+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

RONNIE “HURRICANE” BLAKLEY

Seguro que coñecedes a esta muller. Que si, oh! Tédela visto nun cento de series e películas: Pesadilla en Elm Street (que medo!), Hotel (aquela serie onde aparecía Connie Selleca… huuummm!), Autopista ao ceo (sen palabras), algún que outro telefilm… Seguro que si.

Pois aí onde a tedes, é a voz que acompaña a Dylan en Hurricane. Por que? Pois porque debido a problemas legais derivados da letra da canción (na que o autor permitíase algunha que outra licencia literaria dificilmente defendible fronte a un tribunal), a CBS pidiulle a Dylan e ao produtor Don de Vito que volveran gravar a voz. Non me queda claro se por problemas técnicos ou por puro capricho, decidiron gravala de novo enteira. Entre outros cambios, está esta Ronnie Blakley, que sustituía á Emmilou Harris da versión, digamos, orixinal. A razón do cambio foi que había présa porque o disco tiña que saír xa, e Ronnie Blakley estaba enrolada na RTR, mentres que Emmilou Harris abandonara a banda logo da gravación de Desire. E así foi que a nosa heroína de hoxe pasou a historia dylaniana  a través daquela mítica sesión.

Pero tampouco pensedes que era unha descoñecida, nin moito menos. Ao piano, foi unha nena prodixio, e cautivado pola súa voz, o gran Gershon Kingsley (o mesmísimo autor de Popcorn, primeira peza electrónica instrumental da historia) escolleuna para interpretar pezas de música experimental acompañada do celebérrimo Moog . O seu primeiro disco saíu no 1972, e polo tempo en que gravou Hurricane xa publicara, na súa propia compañía, dous álbumes de tinte country con cancións propias, acompañadas ao piano por ela mesma. Tamén por aquel entón xa participara na banda sonora dun par de pelis (entre elas Nashville, de Robert Allman, na que tamén actuaba e pola que foi nominada ao Oscar e aos Grammies no seu día). Como xa dixen, participou na RTR e tamén fixo da Sra. Dylan en Renaldo e Clara.

E todo iso nos catro anos que van de 1972 a 1975. Despois viñeron a tele e os telefilms, pero polo medio inda tivo tempo de seguir facendo bandas sonoras de pelis (con Win Wenders, con Nicholas Ray), tocar con Leonard Cohen (aparece con el na portada de Death of a Ladie’s Man), participar no 1985 no Festival de Venecia co seu propio documental sobre o mundo da música, algo así como I played it for you, que contiña as súas propias composicións.

Falabamos non hai moito tempo da escasa visibilidade das mulleres na música en xeral, e no rock en particular. Moita presencia, iso si, pero polo xeral en papeis subsidiarios. Ronnie Blakley puxo unha vez o seu enorme talento ao servizo de Dylan e xuntos fixeron unha das mellores performances vocais que se recorden na historia do  rock (por suposto, nunha das 500 mellores cancións de Dylan), pero é moitísimo máis que unha bonita voz. Pódeo comprobar calquera.

4 Responses to RONNIE “HURRICANE” BLAKLEY


Comentarios

  1. Comment by Mafalda | 2010/07/06 at 22:15:00

    Vaya curriculum…

  2. Comment by more | 2010/07/07 at 11:19:15

    carallo De La Highway!!!
    és coma un libro aberto!!

  3. xan
    Comment by xan | 2010/08/22 at 12:10:19

    Pois acabo de vela nunha serie na “2” polas noites: “Smith” onde fai da muller mosqueada co seu marido(Ray Liota) que se adica a dar grandes golpes a bancos, multinacionais, etc. Está moi ben conservada a pesares dos anos

  4. Comment by De la Highway 61 | 2010/08/24 at 18:36:33

    A de “Smith” é Virginia Madsen, non Ronnie. O parecido é máis que asombroso, tanto, que buscando imaxes de esta última, crin tolear. Inda hoxe non estou ben seguro, mira o que che digo.


Comments are closed