+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

JFM. In Memoriam

Seguro que vós coñecedes ou coñecestes a algún/algunha LARS. É o que ten a arte: que reflicte a realidade. Eu coñecín unha desas ánimas descritas nesa canción universal: érase unha vez un rapaz guapo e brillante que repartía os seus sorrisos coma outros moedas nos sombreiros dos mendigos. Unha palabra súa, unha palmada no ombreiro xustificaba o día, a semana. Dicir que era o teu amigo (e inda máis escoitarllo dicir a el de ti) era sentarse á dereita do Padre. Pintaba de negro o día e á noite facía o Sol brillar.

Despois, claro, a xente comezou dicirlle: ten coidado, neno, has caer, pero el pensaba que llo dicían de coña, el non se convertiría naquel tipo de ollos baleiros co que estaba a tratar, pero acabou por decatarse de que non lle estaban a vender cancións de berce, precisamente. Nunca te debes fiar dun tipo que leva un gato siamés no ombreiro. Nunca.

Afortunadamente, nunca estivo só, sempre tivo unha dirección á que volver e, desde logo, nunca deixamos que fora, nunca deixaremos que sexa, un descoñecido. Tampouco na miña cabeza foi nunca nin será LARS, porqué alí vivirá sempre coma un príncipe erguido en medio de todos nós, toda esa xente nova e fermosa, bebendo, pensando que o temos todo feito, intercambiando sorrisos e palmadas nos ombreiros. Garda o teu anel de diamantes. Aquí ninguén cho pedirá en garantía.

Descansa en paz, amigo.

A foto é de rhapsodyegc.blogspot.com

2 Responses to JFM. In Memoriam »»


Comments

  1. Comment by r.r. | 2007/12/14 at 19:09:28

    Un abrazo ben forte.

  2. Comment by r.r. | 2007/12/15 at 22:43:18

    Algo deso tamén hai, Señor Arumes, algo deso tamén hai…


Leave a Reply »»