Dylan Came to Me
No verán do ‘78 meu irmán, feito un gachupín, marchou de viaxe de estudos (por qué os chamarán así?) a Mallorca. Como agasallo trouxome un monopatín, que era o último ultimísimo na época, un artiluxio que fixera moi popular entre os siareiros de Aplauso Leif Garrett, co seu éxito Skateboard, un auténtico Nº 1 enchepistas. Debaixo do brazo viña tamén co Street Legal (qué lonxe de Aplauso!), recén quitado do forno, tan recén que agora dubido se a tal viaxe non sería no ‘79. Xa contei noutra parte que en Haitrintanos, onde viviamos, os discos non chegaban tan rápido como agora, pero claro, Mallorca pillaba ben lonxe de aquel lugar, así que até é posible que fora no mesmo ‘78. Ano arriba, ano abaixo, o caso é que Dylan came to me.
Que conste que eu tiña a orella branda, xa que levaba 3 ou 4 anos escoitando a aquel home no Greatest Hits, Vol. 1 (daquela, para min, o único Vol.), no Blood on the Tracks e na voz e guitarra daquel meu irmán, decote acompañado por un amigo naquelas sentidísimas versións do If You See Her, Say Hello, por exemplo. A min non me chegara a hora Dylan, teño que confesalo, quizás era eu algo pequeno para comprender algunhas cousas pero, como digo, aquelas audicións terían sido suficiente como para abrandarlle a orella a calquera. Farei aquí unha acotación para engadir, ca fin de que os meus escasos lectores se fagan unha idea do meu pasado musical, que o meu irmán e o seu amigo foran bautizados artísticamente polo pai deste como Garfón e Sinfunkel (ou Sinfunkel e Garfón, non lembro a orde), e que nin dicir ten que se fixeran famosos coas versións daquel dúo novaiorquino. Meu Dylan, cantas veces escoitaríamos For Emily, Whenever I May Find Her!
Ben. Street Legal. Estabamos na cociña da casa, daquela case que tamén recén estreada, cando vin por vez primeira aquela portada co tipo asomando a un calexón e decidindo para onde ir, se esquerda, se dereita. Despois de escoitalo, meu irman tirou para a esquerda e eu para a dereita, é un dicir, que a el, afeito e namorado do BD xa referido, aquelo das trompetas e dos coros femininos non lle debeu soar nada ben; a min sooume a gloria, fun posuído e nin todos os padres Carrack do mundo poderían xa remedialo.
Montei naquela nova pony desde onde contemplei o cambio da garda sen tempo para pensar “nena, por favor, deixa de chorar”, o cal non estaba nada mal, pero foi ao darlle a volta ao disco cando o lóstrego que vai desde Is Your Love in Vain a Where are you tonight? golpeou a miña cabeza para sempre xamais. Desde aquela, pasiño a pasiño, cara adiante e cara atrás, descubrindo os seus vellos discos mentres agardaba polos novos, funme facendo dylanita. Todo paixón, todo entrega, tamén fun aprendendo grazas a BD o valor da contradición, do desapego, do relativismo, e así cheguei a nin amalo nin a odialo, tan só a sentilo. E outra cousa que me ensinou: baixar a esqueira e saír á rúa sen ter decidido inda para onde tirar. Xa veremos alí. O caso é estar fóra.