Xudas I

Hai uns anos estiven en Manchester invitado polo prof. Robert Rotcher, da Keele University, para dar unhas charlas sobre a incidencia da acidificación do substrato vexetal no crecemento do arce xaponés (a miña especialidade), no eido dun congreso sobre fontes de enerxía alternativas. Non vos vou aburrir con detalles. O caso é que , rematada unha daquelas xornadas e aproveitando que era cedo abondo, fumos algúns dos congresistas dar unha volta co prof. Rotcher polo centro da cidade. Fumos cear e despois tomar unhas copas a unha desas típicas cervexerías galegas que hai nas cidades británicas. Ao caso. Había alí un rapaz de pouco máis de 20 anos cunha camiseta na que se lía: I’m the guy who shouted Judas. Fíxome graza. Para un dylanita coma min a cousa era sinxela: todos sabemos que o 17 de maio do ‘66 Xudas actuou no Free Trade Hall de Manchester. Comenteillo a Mr. Rotcher, que respostou divertido. “Ah, si. Sabes? Aquí, neste pub, agora mesmo, seguro que poderías atopar a… media ducia de tipos que che asegurarían que foron eles quen berraron Xudas. Aquí en Manchester é un lugar común. É moi divertido. No Hall non han caber máis de dúas mil persoas, pero falando coa xente é como se alí dentro aquel día colleran 20000. Todo o mundo que tiña daquela entre 15 e 30 anos estaba alí aquel día. E algún que inda non nacera, tamén. É simpático.” El debía levarme 20 anos, a ollo, así que a pregunta era inevitable: “Por suposto que estiven. Se estiveron todos eses, eu tamén… Non, sen coñas, si que estiven. Sempre fun dylanita. Fun alí a berrar, como todos. Xa sabiamos o que ía a pasar, o que viña pasando, e fumos alí a berrar. A música era o de menos. O barullo. Joder, todo moi punki 20 anos antes dos Pistols, sabes? Puro márquetin antes do márquetin. Cheo absoluto en tódolos concertos. Tódolos periódicos falaban diso, dos disturbios, do escándalo. Ningún de música. Se Dylan fai aquel día un concerto acústico, só acústico… menuda merda, déixanos fodidos.”
Volvendo ao tema da cantidade imposible de xente que lembraba ter estado naquel concerto, é curioso, díxenlle, cómo lembramos con certeza cousas que non pasaron. “Certo. Teño pensado moito niso. Teño falado con cantidade de xente que sei con seguridade que non estivo alí que xura que si, e describe detalles daquela noite, tal cal, como se os tiveran vivido. De tanto escoitalos téñenos interiorizados. Para min que tendemos interpretar os recordos máis coma fotos que coma pinturas, que é o que son, recreacións. Os recordos están máis preto da poesía ou dos soños que das actas notariais, pero por algunha razón non o vemos así, e confiamos neles como nunha proba irrefutable. Non sei porqué. Os soños todo o mundo sabe que son soños… bueno, os nenos ás veces teñen que preguntar aos seus pais se o que soñaron pasou en realidade, pero é así. Cos recordos todos somos un pouco nenos.”
Seguimos a falar un pouco máis diso. Comenteille que aparecera había pouco un tipo que semellaba ser el certamente o que berrara Xudas. “Ah, si. O Keith Butler. Un invento de Kershaw e do CP Lee ese, que levan toda a vida vivindo dese conto. Mira, o Butler é un desgrazado. Eu sei del porque foi compañeiro de clase do meu irmán na universidade. Un papahostias. Marchou de Manchester a facer ás américas e sorte que non as desfixo. Como aparecía no documental ese sobre a xira do ‘66, collérono e veña, a facer o ridículo. Pero se até el mesmo di que non lembra nada! Menudo invento. E había outro tipo, Cordwell coido que se chamaba, outro que tal baila, que debeu ver o choio. Oiches? Seica este nunha entrevista preguntáronlle que lle diría a Dylan se o atopara na rúa e dixo ‘diríalle que o perdono’. Tal cal. Inda morreu hai pouco.”
Seguimos alí bebendo e falando. Ao día seguinte había que congresear, así que retirámonos razoablemente cedo. Robert (Mr. Rotcher xa era Robert desde que as cervexas puxeran a taxa de confianza por riba dos 0′4 miligramos en ár espirado) levoume até o hotel no seu coche e, xusto cando nos iamos despedir até mañá, díxome: “Gustaríache coñecer ao tipo que berrou Xudas? Garantizado ao 100%” (continuará)