+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!


Debeu ser este verán que nalgún artigo sobre Elvis Presley lin unha declaración dun dos gardiáns do seu legado, alí en Graceland, que dicía que se ben as imaxes de Elvis no programa de Ed Sullivan (as máis famosas de todas as imaxes do mundo mundial) podían resultar curiosas, só se se ve aquel programa enteiro, aos outros artistas, se pode decatar un do inmenso impacto do artista naquel momento, e comprender así a súa real trascendencia e valía.

Eu vou facer algo moito máis modesto con Dylan (eu son moi modesto, inda que nesta soa frase vou dicir até tres veces eu) e vou amosar, Billboard me diante (do verbo diantar), o que había pola época na que BD saíu a palestra e se deu a coñecer. Tamén hai que ter en conta que o impacto do noso amigo, se ben de maior alcance a longo prazo, foi naquela época moito máis modesto que o de Elvis na súa, por suposto.

Por exemplo, e falando dos 5 LPs máis vendidos en USA de cada ano, no ‘62 foran as BSO de West Side Story, Breakfast at Tiffany’s (Mancini) e Blue Hawai (o mesmísimo Elvis). No ‘63 alí seguía West Side Story, pero aparecen tamén dous LPs de Peter, Paul and Mary (producidos por Albert Grossman e con cancións de toda aquela xente do Village da que Dylan estaba a tirar proveito) e un directo de Joan Baez, acompañados por un Tony Bennett que inda non cumprira os 40. No ‘64 de novo PP&M, agora presentando a Dylan por partida dobre (Don’t Think Twice... e Blowin’... E onde ía Dylan xa!) nun album titulado In the Wind, por se quedaran dúbidas. Tamén triunfaba unha novísima Barbra Streisand e seguía, con duracell, West Side Story.

No ano ‘65 (Highway 61 Revisited) as BSO de Mary Poppins, My Fair Lady, Fiddler on the Roof e The Sound of Music (coido que é Sorrisos e bágoas), acompañadas polos Beatles, cun album de 11 cancións (I’m a loser, I Feel Fine ou I’ll Be Back, está claro que de seguir así non habían pasar á historia da música) das que catro eran versións (inda no ‘65). Finalmente, ao ano seguinte, repetían The Sound of Music e os Beatles, con Rubber Soul, editado en decembro, que ten mérito, con Norwegian Wood (tal vez a canción máis dylaniana de Lennon, e ten unhas cantas desas), Michelle ou In my Life: é innegable que algo avanzaran. A destacar que Herb Alpert & the Tijuana Brass, especializados en música instrumental, colocaron ¡tres! LPs entre os cinco máis vendidos do ano. Nin os Beatles, neno.

Inda que quede un pouco longo, imos cos singles, que se dicía daquela. No ‘62 destacarei a Ray Charles e o seu I Can’t Stop Loving You, e a Bobby Vinton, un crooner que inda se está a lembrar das nais de Dylan, dos Beatles e dos demais melenudos que lle estragaron o negocio, a el, o novo Sinatra. No ‘63 aparecen os Beach Boys co Surfin’ USA e The Fireballs, que non sei quen son pero teñen un careto que paga a pena velos. Ao ano seguinte arrasan os Beatles con I Want to Hold Your Hand e She Loves You (daquela sempre tan profundos), 1º e 2º entre os máis vendidos, Louis Armstrong (xusto antes de subir á lúa e de gañar o Tour) con Hello, Dolly, o gran Roy Orbison con Pretty Woman e os Beach Boys con I Get Around. My Back Pages pouco podía facer con tal alarde. Qué ben o pasaron os norteamericanos no ‘64, mecájina.

No ‘65, todos de xeonllos, aparecen os Stones con (I Can’t Get No) Satisfaction, acompañados por grupos vocais como os Four Tops, We Five, Six Brothers (é coña: son os Righteous Brothers, era por seguir coa conta) e Sam the Sham & the Pharaohs. Se non vos sóan estes últimos, son os autores do famoso Wooly Bully . Para rematar no ‘66, seguen aí os RB e os FT, pero lidera a lista dos máis vendidos un tal Sarxento (tal cal, vese que o dos militares que cantan non é novo) Barntry Sadler con The Ballad of the Green Berets, da que lembro unha versión de non sei quen que a cantaba en español (La balada de los boinas verdes). Cousas dos tempos.

 

Falaba no pos anterior dunha suposta canción cun título, Lone Tree Ferry’s Talking Blues, que faría referencia, malia ser unha invención, a un lugar real.

