Salsa dylaniana
Agora si que chegou o verán. O verán é tempo de festas, e festas hainas de tódolos tipos. Sen ir máis lonxe, e atendendo á propiedade das mesmas, podemos distinguir entre privadas e públicas. Entre as privadas temos así mesmo as de Hugh Hefner e o resto. Entre as públicas, están as sesións vermú, as verbenas e o resto. Entre as sesións vermú están as da Festa da Fraga das Pontes (un novo concepto de sesión vermú) e o resto, e entre as verbenas están… as verbenas.
A verdade é que as verbenas carecen de bo cartel entre a cidadanía: demasiado primitivas, demasiado autóctonas (castizas?) e demasiado rurais. Esto fai que resulten un pouco duras e antropolóxicas para os urbanitas e modernos, e case que insoportables para os desertores do arado (nunha vila da costa, hai uns anos, en plenas festas, preguntei a un medio nativo pola sesión vermú, ao que me respostou: “eso es en los pueblos, no?”).
Porén, calquera que teña asistido a unha verbena amenizada (esa é a palabra) por unha boa orquestra sabe que é unha experiencia difícilmente esquecible, e que nin dicir ten que hai orquestras tan boas (espectáculo a parte, que tamén) que farían palidecer ao 90% dos grupos que andan por aí levantando paixóns, e non me refiro só aos chamados triunfitos, senón a moito consagrado de deus.
Eu lembro por exemplo o momento Don’t Leave Me This Way en versión Communards da Orquestra Canadá, por certo, a primeira vez que vin unha batería electrónica; o momento Whatever You Want (Status Quo) da Orquestra Príncipe (ou era Os Príncipes?); o momento Palomita Pechugona dos Breogáns polos mesmísimos Breogáns no campo da festa da Vilavella; eu vin aos Satélites ao completo, inda que confeso que daquela, magoa, non era moi consciente de toda a súa grandeza. Máis recentemente puiden ver a Orquestra Panamá convertindo un febreiro nevado en soleado verán, a base de salsa e do movemento pendular dunha saia tan curta que nin a cinturón chegaba. E teño que dicir que fun testemuña de todo iso e máis inda sen ser moi verbeneiro.
E este mesmo ano, no Bridges of Smith Jones Fair’s Field, fronte da Carmine’s Chapel, un até entón despistado e desapercibido pero sempre freewheelin’ dlH61 foi invitado sen previo aviso a subir ao escenario para interperpetrar a impresionante versión de Tangled Up in Blue da Orquestra París de Duluth, auténtica institución verbeneira do Medio Oeste, aos sons da cal o gran Dylan arrimaría bragueta na súa mozidade, digo eu, e se non, peor para el. Para aqueles pouco verbeneiros ou, sinxelamente, para aqueles que non tiveron a sorte de asistir a ese momentazo, +dylan comprácese en presentar a gravación do evento, que podedes escoitar premendo aquí.
E nada máis. Con todos vostedes, a Orquestra París de Duluth + dlH61.