+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Dylan cañí

Como diciamos onte… Qué frase. En fin. Que hai uns días falabamos aquí do contexto musical americano cando Dylan comezaba a súa carreira e hoxe, digo eu, ben paga a pena ver o que pasaba por aquí máis preto, inda que non teñamos Billboard.

Digamos para comezar que no 1962 inaugúranse os concertos do Price, que no seu primeiro cartel presentaba a Micky y los Tonys, Los 5 Estudiantes, Los Relámpagos e un tipo chamado Eddy, o irmán de Junior o Brincos. Que non se tire o Dylan que aquí xa estaban electrificados todos (para algo haberían servir os pantanos). Perdóname, do Dúo Dinámico, Twist de St. Tropez, de Miguel Ríos (daquela, inda que o negue, Mike Rivers), Quinientas Millas, dos Mustangs e Tómbola, de Marisol, rompían la pana no 1962, ano no que debutaba no Liceo, por certo, Montserrat Caballé. Dylan e Monse debutaron a un tempo!

Con respecto a eses concertos do Price, un apunte sociolóxico que coido non necesita comentario, inda que o habería que ter moi en conta á hora de falar (xeralemente de máis): semella que os creadores de opinión da época protestaban seriamente na prensa polo que semellaba ser unha perigosa concentración xuvenil e alertaban contra ela con frases como “quén son esa xuventude que destroza o mobiliario público (…), que canta e baila na vía pública, que bebe e berra, que dificulta o tráfico (…)?” De qué me soa a min esto? Onde o escoitaría eu antes? Non sei, non sei…
Vou saltar até o 1965, ano de Highway 61 Revisited. Os éxitos do ano: La Yenka (Johnny and Charley, suecos ou de por aí), Borracho, de Los Brincos, Si yo tuviera una escoba, Que se mueran los feos (Los Sirex), 15 años tiene mi amor (Dúo Dinámico), Chica Ye-Ye (Conchita Velasco), Brindis, de Manolo Escobar, Yo no soy esa, de Maritrini, Yo te diré, de Karina, Sólo tú, de Módulos, Tracatrá, de Peret, Júrame, de Los Tres Paraguayos, Una perla en el mar, de Los Payos, ou mesmo Help, de Tony Ronald, xa a esas alturas máis asimilado que Henry Kamen e Ian Gibson xuntos.

No ‘66 (Blonde on Blonde, non podo dicir máis que: jarl!) Los Bravos acadan a gloria con Black is Black (facían trampa, que tiñan un cantante, Mike Kennedy, que era alemán, iso que daquela chamaban extranxeiro e valía por todo), que até entrou no Billboard; Sorbito de champán, de Los Brincos, unha versión de Submarino Amarillo, de Los Mustangs, Yo soy aquel, de Raphael e Los Pekenikes, en plan instrumental. Ao ano seguinte, de novo Los Bravos (Los chicos con las chicas), Los Brincos (Lola), o spin-off Juan y Junior (Anduriña), e aparece Jannette, cos venezolanos Picnic, que nunca chegou a nada, pero se en vez da imaxe de Fundador poño a imaxe da rapaza por aquel entón algún había preguntar polos clines.

Como apunte sociolóxico e remate, no ‘65 presentabanse en sociedade o SIMCA 1000, con catro portas!, e o 1500 familiar (inda non break), con motor Perkins de 5 marchas, unha delas para atrás; no seguinte presentabase o 850, con catro cilindros en liña, 843 cm3 (non sei como se pon o tres ese arriba) e 37 CV. Podía transportar até 4 viaxeiros. E por certo, xusto neste ‘66 aparece o comediscos, aquela maquinexa redonda onde se metían os singles e xa non saían máis (e si saían, cómo saían!)

Ala, esa morriña a pacer, sen vergonza, veña.

One Response to Dylan cañí »»


Comments

  1. Comentario by r.r. | 2007/12/04 at 10:52:04

    Acabo de darme conta de que teño na memoria un cento de greitesghís de anos antes de nacer eu que seguiamos cantando a principios dos setenta.
    O pós será chulo (mesmo diríase que tamén é “jarl!”), pero voulle dicir que é unha puta merda para acabar dun coño dunha vez co buenrollismo blogomilleiro do carallo.

    ¿Qué viña sendo a máquina comediscos esa? A ver se fago memoria. Ou arqueoloxía.

    Un abrazo. Así me gusta, que traballe. Non podía resistirme a este buenrollismo, síntoo, gilimestre (pra compensar un pouco, hostia).


Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image