+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Mr. JONES

Jones é, con Smith, o apelido máis común no mundo anglosaxón, segundo me ten contado o amigo Rubén*. Isto quere dicir que, na interpretación menos comprometida da Balada do Home Delgado (BTM), o tal Mr. Jones viría a ser o Sr. López ou Pérez, é dicir, un home corrente, ata pode que vulgar, un pai de familia tradicional que fai os seus deberes e se entretén vendo a tele ou preparando unha barbacoa no patio traseiro. A idea da canción sería logo contrapoñer a esa persoa o mundo da contracultura estadounidense dos anos ’60, un mundo no que Dylan era unha das máximas referencias, se non a máxima xusto nese momento.

Convencido de que o mundo cambiaba a cotío, cada vez máis rápido, e orgulloso de ser un dos que pisaba o acelerador, nesta canción BD atacaría por medio de Mr. Jones a esa sociedade tradicional formada por sospeitosísima xente de máis de 30 anos que nin se enteraba do que pasaba nin gañas que tiña. Nesta onda, BTM sería como unha posta ao día de The Times They are-a Changing, unha versión cabreada, violenta, dura e alucinada daquela vella canción de había un ano, a esa velocidade ían as cousas por aquel entón na cabeza de BD.

E que hai dos paiasos tolos, dos leñadores, dos ananos cun so ollo, dos tragadores de sables? Bueno, por aquel entón BD escribíache así, raro. Moi influenciado polo surrealismo, pola psicoloxía (barata) freudiana tan de moda aqueles anos (non hai máis que ver algunha das cargantes pelis de Hitchcock da época), pola escritura espontánea e polo LSD (se ata é difícil entender ao Lennon daqueles anos!), BD liábase escribindo, moito, pero ao final sempre lle saía ben, incluso moi ben. A pretensión era crear imaxes que trasladaran ao lector (neste caso ointe, espectador) as sensacións, as emocións que o escritor quería provocar, neste caso, coido, ansiedade, anguria, ou descoloque diante desa realidade nova da que antes falaba. É igual que nas pelis expresionistas dos anos ’20, con eses escenarios irreais cheos de casas a punto de caer e de sombras dislocadas que pretenden reflectir máis o que pasa dentro das cabezas dos personaxes que o que pasa fóra; parecido a eses cadros torturados de Van Gogh, cheos de lámpadas imposibles que aluman como soles (ou era ao revés?); ou que aqueles desvaríos cromático-oníricos do xa citado Hitchcock.

O caso é que o cabrón de BD logra o seu obxectivo, palabra a palabra, imaxe a imaxe. Hai algo de máxico nesa capacidade para descolocar ao máis pintado á vez que lle traslada a mensaxe, alta e clara: “Algo está pasando aquí e vostede non sabe o que é. Non si, Mr. Jones?”

O conto podería ir por aí. Ao mellor non é exactamente así, pero por aí ten que ir. Pero hai máis posibilidades.

*Esa é a razón pola que o de The Twenty insiste en que eu vivo en The Bridges of Smith-Jones

4 Responses to Mr. JONES


Comentarios

  1. Comment by Mafalda | 2010/07/15 at 13:47:14

    Definitivamente … me retiro del mundo dylanita antes de que me echen!
    Mi interpretación fue justo lo contrario a lo que se pretendía transmitir …

  2. Comment by more | 2010/07/15 at 14:38:59

    pois eu non o teño claro, pero noraboa polos artígos.
    Xa son asiduo-enganchado a +Dylan!!!
    … e mero aspirante a dylanita…

  3. Comment by r.r. | 2010/07/16 at 11:51:56

    Eu, como Mafalda, tamén interpreto esa canción (unha das miñas 20 cancións preferidas de Dylan ¡20!) dun xeito distinto. Distinto de Dylan e de dlH61 canta a canta e de dlH61 cando a comenta no momento en que a comentou. De feito escarállome de risa cando a escoito. Ás veces. Aínda así, estou completamente de acordo con vostede no que di no texto. E digo máis:

  4. Comment by r.r. | 2010/07/16 at 11:53:46

    Fe de rata (eu): Onde dixen canta a canta (que soa moi Mocedades) quería dicir “cando a canta”. Por certo, estou esperando ese momento. Sexa in The Twenty ou en Bridges of Smith & Jones ou na presa do Parga cunha birra na man. Insisto: e digo máis:


Comments are closed