+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

COMO SE PROVOCA UN ACCIDENTE POÉTICO: OS PROTAGONISTAS I

Nos anos ‘40 as rúas do Harlem estaban infestadas de ionquis, macarras, traficantes e outras xentes de bo vivir e inda mellor morrer. Para unha nai traballadora e sóa que tentaba criar ao seu fillo naquel barrio, o único momento e lugar que percibía como seguros para el era o oficio do domingo na Paradise Baptist Church da rúa 135. O pequeno Paul Griffin, peiteado como para unha voda e sentado cabo da súa nai na primeira ringleira, asistía á misa calado e queto. Non sei se lle interesarían as palabras do pastor: o que estaba claro é que non sacaba os ollos das mans do pianista que acompañaba con paixón os rotundos sons gospel da parroquia.

Así, mirando e escoitando, aprendeu a aporrear o piano. Á vista do entusiasmo do pequeno, alí mesmo, naquela igrexa, recibiu as súas primeiras clases daquel pianista. Aprendeu rápido, e sendo inda un neno, tralo pasamento daquel home, ocupou o seu lugar no oficio dos domingos.

Por aquel entón remataba Paul os seus estudos primarios. Fronte á oposición do seu orientador escolar, e como unha aposta persoal do director do seu colexio, fixo as probas para entrar na elitista e prestixiosa High School of Music and Art de Nova Iorque. Malia as humildes orixe e situación daquel cativo, a súa aptitude ao piano fixeron que fora admitido no centro. Nin que dicir ten que catro anos máis tarde, con 16 anos, Paul Griffin saía daquela escola coa graduación en piano baixo o brazo.

Agora axudaba á súa nai cos cartos que conseguía facendo pequenos choios, pero sen deixar de tocar na igrexia. O seu bo facer ao piano fíxoo famoso no barrio, conseguindo o seu primeiro contrato como músico profesional no mesmísimo Apollo Theater, onde chegou a compartir escenario (o mesmo onde moito tempo despois se velaría ao inmenso James Brown, case nada) con artistas do talle de Aretha Franklin ou King Curtis. Este último foi o que, abraiado pola calidade daquel rapaz de a penas 20 anos, o levou por vez primeira de xira e, o que resultaría inda máis importante na vida de Paul, o meteu tamén por vez primeira nun estudo de gravación.

Nos estudos foi onde realmente fixo carreira xa desde principios dos ‘60, inda que esta non despegara de todo ata entrar da man de Tom Wilson a gravar con Dylan en xaneiro de 1965 para Bringing It All Back Home. A súa contribución ao pop-rock pasa, ademais de por ese Dylan seminal (1965-66),  polo  Twist’n'Shout dos Isley Bros., polo American Pie, ou por Raindrops Keep Falling on My Head, por citar algunhas das cancións máis famosas e influintes que axudou a crear. Se facemos caso do que dixeron del os que o coñeceron, era un virtuoso capaz de tocar calquera cousa en prácticamente calquera estilo, inda que o seu maior distintivo era o regusto gospel, o toque “Paradise Baptist Church”,  por así dicir, que deixaba nas gravacións.

Así foi que, o día 16 de xuño de 1965, estaba no estudo A da  Columbia en Nova Iorque.

Deixa unha resposta »»