Lone Tree Ferry’s Talking Blues
Falaba no pos anterior dunha suposta canción cun título, Lone Tree Ferry’s Talking Blues, que faría referencia, malia ser unha invención, a un lugar real.
No 1849, en plena California Gold Rush, un home chamado William D. Brown chegou a Kanesville, unha cidade fundada recentemente á beira do Missouri que pouco tempo despois cambiaría o seu nome polo de Council Bluffs. Alí ficou. Aquel home de negocios soupo ver que a súa “quimera do ouro” estaba naquel lugar ou, por mellor dicir, no medio medio daquel gran río: nun gran paquebote que había de atravesalo de beira a beira transportando homes, gado, ferramentas, armas, o que fora, cara a Nebraska, terra de promisión que comezaba xusto enfronte de Kanesville, Iowa (a que presta dicir canesvil, aiogua?). Mercou un gran soar nesta vila e terras na beira de Nebraska, nun lugar chamado, non haberá que dicir por qué, Lone Tree, a árbore solitaria. Construíu alí un peirao onde había de parar o tal Lone Tree Ferry da canción e, moi cedo, tamén se fundaría unha estafeta. O demais xa o vimos nas películas de vaqueros mil veces, que para algo haberían de valer: unha rúa de po ou lama (segundo o tempo), algún saloon con rapazas ledas, unha barbershop, a oficina do sheriff, unha Hardware Store, … En fin: Omaha.
Omaha é hoxe unha cidade de máis de 400 000 habitantes, cabeza dun área metropolitana que abrangue as dúas beiras do río e que acada a cifra de 800 000 habitantes. Alí, no Qwest Center, o día 26 de outubro tocou Dylan de entrada Leopard-Skin Pill-Box Hat, e de saída Blowin’ in the Wind. Polo medio Love Sick, Highway 61 Revisited e Workingman’s Blues, por exemplo. Brice Sullivan, un tipo de Lincoln, di que o concerto estivo moi ben (e é a sexta vez que o ve en directo).
A qué ven todo esto? Non sei, preguntádelle a D. José Ramón Álvarez Rendueles, presidente da Fundación Príncipe de Asturias.