No 1849, en plena California Gold Rush, un home chamado William D. Brown chegou a Kanesville, unha cidade fundada recentemente á beira do Missouri que pouco tempo despois cambiaría o seu nome polo de Council Bluffs. Alí ficou. Aquel home de negocios soupo ver que a súa “quimera do ouro” estaba naquel lugar ou, por mellor dicir, no medio medio daquel gran río: nun gran paquebote que había de atravesalo de beira a beira transportando homes, gado, ferramentas, armas, o que fora, cara a Nebraska, terra de promisión que comezaba xusto enfronte de Kanesville, Iowa (a que presta dicir canesvil, aiogua?). Mercou un gran soar nesta vila e terras na beira de Nebraska, nun lugar chamado, non haberá que dicir por qué, Lone Tree, a árbore solitaria. Construíu alí un peirao onde había de parar o tal Lone Tree Ferry da canción e, moi cedo, tamén se fundaría unha estafeta. O demais xa o vimos nas películas de vaqueros mil veces, que para algo haberían de valer: unha rúa de po ou lama (segundo o tempo), algún saloon con rapazas ledas, unha barbershop, a oficina do sheriff, unha Hardware Store, … En fin: Omaha.

Omaha é hoxe unha cidade de máis de 400 000 habitantes, cabeza dun área metropolitana que abrangue as dúas beiras do río e que acada  a cifra de 800 000 habitantes. Alí, no Qwest Center, o día 26 de outubro tocou Dylan de entrada Leopard-Skin Pill-Box Hat, e de saída Blowin’ in the Wind. Polo medio Love Sick, Highway 61 Revisited e Workingman’s Blues, por exemplo. Brice Sullivan, un tipo de Lincoln, di que o concerto estivo moi ben (e é a sexta vez que o ve en directo).

A qué ven todo esto? Non sei, preguntádelle a D. José Ramón Álvarez Rendueles, presidente da Fundación Príncipe de Asturias.

Alguén tivo a ocurrencia, pola rede adiante, de mirar cales son as 12 verbas máis usadas por BD nas súas cancións. Supoño que debería confirmar tal cousa, pero a verdade é que hai unha manchea de tonterías nas que perder o tempo como para repetir a que xa fixo outro desocupado (e. g., este pos). Digo eu.

As tales verbas son: babe, bells, blue, gypsy, heart, mama, rain, reflection, river, ship, wall e wind, así que supoño que os versos que siguen terán que soar dylanianos á forza, por malo que sexa o poeta:

Oh, Babe! Rain’s wiped up your reflections on the wall
And wind’s taken ships away from blue river
Now I’m a-hearin’ bells’ echo inside mama’s gypsy heart.

Por exemplo. Acompañado dunha música country-western ou directamente folk (Happy Traum tería moito que dicir aquí) podería estar na bridge dunha canción titulada Mama’s Gypsy Heart ou Lone Tree Ferry’s Talking Blues, por dicir algo. O segundo verso, para min, é o máis dylaniano, e o terceiro un pouco menos. Entendo que o primeiro é o máis frouxo (ese wiped up non soa nada). Pero seguro que vós o podedes facer mellor ou, para que non vos corte a modestia, polo menos igual de mal. Veña. Agardo os vosos versos. Será divertido.

Convertimos de novo esta blo no que un día foi, +dylan, despois dun tempo de rubenmanía coido que máis que xustificada. Semella que de novo o amigo dlH61 se atopa con folgos e ganas de volver traballar para o inglés, ese gran mecenas do blogomillo.

Haberá que ter paciencia. Anda un pouco enferruxado. Iso si, fará o de sempre, escribir e escribir arredor de Bob Dylan, The Man in Me, dándolle voltas e dándolle a volta e volta a darlle. Qué lle imos facer se non sabe facer outra cousa.

Así que, con todos vostedes, o novo +dylan de sempre. A ver se sae.

 

Ola, son eu, De la Highway 61. Non tiña pensado volver tan axiña, pero a ocasión meréceo. Vaia se o merece!

Hoxe pola mañá vin na blo de Rubén “Hurricane Carter” Ruibal que o felicitaban algúns amigos, pero por máis que quixen mirar non fun quen de quitar as razóns. Son así de espabilao. Agora si. Amigo Rubén: non teño palabras. E eu, inocente de min, que pretendía escribir con vostede unha obra a dúas mans… a ignorancia, meu señor, que lle é moi moi ousada. De tódolos xeitos agardo que o das birras sexa algo máis “á miña medida” (e que non sexa algo mítico, como ameaza ser).

Nunca pensei ter un amigo virtual. É certo que cheguei fantasear co cibersexo: iso de ter unha amante medio espida ao outro lado do cable á que non se lle ve a cara mentres un entretén ao seu “miniyó” estarán de acordo comigo que é vulgar, pero efectivo. Agora ben, o de chatear cun tipo, casado, con fillos, con perilla e labrego, non me digan que non é totalmente preocupante, e xa non só desde un punto de vista heterosexual, senón desde calquera outro que se quera mirar.

