+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Jacques Levy

No ano 1975 Dylan foi en busca dun home, Jacques Levy, que lle axudara a rematar unha canción, Isis. Gustoulle tanto o resultado que en pouco máis dun mes acabou escribindo con el unha morea de cancións, sete das cales apareceron grabadas no seu traballo Desire, que saíu nese mesmo ano (entre as que non foron elixidas está Rita Mae, por exemplo). Non é raro que Dylan grabe cancións doutros ou mesmo tradicionais, pero non é tan habitual que asine cancións a medias. Robert Hunter, Tim Drummond, Tom Petty ou Sam Shepard son algúns dos (supoño) afortunados, pero en ningunha outra ocasión outorgou a autoría dun LP case completo a outro home, polo que podemos afirmar que Levy e Desire son un caso único na discografía dylaniana.

Quén era este home? Era un psicólogo novaiorquino metido a autor de teatro e letrista, director en dúas ocasións da obra Oh, Calcuta! e das letras da versión para a escena do musical Fame!, entre outras. Tiña amigos comúns con Dylan, como Roger McGuinn, dos Byrds (segundo a lenda foi a súa versión de Mr. Tambourine Man a que abriu os ollos a BD ao respecto das posibilidades do folk-rock) ou o mesmo Sam Shepard. Engadir que todos eles acabaron dun xeito ou outro enrolados na RTR, da que Levy foi o director de escena, como o foi tamén da película Renaldo & Clara.

Atopáronse en NI, no verán do 1975, como digo, só seis meses despois da saída do Blood on the Tracks onde, por certo, hai unha referencia, casual ou non, a Chestnut Mare, un dos meirandes éxitos dos Byrds, escrito a medias entre McGuinn e Levy (xa o tiña en mente, Sr. Dylan?). Segundo Jacques, o xeito de traballar as letras de Desire entre os dous foi tan doado como “poderíamos pór esto”, “e esto?”, “non está mal, pero tamén podería ser esto outro”, “pois si, pero que tal…”, e así até que ambos estaban de acordo en que a alguén se lle acababa de ocurrir a mellor idea. “Que quén aportou qué en cada canción?” dixo nunha entrevista tempo despois. “Iso non importa. Fíxose e punto”. Ese era o método.

De tódolos xeitos semella que Levy foi o responsable do ton cinematográfico ou se se quer teatral de moitas das cancións (“É noite. Soan disparos no bar. Entra Patty Valentine pola dereita. Hai un camareiro no chan nun charco de sangue. Patty berra.”), onde a acción e os diálogos son prioritarios fronte á descrición dos tipos e lugares, moitas veces difuminados, deliberadamente desprezados (“Amanece. Aparece un grego que pide unha corda e un boligrafo. O Home do mostrador: Pardon, Monsieur, - colocándose o fez - estou oindo ben?”). Todo esto é un feito: os guións de Hurricane, Joey, Isis, Romance in Durango ou Black Diamond Bay están no disco, escoitar as cancións é como ver unha película; os de Oh! Sister, One More Cup of Coffee ou Sara non serían moi difíciles de facer. A pesar do éxito incontestable do disco e da xira, nunca máis volveron colaborar. Un seguiu coas súas cancións e o outro co seu teatro.

Jacques Levy morreu dun cancro no 2004. Segundo conta Camille McGuinn na blo do seu home, Roger McGuinn, este estivo ao seu carón mentres lle sacaban a respiración asistida, cantando coa súa guitarra as cancións que fixeran xuntos, e que tocou até que a dor dos seus dedos foi insoportable. Non chorou, xa que dixo que iso lle tivera impedido cantar mentres o seu amigo se ía. Non dubido de que así foi, non teño razóns para facelo, pero non me digades que non é un final moi teatral, moi Broadway, moi digno do morto en cuestión.

En todo caso, grazas por todo, amigo Levy.

Ah! E tamén contan que lle regalou un dicionario de rimas a Dylan, dos que este descoñecía a existencia (”o tempo que tería aforrado!”, semella que dixo) e que xogando con el foi como estes homes escribiron Mozambique. Repito: grazas por todo.

One Response to Jacques Levy »»


Comments

  1. Comment by r.r. | 2007/08/28 at 00:58:57

    Impresionante, mestre. Puf!


Leave a Reply »»