+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

THE TIMES THEY ARE A-CHANGING

Hoxe ía eu para o curro escoitando a radio (cousa pouco habitual) e puxeron The Times They Are A-Changing (xa sabedes: Come gather ‘round people / wherever you roam…”). Primeiro quedei abraiado, supoño que en parte por que a puxeron a traizón, sen avisar nin nada, e en parte porque era o Gran Bob Dylan, pero logo deume por reflexionar e caín en dúas cousas.

Unha, evidente, é que son idiota. Hai dous posts preguntabame eu como era posible que inda a día de hoxe Dylan seguira a ser identificado cun tipo vestido cunha canadiense que leva unha guitarra de pau, toca a harmónica e canta cancións protesta. Pois só había que escoitar esta canción e xa estaba todo explicado, meu home! Ese rasgueo monótono das cordas, esa harmónica unindo/partindo estrofas, esa voz antiga, ese fraseo case homérico, esa mensaxe sinxela e directa… Todo sen ningún tipo de alarde, sen rastro de virtuosismo, a renuncia total a calquera tipo de artificio, a penas unha certa vontade de estilo para trasladar unha mensaxe…, alto e claro. A canción popular en estado puro. Dylan é o cego que percorría os camiños e contaba/cantaba as últimas novas acompañado por un escaso violín dunha sóa corda que pouco máis que lle axudaba a entonar algunha melodía de máis de mil anos. Vellas cancións para novas mensaxes. “Catro acordes e a verdade”, tal como o describe Bruce Springsteen. Serían necesarios centos, miles diría eu, de blondesonblondes e de highway61revistedes, para borrar a pegada brutal de tal atavismo. Tan brutal que, de feito, Dylan nunca se librou dela, ata o punto de que el mesmo acabou convertido nese atavismo.

A outra reflexión, máis triste, é a constatación de que os tempos están cambiando, que seguen a cambiar 50 anos despois, pero que non acaban de facelo. Eles, os tempos, tentan dar ese xiro que convirta o vello mundo noutro novo, suponse que mellor, pero non dan. E a esperanza vaise esvaecendo, como o propio Bob Dylan. E que nos quedará despois? Esta mesma vella canción soando na radio dun coche, pero non sei se será abondo.

PD: O vídeo vese moi mal, pero paga a pena botarlle unha ollada. E escoitalo, claro.

2 Responses to THE TIMES THEY ARE A-CHANGING


Comentarios

  1. Comment by Mafalda | 2011/05/04 at 21:05:42

    Qué si cambian los tiempos!, no paran!, vamos a todo gas… a dónde?? Ni idea.


Trackbacks & Pingbacks »»

  1. Trackback by| comment_author_url Temple Run Download | 2013/05/11 at| comeent_time(h:I: 08:53:58

    Temple Run Download…

    +dylan…

Comments are closed