as desculpas.”)

Corre por aí unha historia (storia, en inglés) da que seguro que tedes noticia. Inda que así sexa, coido que paga a pena lembrala neste day.

Tal día coma hoxe, un ocioso bo día de verán mediados os ’80, Dylan está en Londres. Sen moito en que ocupar o tempo ocúrreselle ir visitar a Dave Stewart, xa sabedes, o tipo dos Eurythmics, que vive na cidade, en Crouch Hill nº tal, onde tamén ten o seu estudo.

Entran no taxi o amigo Dylan e David Mansfield e danlle a dirección ao hindú en cuestión, que os leva até Crouch End Hill, nº tal. “Un tipo sinxelo, este Dave”, debeu pensar BD cando viu a casa. Chaman á porta e sae unha muller nova. “Boas, está Dave?” A muller asinte. “Saíu a un recado, pero chegará nuns minutos… Se queren pasar e agardar por el…” Dylan e Mansfield preséntanse, pasan e sentan na sala, desde a que se ve a rúa. A habitación é pequena, con moqueta polo chan e tapetes de rafia até na lámpada. Un muiño feito de pinzas da roupa e unha botella recuberta de imaxes recortadas dos xogadores do mundial de Alemania ’74 destacan sobre o moble do que sobresae a panza da televisión. Desde o sofá de escai onde están sentados case poden tocar a pantalla estirando o brazo por riba da mesa de té. Bob e o seu amigo míranse entre sorprendidos e divertidos, pero non cruzan nin unha verba. Cando entra a Sra. Stewart coas cervexas para os invitados, Dylan, coquetón, acaba para comprobar que entre os moitos discos de Dave están os seus e, efectiva e satisfactoriamente, ve nun primeiro repaso que debe haber uns 15, algúns deles piratas, como debe ser.

A conversa é fluida, o tempo, o tráfico, o taxista hindú que non se enteraba de nada… Ao pouco escóitase unha chave na porta. “Aí está Dave”, di a muller, que se levanta coma un resorte. E así é, alí está Dave Stewart, fontaneiro (ou perito de seguros, iso depende da versión da storia), na porta da súa sala, paralizado, fitando a ese tipo que se parece a Dylan pero que é Dylan, o mesmo tipo que comeza a rir cando se decata de que Dave Stewart probablemente non sexa un nome moi raro aquí, en Londres. É cando a Sra. Stewart, tamén entre risas, confesa que non sabía que facer, que ela ben sabía quen era desde un principio, pero que como non lles preguntara de primeiras que facían alí, pois despois non atopara o momento para facelo, o que cada vez a estaba a poñer máis nerviosa. Quén non coñece esa sensación?

Cando Dave se repuxo os catro tomaron as cervexas tranquilamente, e despois de Dylan e Mansfield asinárenlles algúns dos discos e quitaren un par de fotos (o Sr. e a Sra. Stewart necesitaban probas de que aquelo sucedera para poder contalo), o mesmo Dave os levou no seu coche até o estudo do outro (o falso) Dave Stewart.

Son cousas que pasan. Quén sabe se eu, algún día, cando sexa mundialmente descoñecido por todos e quera ir visitar a, por exemplo, Rubén Ruibal, teatreiro, horticultor e criador de centoliños, non apareza na casa de Rubén Ruibal, fontaneiro (ou perito de seguros, que iso, claro, dependerá da versión da storia).

Abandonou o centro de rehabilitación e comezou a viaxar polo país, indo de vila en vila, de cidade en cidade, tocando na rúa e en garitos de mala morte, levando a cabo unha xira que algúns, seguro máis pretenciosos, non dubidarían en calificar como interminable. E todo coa única esperanza, no seu delirio, de tropezar algún día con Dylan e executar a sentencia.

O tempo pasou lentamente, como é preceptivo, e o noso Thomas foi saíndo do pozo. Conseguíu un traballo de recepcionista (recibidor?) nun hotel, casou de novo e tivo unha filla. Abandonou as rúas. Abandonou a música. O colesterol foi ocupando no seu sangue o sitio que un día estivera reservado á carraxe, á vinganza. Na primavera de 1997 sufriu un infarto e foi operado de urxencia. A cousa estaba realmente fodida e ficou ingresado durante un bo tempo, no que de paso aproveitaron para operarlle unha hernia inguinal e un quiste deses de graxa no seu ombreiro dereito. Aquel susto fíxolle reformular a súa vida e trouxolle de novo aquel vello e desgrazado ímpetu de escribir cancións (asaltábanlle as dúbidas sobre qué faría BD se se enteraba, temía que estivera agochado detrás dalgún compás, detrás de calquera verso que escribía). Nesas estaba, tentando escoller entre “talking with you in my head”, “laying with you in my bed”, “trying to shave my beard” ou “wond’rin’ if her hair’s still red” (este último verso, a pesar do difícil encaixe, era o que máis lle gustaba, inda que non sabía o porqué) para rimar con “I’m running through the streets that are dead”, o primeiro verso da súa primeira canción en moito tempo, Love Sticks. Nesas estaba, digo, cando soupo que Dylan ingresara cunha pericardite na habitación do lado. Non era posible. Maxia. A súa cabeza disparouse.

Maggie McLure, enfermeira da quenda de noite, quen por certo tiña unha granxa que levaba ela sóa xa que a xente que contrataba acababa despedíndose máis pronto que tarde (parece ser que non daban aturado nin a Maggie nin a súa familia, inda que esa é outra historia que xa contaremos algún día), digo que Maggie McLure entrou na habitación de Dylan cando este agonizaba medio esganado colgado do cable da pera do timbre mentres Thomas lle aplicaba descargas nos collóns coa pila (nova!) do seu marcapasos e lle berraba unha e outra vez: “Qué? Qué se sinte?* Eh? Qué se sinte?” Robert A. Timberman foi detido e ingresou na clínica mental “Chantal Maillard Memorial” (non os curan, pero fican moi tranquilos), onde, afortunadamente para nós, inda permanece a día de hoxe.

Afortunadamente porque alí traballa o tipo este que me contou a historia, que é quen me mantén ao día. De feito seica agora o noso novo amigo Bob Thomas anda escribindo novas cancións. A última parece que é moi boa. Titúlase Working Bluesman, Bluesman at Work, ou algo parecido. Iso si, #2, por suposto.

*Nota para os de francés: “How Does It Feel?”, no orixinal.