Alguén di na blo de Rubén que se sinte feliz por ese premio, inda que non sabe se ten dereito a sentilo. Eu tamén o digo, e engado que me importa un carallo se o teño ou non e o que pensen vostedes ao respecto. Só sei que Rubén é un meu amigo, que foi o pai fundador de +dylan e que é unha das escasísimas razóns polas que me esforzo por encher estes píxeles con máis ou menos esforzo (con máis ou menos acerto) e inda que, por suposto, o premio non vai cambiar para nada todo iso, teño que dicir que hoxe síntome moi honrado de que así sexa.

Bicos es o máis grande, un saúdo, unha aperta, un 69 e o que faga falla.

PD. Rompo por 2ª vez o principio non escrito de que aquí só se fala de Dylan. Hoxe, ao dulathense, que lle dean, james dean. Principe de Asturias, Príncipe de Asturias… Hai que joderse, Rubén. Non, se seguro que o Dylan ese hase crer alguén importante… o que temos que aguantar os fans, filliño….

 

Pois tal cal. Hoxe hai un ano que dlH61 puxo o primeiro pos aquí, en +dylan, a blo creada por Rubén para os amigos do vate de Duluth (un ano enteiro agardando para poñer vate de Duluth!). A intención primeira foi que se convertira nun espazo de creación colectiva, pero desde moi cedo (desde hai un ano, concretamente) o amigo dlH61 fíxose dono e señor do lugar, e todo para acabar abandonándonos. Qué cabrón. En fin. Volverá.

Sexa como sexa, aquí quedan todos eses amigos que fumos facendo e coñecendo, entre os que lembraredes a Fielding, a Knezovich, a Pettersen e a súa gravadora, ao gran Bryars, a Mike Reynolds, ao prodixioso Bruce Langhorne (ao que tanto e tanto lle debemos), a Jacques “Desire” Levy, ao plaxiado/afortunado Januchi e, sobre todo, ao amigo Bob Thomas, o noso particular seguidor imposible.

Viaxamos a Hibbing e ao Iron Range, fumos con Dylan a ver a Buddy Holly e asistimos tamén a unha misa gospel a carón da Highway 61; fumos de xira, viaxamos pola ruta 66 e estivemos en 56th and Wabasha; asistimos á gravación de Blood on the Tracks e dalgunha que outra canción (escoitamos xuntos Workingman Blues #2). Coñecimos ao Dylan xudeu (tamén ao sionista) asi como ao cristián. En fin, toda unha vida nuns cantos píxeles.

Pasámolo ben. Eu polo menos. Como este dhH61 se negou a poñer un contador, non podo dicir canta xente visita +dylan; tampouco leva conta de cantos pos van, nin cantos comentarios. É así. Sei que ten o récor de comentarios do mundo mundial, porque como esqueceu poñer un antiespán deses, os amigos da viagra empalmáronse todos e puxeron comentarios a fartar. A verdade é que, a parte dos da viagra, poucos deixan comentarios por aquí. Poucos pero escollidos, claro. Decote deixan inesquecible e impagable pegada Colodroni (Where are you, Colodroni?), Arume, Rubén e Mario, que entre todos non pasan de tres e, de cando en vez, vemos a Ana Bande, a Besbe, a Lula, a Occam e algún outro que, algunha vez, moi amablemente, nos deixan saber que pasaron por aquí.

A todos, aos que deixades comentarios, aos que pasades por aquí timidamente e, sobre todo, aos que vendedes viagra, moitisimas gracias de parte de dlH61 e de quen esto subscribe. Por aquí andamos para o que desexedes. Ás veces é canso, pero sempre un pracer. Bicos mil ou, como diría Patty Smith, bicos de nait.

 

“Diante de calquera dos hoteis elegantes nos que nos aloxamos, está sempre aparcada e visible a gran motorhome verde e branca de Dylan, convertindo o sitio que sexa nun ambiente de camping de caravanas con marcha. Parece decidido a manter a súa condición xitana a calquera precio. Na avenida Madison, no corazón das tendas de xoiería, a caravana fai ruido de vida secreta. Xusto ao outro lado da rúa o circulo completo da Rolling Thunder está gorecida nas súas luxosas suites. O ‘xefe’ senta no seu tráiler observando a marcha do negocio. Algunhas veces óense febles sons acústicos, o repenicar de campás, un estraño fume azul serpea pola atmósfera. A un lado da caravana hai un pequeno cartel del plástico branco e negro que di: KEMP FISHERIES. Nunha ventaniña hai un cartel que anuncia un combate de loita libre. Ninguén podería imaxinar quén está dentro.”

