THE DYLAN SESSIONS VI

O día 14 de novembro volvímonos reunir na Chorima’s House. Levabamos xa varios intentos, buscando músicos e tal, pero diante das dificultades de poñer de acordo a persoas de tan excelso e ocupado gremio, ao final decidimos facer un set acústico. A idea era versionear algo con dúas guitarras e voz, pero… que dicía dos músicos? Fallounos Vituco, que tiña comprometida a madrugada do domingo. A verdade é que o home apareceu por alí ás 10 da noite (hora convida) coa súa guitarra, pero collimos un café, uns chupitos e uns pitillos, metímolos nun sombreiro e… pase por aquí, pase por alá… voila! As 10 convertíronse nas 11:30 como por arte de maxia. Presa? Ningunha. O tempo elástico dos músicos. Así que quedamos sen 2ª guitarra moi ao seu/noso pesar. Pero xa era tarde para arrepentirse.
Así que alí estabamos Johnnie Walker, Estrella, Strike “O afortunado”, Morenight, Jenel e un servidor. Desempaquetou Morenight o trebello gravador, enchufou os micros, e arrincamos con Forever Young, da que había xa algún tempo que o noso guitarrista tiña rexistrada a base cunha guitarra acústica, un suave slide marca da casa e un precioso ritmiño casiotone. Unha vez controlada a ganancia do micro metímoslle a voz sen moitos problemas e, despois de escoitalo, convimos en que non había sobrarlle unha liña de baixo. Efectivamente, non lle sobraba, como puidemos comprobar despois de que Jenel (ao que, coma sempre, houbo que convencer de que collera o baixo, que non quería), fixera o favor de agasallarnos co seu bo oficio. Improvisando e alentado (nunca mellor dito) polo amigo Johnnie Walker, deixou para a posterioridade unha das súas obras mestras. Bueno, ao mellor é moito dicir, pero en fin, deixémonos levar polo momento.
“Fumas, Jenel?” “Non, deixeino hai quince días.” Aí, Jenel, aí. Veña, que ti podes.
A seguinte foi un intento de meterlle a voz a Changing of the Guards, fallido totalmente debido a que nun despiste debéuseme caer a voz ao chan e rompeu. Houbo varios intentos de pegala, pero cada vez rompía máis. Por qué? Secretos (o fume, as Estrellas, o cansanzo, a hora?) da natureza. Existía a posibilidade de facer algunha trampiña, pero vai en contra da nosa relixión, na que tan importante como gravar a canción é gravar o momento, así que deixámola para outra ocasión.
I’ll Remember You foi a escollida para substituila. Seguiamos coa idea do set acústico, así que Morenight buscoulle un ritmiño animado coa súa guitarra e despois de tres ou catro intentos incompletos para axustar o ton, o fraseo e o propio ritmo, rexistramos a toma que se pode escoitar no MS. Despois ocorréuselle a Johnnie Walker o de meter unhas palmas a ritmo (parece fácil, eh?), algún asubío, algunha outra cousiña, e así o fixemos. Para rematar, o amigo Johnnie empeñouse en meter tamén unhas frases coa Fender, cousa que fixo. Aclarar que o tal Johnnie Walker ten un toque/filin que lembra moito ao do Gran Moreno, inda que quizais un chisco máis errático. Pura casualidade. Nada que ver en realidade.
Rematada a gravación e totalmente esgotados Estrella, Strike “O afortunado” e Johnnie Walker, o resto decidimos saír a rematar a noite. Actuaban na vila os amigos de Deeps, aos que non chegamos máis que a saudar na porta. Sabemos que eles comprenden que entre tocar e ver tocar… A próxima será.
(Por certo, que o noso I’ll Remember You foi seleccionado por Dylancover e estará soando alí esta semana)
(continuará, digo eu)