Falando de polos, netos e poemas con Mrs. Rutman

1999, Minneapolis, Moseh´s Butcher. Entra unha vella.
-Ola, Mo
-Qué tal, Mrs. Rutman! Cánto tempo!
- Xa, meu amigo. Pero é que xa sabes que entre que estou soa, a idade e o médico, a carne case rematou para min.
-Non pasa nada. Logo ten a familia de novo por aquí?
-O meu neto Jakob, que ven coa súa dona e os seus fillos. Como non puideron estar por Acción de Grazas… É como seu pai, primeiro a música, despois falamos.
-Pero non me diga que ten bisnetos, co nova que é.
-Moi amable.
-Non é amabilidade, é que está vostede estupenda. E que lle vou poñer? Non me diga que polo.
-Pois si. Xa sabes que na miña casa o polo é o rei. E este Jakob tamén saíu ao seu pai aí, cómeo como sexa, até cru, se fose necesario. Ponme dous grandiños e ricos que teñas por aí. Co polo e o biscoito de anacos de chocolate que lles fago, marchan moi contentos. E volven. Claro.
-Ten uns cantos netos, non si, Mrs. Rutman?
-Dous de David e cinco, agora seis, de Bobby. E os cinco bisnetos.
-Non está mal, non. E que tal lle vai?
-Ben. Agora xa o único que me dá así, vida, é que veñan os fillos e os netos. E os bisnetos, claro. Agora son eles os que dan máis vida… sempre detrás, aboiña, aboiña… Eu ensínolles as vellas fotos e gústalles tamén ver os debuxos que facían os seus pais, as cousas que escribían, as cartas que me mandaban…
-Garda todo, logo, Mrs. Rutman?
-Todo, meu fillo, todo. Cando nos xuntamos quito as caixas e podemos pasas horas e horas mirando esto e aquelo. É moi divertido, inda que xa o viran 1000 veces.
-E as cousas de Bob tamén?
-Tamén, por suposto. As libretas, as notas, poemas que facía de pequeno, algúns con 5 ou 6 anos… incrible.
-Pero iso vale millóns!
-Supoño, pero é o meu tesouro. Escribíamo a min e para min hai ficar, para ninguén máis. E cando morra quedará para el, pero xa lle pedín que non o venda nunca e sei que non o fará. Se o quere queimar que o queime, pero son meus, de ninguén máis.
-Pois seguro que estaría ben velos. Aquí ten, Mrs. Rutman.
-Moitas gracias, Mo. E quen é o cabaleiro que tes de axudante?
-É Roy. Leva comigo un par de semanas, é espabilado e moi educado, pero xa non lle digo máis que me vai pedir aumento de soldo.
-E faría ben, se é verdade que vale. Bueno, encantada, Roy, e até a próxima, que sexa máis pronto que tarde.
-Encantado, Mrs. Rutman
-Que lle vaia ben, Mrs. Rutman
Sae a vella e falan Roy e Mo.
-Quén é?
-A nai de Bob Dylan
-Bob Dylan! Se se entera meu pai. Xa me parecía, Jakob, Bobby o dos poemas, pero parecía raro. Pero non é Zimmerman?
-O apelido do seu segundo marido é, era, Rutman.
-Pois vaia… A nai de Bob Dylan! Cando llo diga ao meu pai… morre da envexa.
-Pois xa estivo el por aquí. Un home realmente calado. Ven coa súa nai e só fala ela. El di si ou non. Bueno, si ou si. Súa nai sempre di que é un home moi normal e moi bo, pero claro, que vai dicir a súa nai…
Engadido: cando Beatty morreu (o nome dise bi-ti, segundo parece), os seus fillos puxeron na lápida, a modo de epitafio, un daqueles poemas que conservaba do seu pequeno Bobby e que reza así:
My dear Mother I hope that you / Will never grow old and gray / So that all the people in the world will say / Hello, Young Lady, Happy Mother’s Day.
Vese que o pequeno Zimmerman xa era absoluta e asombrosamente dylaniano. En fin, boas noites.