+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

A VER SE NOS ACLARAMOS

Os dylanitas somos lexión. Os antidylanitas somos, tamén, lexión. Pero a lexión máis grande é a dos indiferentes, os ignorantes (descritivo, non insultante), os que pasan moi moito de Dylan e fan ben. Esto ten xerado un problemilla coa imaxe do Vate de Minnesotta (por Dylan! Póñenseme os pelos como escarpias ao dicilo) que, por algún milagre que se me escapa, segue a ser a dun tipo cunha guitarra de pau protestando por algo. A ver.

Dylan comezou tocando polo circuito folk do Village no 1959-60, ambiente progre, cultureta, beat-nick, etc… No 1962 quitou un primeiro disco onde só había dúas cancións propias, unha adicada ao seu ídolo Woody Guthrie, o prototipo de cantante protesta, progre e esquerdista. No 1963 quita outro xa con cancións propias, de estilo folk e, como era preceptivo, letras de corte social e político (a mitiquísima Blowin’ in the Wind, por exemplo, ou A Hard Rain’s a-Gonna Fall, canción inintelixible que ninguén dubidou en relacionar coa apocalipse nuclear cubano-soviético-norteamericana, malia que foi gravada antes de que nada daquelo sucedera). A cousa empeorou ao ano seguinte co terceiro disco, The Times They Are a-Changing, que contén a canción do mesmo título, da que todos oíron falar algunha vez, porque iso de “os tempos están cambiando” é unha recorrencia para titulares e demais.

Pero xa ese mesmo ano quita Another Side of Bob Dylan, que como o seu nome indica, amosa outro tipo distinto. As letras complícanse, son moito máis intimistas (tanto que algunhas son indescifrables inda hoxe en día, centos de teses sobre o animal despois), inda que a música sigue agarrada ao folk e ás súas formas. No 1965 Dylan im ou ex plosiona, segundo se quera ver: BIABH e Highway 61 Revisited con LARS, supoñen o despegue definitivo do noso amigo, e con despegue non me refiro só a tomar a altura das estrelas, se non a que se despega do seu pasado folkie, das protestas, da cuestión social, e todo iso. Bueno, non de todo, pero agora, cando o fai, é dun xeito que non ten nada que ver coa inocencia e o infantilismo do cantautor ao uso. Faino, pero ninguén se cosca. Vólvese sobre si mesmo, non quere saber nada de nada nin de ninguén que non sexa el mesmo. A partir de aí, comeza outra historia do rock que non imos contar hoxe.

A pregunta é: como é posible que despois de 50 anos de carreira dos que só nos dous primeiros anos e nos tres primeiros discos fixo de Woody Guthrie, a xente siga a ter esa imaxe del? É que a primeira impresión é sempre a que vale? Tanto? Se ademais cando el se fixo famoso a nivel planetario (e multimillonario) foi coa psicodelia, as drogas, a introspección, o illamento, que son todo o contrario ao rollo folk-protesta-cantautoril. E despois diso? Nada: a cabana en Utah, o country, a conversión ao cristianismo, a reconversión ao xudaismo e ao sionismo, a crise dos 40, a vellez tranquila… Pero nada. Non hai nada que facer. E mira que el porfiou e porfía por romper con esa imaxe de progresista, de revolucionario, de pacifista… pero nada, amiguiño.

Claro que a culpa é (en parte) súa. El, un xudeu medio de clase media do Medio Oeste, creou un personaxe para si, buscavidas, animador de burdel, vagabundo de tren de mercadurías e todo iso. Para cando comprou a mansión en Woodstock, onde vivía todo o pijerío novaiorquino, xa era demasiado tarde. Despois foi o palacete de Malibú, e nin así. Agora é o rancho de non sei cantos acres (todos doces, por suposto) onde cría cabalos. E dá igual. Súmalle os anuncios de bancos, coches e roupa interior. Segue a dar igual. Abonda cun/cunha periodista pouco avisada, da lexión dos indiferentes, para que Dylan volva ao Village e á Guerra de Vietnam.

2 Responses to A VER SE NOS ACLARAMOS


Comentarios

  1. Comment by estrougwsa | 2011/04/08 at 00:15:20

    Moi interesante. Mais creo que esa distinción (entre un dylan social e outro intimista) é un pouco ambigua e, a min cando menos, non me funciona. Creo que moitas das cancións máis explícitas de Dylan, en termos de crítica social, están escritas moito despois dos tres primeiros álbumes. E estou a pensar en Hurricane, Joey, etc., onde se fala, e con dureza, da interioridade do capitalismo, da mafia…
    No que si coincido é en que a versión do Dylan censurado en China e obrigado a non cantar os seus temas tópicos, dada pola prensa estes días, debeu ser elaborada por alguén que non sabe moito de Dylan e que, sobre todo, descoñece o seu carácter poliédrico, o seu polimorfismo, a súa ambigüídade.
    Direille, finalmente, para darlle envexa, que eu estiven unha vez con Dylan. Mais isto déixoo para outra ocasión.
    Saúde.


Trackbacks & Pingbacks »»

  1. Trackback by| comment_author_url temple run for mac | 2013/01/29 at| comeent_time(h:I: 07:22:37

    temple run for mac…

    +dylan…

Comments are closed