BALADA DO HOME DELGADO

Pois nada. Que non hai xeito. Mira que busco e rebusco e non dou atopado ninguén que entenda Ballad of a Thin Man. Vale que todo o mundo pense que é unha das 500 mellores cancións de Dylan, pero entender entender, non a entende nin o Mesmísimo. Aquí xa falou o amigo Rubén dela, hai ben tempo, e incluso un amigo puxo nun comentario a versión ao castelán de Santiago Auserón, fiel abondo ao orixinal como para darse por enterado. Por enterado do que di Dylan, non do que quere dicir. De tódolos xeitos, e como non a vou cantar e polo tanto non necesito que rime nin que teña ritmo, quero eu ser inda máis fiel para que os amigos que aquí entrades teñades a posibilidade de xulgar por vos mesmos. Nos días que virán darei algunha pista sobre as posibles interpretacións.
«Entras na habitación cun lapis na man, ves a un tipo espido e dis: «e este quen é?» Fas o que podes pero non chegas a entendelo, xusto o que dirás cando chegues a casa. Porque algo está a pasar aquí e non sabes o que é. Non si, Mr. Jones?
Ergues a cabeza e preguntas: «está iso onde está?» Alguén se decata da túa presencia e di: «é del». E ti dis: «que é meu?» E outro máis di: «onde está o que?» E ti dis: «Meu deus, é que estou aquí só?» Porque algo está a pasar aquí…
Das a entrada e entras para ver ao paiaso tolo, que vén cara a ti en canto te escoita falar e di: «que se sinte sendo tan raro?» E ti dis «imposible» mentres che dá un óso. Porque algo está a pasar aquí…
Estás moi ben relacionado cos leñadores que che consiguen cousas cando alguén ataca a túa imaxinación. Pero ninguén respecta, o que fan é esperar a que asines cheques para organizacións de caridade que desgravan impostos.
Estiveches con profesores e a todos lles gustaron as túas opinións. Discutiches con grandes xuristas, leprosos e criminais. Chapaches tódolos libros de Scott Fitzgerald, eres moi lido, todo o mundo o sabe. Porque algo está a pasar aquí…
O tipo que traga espadas vén cara a ti, ponse de xeonllos e presínase, fai soar os seus tacóns e sen previo aviso pregunta que se sinte. Devólveche a gorxa e dáche as gracias por deixarlla. Porque algo está a pasar aquí…
Agora ves ao anano dun só ollo berrando a palabra «agora» e ti dis: por que? E el di: «como?» E ti dis: «que significa?» E el volve berrar: «es unha vaca, dáme leite ou vaite para casa». Porque algo está a pasar aquí…
Entras na habitación coma un camelo e engurras a cara, metes os ollos no peto e pos o nariz no chan. Debería haber unha lei que che proibira andar por aquí, deberías estar feito para levar auriculares. Porque algo está a pasar aquí e non sabes o que é. Non si, Mr. Jones?»
Que? Como vos quedades? Acojona, eh? Non entendedes nada. Eu tampouco. Nós somos Mr. Jones, pero ninguén quere recoñecelo.