SAMBURAN

En Indonesia, fronte a Borneo, hai unha illa que se chama Pulau (illa, en indonesio) Laut. Un deses lugares paradisíacos de praias brancas que a penas levantan dous dedos das augas, se esquecemos neste caso unha pronunciada elevación cara ao noreste. Algún día, de feito, debeu ser un paraíso. Hoxe é un nó de comunicacións marítimas de máxima importancia a nivel mundial, xa que practicamente todo o carbón,* o petroleo e o gas que produce o sudeste asiático pasa polas súas costas, inzadas de terminais de carga onde operan os barcos máis grandes que teñades visto. Inda así, é posible adiviñar o paraíso que foi.
No 1991, Gavin Young, na súa obra In search of Joseph Conrad, identificou esa illa con aquela na que o escritor anglo-polaco situara, aló polo 1915, a acción da súa novela Victory. A tal efecto, Conrad bautizáraa como Samburan, e alí situou a eses personaxes de pasado escuro, presente dubidoso e escaso futuro que o fixeran famoso no cambio de século. Dous deses personaxes, o protagonista Axel Heyst e o seu circunstancial camarada o capitán Morrison, descubriran unha cala no norte da illa, un lugar recollido ideal para a construción dun peirao, unha desas terminais que adiviñaban o futuro de Samburan /Pulau Laut. Por alí habería de pasar todo o carbón co que traficaba a Tropical Belt Coal Company. O carbón, por razóns obvias das que se fae eco o propio Conrad ao principio da novela, e que atinxen tanto á súa natureza como á riqueza que provoca, era coñecido naquelas terras como «o diamante negro», e así foi como Heyst e Morrison decidiron bautizar aquela cala: Black Diamond Bay (BDB). Quixo Conrad que por volta de 1915 a instalación portuaria estivera xa abandonada, invadida pola vexetación, da que só sobresaía un pau de bandeira sen bandeira.
Fóra desa referencia literaria, non hai ningúnha outra BDB (se exceptuamos un lugar no medio da campiña inglesa que nada ten que ver coa canción), así que a non ser que se lles ocorrira casualmente tamén a Dylan/Levy 60 anos máis tarde, a BDB da canción sae do libro de Conrad. Literatura dentro da literatura. Chulo, non si? Non obstante nada hai na novela que lembre, nin de lonxe, o que se canta na canción. Hai na illa un volcán, si, e un hotel con casino, unha white veranda, unha muller da que nada se sabe, pero… Que illa que se precie de selo non ten algo diso?
Así que o único da novela de Conrad que está na canción é o nome da cala e do peirao. Por que logo BDB? Por sonoridade e necesidades de rima, o máis probable; porque ofrecía aos personaxes un contorno indefinido no espazo e no tempo, quizais a característica máis salientable da canción; por suposto como homenaxe a Conrad, o escritor/aventureiro que nin Levy nin BD nunca foron. Quen sabe.
O feito é que Dylan /Levy cantaron outra BDB, unha que nós situamos na Illa Tartaruga, que compre non confundir coa Illa Tartaruga a carón das venezolanas Tartaruguillas. Quero dicir: que segue aló, lonxe, nas páxinas dos libros.
*Alguén vai crer que é casualidade, porque ese é xusto o carbón que se queima/queimaba a carón da miña casa. Pero non. É o Dylan, que está en todo!