Xudas II

Os ingleses non comen. Ben é certo que teñen aí un momentiño de relax a media mañá que chaman lunch onde tiran dun medio sandwich de ovo e outro medio de crema de maní con leituga, un pasteliño de amora e un pouco de zume concentrado de melocotón, pero iso é todo. Ben. Pois nós aproveitamos aquel momentiño para escapar do congreso e ir ver ao home que berrou Xudas. Fumos até Ashton-in-Makerfield, unha preciosa vila a unha media hora ao oeste de Manchester onde, na mesma beira do río, se atopa o Chantal Maillard Memorial, un moderno hospital psiquiátrico onde, segundo me explicaron, se puña en marcha daquela unha nova terapia centrada en tranquilizar aos enfermos por vez de curalos. Algúns lembraredes que é alí onde está ingresado Bob Thomas, inda que agora imos falar do enfermeiro que o trata, iso é, do amigo que me mantén informado sobre as cousas do bo de Bob, iso é, do home que berrou Xudas.
Bruno Stapenhill, así se chama. Vivía en Birmingham, onde nacera, inda que daquela estaba a facer unha diplomatura de podoloxía na Keele University de Manchester. Andaba detrás dunha morena impresionante á que trataba de evanxelizar na nova relixión do Amor Libre, á que el se convertira con tan pouco esforzo como éxito, inda que ela semellaba moi aferrada ás súas crenzas. Noutras palabras, que non había maneira. Pero el insistía. Era maio, ela era dylanita, Dylan actuaba no Free Hall e, inda que a Bruno aquel tipo producíalle unha copiosa transpiración no membro, a ocasión pintabana alopécica perdida. Pero adiantouse o seu compañeiro de habitación e amigo, outro adalide do Amor Libre, que a invitou, e logo, calado coma un peto, adicouse durante días a convencelo de que para qué ía gastar os cartos e o tempo nun concerto que non lle interesaba, de que aquela rapaza tampouco era para tanto, de que non se ía deixar, de que tiñan os exames aí, a tiro de pedra… En fin, que se deixou levar e tan feliz.
Pero a vida eche moi dura. O día 17 de maio, a media tarde, unha amiga da morena informouno casualmente de que o seu amigo, o seu compañeiro de habitación e de ánima, invitara á rapaza en cuestión ao concerto, e que a invitación (nesto non se amosou a informante moi segura) causara ipso facto a conversión da morena á nova relixión xa referida. Nin podía nin quería crelo. Colleu o bus ao centro e despois, a carreira, chegou ao Free Hall. O concerto estaba a piques de rematar, pero inda así tivo que pagar a entrada. Daba igual, tiña que velo por si mesmo. Cando entrou o lío era tremendo. Dylan e os seus facían un ruído do demo, non se entendía nada. Parte do público berraba a Dylan, outra parte berraba á parte que berraba a Dylan, outros saían da sala, outros entraban para berrar e etc… Bruno non daba camiñado. Enfuciñaba seguido cos que abandonaban ou cos que bailaban. Saíu da sala e subiu ao galiñeiro. Tardou un cacho, pero viunos. Alí abaixo estaba o seu amigo coa morena, á que tiña agarrada por sabe deus onde mentres a sucaba coma unha lamprea. Mecagonetodo. “Cabrón!”, berraba, “maricón!”, “fillo de puta!” e… “Xudas!” Foi nun deses momentos, que todos temos sufrido, nos que levantamos a voz ao tempo que todo o mundo, sen saber por qué, cala. “Xudas!” O traidor mirou, claro. A morena tamén. Ben sabían o que facían. O resto non tiña nin puta idea, pero tamén miraron, incluidos os artistas, por chamalos dalgún xeito. Bruno continuou berrando, xa case entre bágoas: “I don’t belive you. You’re a liar!” Despois, mirou para o escenario onde Dylan e os seus ollaban a situación algo superados pero entretidos e, con aceno de “qué miras, imbécil?” dirixíuse a Dylan e díxolle: “Play it fucking loud!”, ao que este obedeceu sen discusión arrincando cunha máis que confusa versión de LARS.
Xa sei que a xente cre que o de I don’t believe… e o de play it… díxoo BD, pero non, foi como o conto. Podédesme crer ou non (seica hai quen inda non ten moi claro que o de Bob Thomas sexa certo, qué lle imos facer), eu mesmo dubidei até que, alí mesmo, na cafetería do hospital, o vello Robert Rotcher confirmou cun sorriso que el era aquel “amigo”, e que a morena, era a nai dos seus fillos. “Que saibas” dixo Bruno con ollos de boitre e a boca feita auga, “que o cabrón de Robert, tamén hai que joderse, apostatou do Amor Libre en canto a morena lle dixo que si. Que inconsistencia”
(Foto: o segundo pola esquerda e o Stapenhill un ano ou dous despois do evento. Así quedou. Pobriño. Por certo: hai algo casual nesta vida?)