Sam Shepard, Rolling Thunder: con Dylan en la carretera (Anagrama, 2006), páx. 173

Situación: A RTR está en Bostón. Sam sae do concerto de Dylan e cruza a cidade con Sloman, un periodista da Rolling Stone que non semella caerlle moi ben. Quere atopar a unha rapaza de San Francisco chamada Jane. Na súa procura chegan a un concerto punki. O fragmento gústame especialemente porque esa viaxe a través da cidade ten algo de viaxe a través do tempo; porque é a constatación de que hai moitos mundos pero que están todos neste; porque demostra que pasado, presente e futuro solápanse de contino; porque cando pensamos que sabemos todo, non sabemos absolutamente nada; porque ninguén está nunca de volta de nada.

“Xusto diante da sala hai dous tíos grandes e cachas metendose de hostias mentres outros tíos cachas lles fan corro. Hai sangue que corre coa chuvia polos chanzos. Colámonos por detras dos gardas que tamén están a contemplar as puñadas. Comezamos ensinar os nosos pases plastificados da RTR como se foran acreditacións de prensa para a Casa Branca ou algo así. Déixannos entrar no espectáculo dos monstros. “Punks brancos drogados”. É coma entrar nunha festa nunha cripta. Aparatos de televisión que relocen por tódalas partes, son distorsionado con violencia que soa coma unha vaca que patea a súa placenta e sen saber qué lle deu. Un travesti de dous metros e medio subido nuns tacóns de plataforma dourados, un mono prateado cinguidísimo, pelo roxo crecho, e o batería detrás machacando os seus intrumentos coma se estivera atrapado no seu propio mosquiteiro. Se se supón que se trata dunha sátira non a pillo. Se non o é, entón alguén está moi mal.

(…) Vexo por detrás del que Jane sae do escenario completamente espida excepto por un par de botóns e uns pantis. Chámoa a berros e lévanos por unha esqueira de caracol de ferro até o camerino, seguida doutras catro rapazas igual de espidas. (…) Inhalamos longas raias de neve sobre a funda dun disco. No sitio vai calor suficiente para cultivar cogumelos e eu teño a sensación de estar a fundirme. Abandono a Sloman e volvo abrirme camiño por medio do espectáculo terrorífico para voltar ao salón de concertos no que actúa Dylan. Cruzan a miña mente pensamentos estraños. Qué fan todos estes rapaces vendo esta merda cando podían estar escoitando boa música? Impórtalles algo a boa música? Interésalles algo unha manchea de cantantes folclóricos do West Village dos sesenta? Eles queren ver acción. Queren ver sesos que gotean aplastados no teito. Esto é esa cousa xeracional da que se oe falar todo o tempo? Qué esta a pasar, de tódolos xeitos? Agora xa formo parte dos vellos? E Dylan? Existen certos círculos nos que non se coñece a Dylan? Como a Frank Sinatra? Ou a Bing Crosby? Voa o tempo? Váisenos o tempo voando por tódalas partes? Hai alguén que saiba ver o que está a pasar de verdade? Eu non.”

Sam Shepard, Rolling Thunder Revue: con Dylan en la carretera. (Anagrama, 2006). páxs. 170-172

 

“DYLAN: Tes lido algo de Conrad?

SAM: Non

DYLAN: Pois deberías ler a Conrad

(Pausa longa)

SAM: Les moito?

DYLAN: Algo

SAM: Tes lido sempre moito?

DYLAN: Sempre leo algo

SAM: Onde consigues os libros?

DYLAN: Nas bibliotecas da xente. Entro nas bibliotecas da xente e téñenos alí.”

Sam Shepard, Rolling Thunder: con Bob Dylan en la carretera (Anagrama, 2006), p. 112

 

Mentres agardo leo o libro de Sam Shepard Rolling Thunder: con Bob Dylan en la carretera (Anagrama, 2006) que se deixou por aquí a medio ler o amigo dlH61. Se non vos importa, compartirei con vós algúns fragmentos que hei escoller eu, que para iso son o que vai a amenizar a espera. Por certo, o libro está moi ben, moi setentero. Aló vou.

“Dylan inventouse a si mesmo. Fíxose a sí mesmo desde cero. Esto é, a partir das cousas que ten ao seu redor e dentro. Dylan é un invento da súa propia mente. A cuestión non é explicalo, senón asimilalo. De tódolos xeitos, el métese en ti, así que, por qué non incorporalo, simplemente? Non é o primeiro que se inventou a si mesmo, pero si o primeiro que se ten inventado a Dylan. Ninguén o inventou antes del. Nin despois. Qué sucede cando alguén inventa algo fóra de si mesmo, coma un avión ou un tren? A cousa vese como o que é. Vese como algo incrible porque nunca se viu antes, pero a xente absórbea e nese proceso as súas vidas cambian. Pero non andan por aí tentando entender o que non é, para sempre. Utilízano coma un medio para a aventura.”

PD. : Agora que o penso, parece que fala do mesmísimo dlH61, non si?