+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

THE DYLAN SESSIONS V

Á volta comezamos cos coros. Outra vez o cableado. Escoitamos de novo as cancións recén gravadas, ás que imos atopando máis defectos á vez que nos reafirmamos no obxectivo destas Dylan Sessions: divertirnos o máis posible mentres retratamos o infinito cancioneiro dylan. E tampouco se pretende retratalo con fotos artísticas nin fotoxó, senón máis ben con esas fotos-recordo tipo “pa-ta-ta”, sempre algo desenfocadas, cos pés cortados e iluminadas daquel xeito. Esas nas que o fotógrafo ten que correr para saír nelas. Esas que nos axudan a lembrar os mellores momentos cun sorriso.

“Queen” Ana, o melro branco que atopou Jenel e que leva voando por aquí toda a tarde-noite, pousa diante do micro. Di Serve Somebody e mola. Di How much longer e mola tamén. “Queen” Ana mola en xeral. Sempre molou. (Aquí gustaríame ben citar ao cantante de Kiss: “Detrás dun gran home sempre hai unha gran muller. E detrás dela sempre estou eu”, pero non o vou citar, tranquilos). Axúdana (é un dicir) cos coros Moreno, e logo Jenel. Búscanse voces, tonos, posibilidades. Non pasa nada: o esgotamento non é só meu e pasa factura a todos. Damos por rematado o asunto despois de dúas ou tres tomas (non todas alternativas) de cada canción. “Despois xa o arregla Moreno” é a consigna que todos usamos e que ven significando: “Por favor, xa non podo máis. Xa está ben”.

Mentres tanto César entrou e saíu do local outras 37 veces. 37 bromas e vaciles. Sae de aquí e vai cara do pequeno… apartamento? que ven de montar Jenel (unha especie de Christian Pielhoff) alí abaixo. Naquela peza está o resto do persoal, baleirando dunha vez por todas calquera cousa que teña forma de botella. Alí acabo eu e acabamos todos. E alí César conta unha experiencia case extrasensorial na que se mestura un teclado, un ordenador, youtube, un cantante, un cagallón así de grande (pero así de grande!), un teclado, un ordenador, youtube, un cantante, un cagallón así de grande (pero así de grande!), un teclado, un ordenador, youtube, un cantante, un cagallón así de grande (pero así de grande!)… Entra o Gran César nun bucle narrativo sen principio nin final. Xa non sabemos se rimos polo que conta (que si) ou por como o conta (que tamén). Un bo remate de festa.

Chegados a este punto deciden tocar unha de Super F. Eu decido marchar. Quedamos en que Moreno nos pasará as mezclas e en que hai que repetilo. Iso por suposto. Ninguén dubida. Son máis das 3 da mañá. Dez horas de música ininterrumpidas. Porque o cableado é música, os espirituosos son música, as burbullas, o fume, as risas, as pizzas, as Wendys, os cafés… Todo é música. É por iso que estamos aquí: It’s Only Rock’n'roll, but we like it.

(continuará)

Unha resposta to THE DYLAN SESSIONS V »»


Comentarios

  1. Comentario por Jenel | 2009/11/25 ás 08:47:08

    Sr. Chiquito dlhw61: por favor, non nos teña mais en ascuas, pois xa vai unha semana dende o último capítulo. Queremos o VI á maior brevedade posible…


Deixa unha resposta »»