+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

A habitación máxica

Non se pode negar que a imaxe é recoñecible. Un rapaz xogando a ser unha rocanrolestar na súa habitación. Taboa en man (eu era máis de air guitar) imita a un dos ídolos do momento, quén sabe, Arctic Monkeys ou Paper Cut, e faino ben o condenado. Ten moi boa pinta. Chámase Taylor French, e non tería nada de especial se non fora porque vive en Hibbing, concretamente no 2425 da 7ª Avenida Este (hoxe Bob Dylan Drive), e porque esa na que practica é a habitación do Mesmísimo. Servida unha frikada absoluta. Ou non tanto.

Ao rapaz e aos seus amigos non lles importa nada o BD ese. De feito, en Hibbing, Dylan é pouco máis ca un recordo e, suponse, viceversa. Ultimamente ten mellorado a cousa, sobre todo desde que coincidindo co seu aniversario instaurouse o Dylan’s Day (en realidade unha semana de actividades ao redor do personaxe), desde que na biblioteca municipal se abriu unha sección adicada a el e desde que se inventaron unha especie de percorrido turístico polos lugares supostamente máis dylanianos. En todo caso, semella que todo iso ten máis que ver cun intento de promocionar a vila (vese que por alí tamén andan a velas vir) que co apego ao bicho . Tan é así que o máis significativo en plan dylaniano é un bareto clásico chamado Zimmy’s, onde todo está decorado en función do Zimmerman en cuestión, con fotos, discos, libros, recordos…, inda que os clientes habituais, como Chantelle, a irmá de Taylor, son adolescentes aos que Dylan non lles di máis ca outra xente coñecida da zona, como Kevin Boston Celtics McHale, Judy Over the Rainbow Garland, Roger Pepsi Enrico ou o impresionante McGyver, si, o da serie. E resulta que o que lles di esta xente é que a mellor vista de Hibbing é a que se ve desde o espello retrovisor do coche.

Outras lembranzas hibinianas de Dylan? No Reuben ofrecen no menú cousas como o “Reuben ‘Hurricane’ Carter” sandwich ou o filete sangrante “Simple Twist of Steak”; na casa dos French, como agasallo para os frikis (e supoño que para que non chamen a porta para preguntar) teñen nunha ventá a foto de BD, que asoma como a nai de Norman Bates; un vello detecta e asalta aos fans que se achegan á vila e lles fai ler en voz alta unha enrrugada fotocopia dunha páxina dun libro escrito por algún cronista local onde sae citado coma un amigo de xuventude de Dylan que compartía con el o gusto polas motos e pola música. Pouco máis. Até a sinagoga onde celebrou o seu Bar Mitzvah hai tempo que é un bloque de apartamentos (non queda case pegada algunha dunha comunidade xudea que chegou a encher até 3 sinagogas, así cambia o mundo).

Pero aí están Taylor e os seus amigos. Na habitación máxica. Calculo que hoxe deben andar polos 16 e devecendo por marchar da vila. Tampouco me estraña, vendo o exito…

One Response to A habitación máxica »»


Comments

  1. Comentario by r.r. | 2007/08/31 at 22:28:37

    Mestre, cando facemos unha versión en idiomas deste bló para que os dilanianonianoniaaanooos (perdón, disperseime) do mundo todo podan flipar tanto coma nós?


Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image