Limpeza de Sangue, #2 (por suposto)
Hai uns días, nun descanso á porta do local de ensaio, estabamos Kenny Dallas e máis eu alí falando mentres tomabamos unhas cervexas e nos faciamos un mei. Saíu o amigo Rubén na conversa, que mira que anda baixo o home, con tristuras e sustos, con mal rollo e ansiedade. Pobre, diciamos. Habería que facer algo. Pois o qué? Coño, unha canción, ou é que sabemos facer algunha outra cousa? E veña. Andabamos aquela tarde con Down in the Flood, unha das 500 mellores cancións de Dylan (mira, por unha vez, se me apuras, unha das 498 mellores, que é imposible de todo que non teña dúas peores que esta, imposible, inda que non se me ocorren cales), buscándolle as voltas, digo, así que dixo Kenny: “veña, unha letriña leda ben lla fas, así, para animalo un algo, coño”. Home, Down in the Flood non é a ledicia da horta que digamos, nin letra nin música, pero os amigos aplicáronse a un arranxo moi divertido e eu, penso, fixen o propio. E aló foi. Á primeira. Dylanianamente, con perdón. O título xa foi outra cousa, que non nos dabamos posto de acordo. Ao final quedoulle Limpeza de sangue #2, que non ten nada que ver co que se canta, pero qué coño, unha homenaxe é unha homenaxe.
De novo, a dlH6′Band ao completo: Al T. Erego e Billy Parker Jr. na sección rítmica, Kent Dallas ao piano, e un servidor berrando e rompendo cordas. Que Dylan e a Mesa pola Normalización Lingüística me perdoen.
Ah! Esquecíame: se queredes escoitala, premede aquí, onde pon aquí. Pero non aquí. No primeiro aquí, quero dicir.