Unha storia
![]()
Corre por aí unha historia (storia, en inglés) da que seguro que tedes noticia. Inda que así sexa, coido que paga a pena lembrala neste day.
Tal día coma hoxe, un ocioso bo día de verán mediados os ’80, Dylan está en Londres. Sen moito en que ocupar o tempo ocúrreselle ir visitar a Dave Stewart, xa sabedes, o tipo dos Eurythmics, que vive na cidade, en Crouch Hill nº tal, onde tamén ten o seu estudo.
Entran no taxi o amigo Dylan e David Mansfield e danlle a dirección ao hindú en cuestión, que os leva até Crouch End Hill, nº tal. “Un tipo sinxelo, este Dave”, debeu pensar BD cando viu a casa. Chaman á porta e sae unha muller nova. “Boas, está Dave?” A muller asinte. “Saíu a un recado, pero chegará nuns minutos… Se queren pasar e agardar por el…” Dylan e Mansfield preséntanse, pasan e sentan na sala, desde a que se ve a rúa. A habitación é pequena, con moqueta polo chan e tapetes de rafia até na lámpada. Un muiño feito de pinzas da roupa e unha botella recuberta de imaxes recortadas dos xogadores do mundial de Alemania ’74 destacan sobre o moble do que sobresae a panza da televisión. Desde o sofá de escai onde están sentados case poden tocar a pantalla estirando o brazo por riba da mesa de té. Bob e o seu amigo míranse entre sorprendidos e divertidos, pero non cruzan nin unha verba. Cando entra a Sra. Stewart coas cervexas para os invitados, Dylan, coquetón, acaba para comprobar que entre os moitos discos de Dave están os seus e, efectiva e satisfactoriamente, ve nun primeiro repaso que debe haber uns 15, algúns deles piratas, como debe ser.
A conversa é fluida, o tempo, o tráfico, o taxista hindú que non se enteraba de nada… Ao pouco escóitase unha chave na porta. “Aí está Dave”, di a muller, que se levanta coma un resorte. E así é, alí está Dave Stewart, fontaneiro (ou perito de seguros, iso depende da versión da storia), na porta da súa sala, paralizado, fitando a ese tipo que se parece a Dylan pero que é Dylan, o mesmo tipo que comeza a rir cando se decata de que Dave Stewart probablemente non sexa un nome moi raro aquí, en Londres. É cando a Sra. Stewart, tamén entre risas, confesa que non sabía que facer, que ela ben sabía quen era desde un principio, pero que como non lles preguntara de primeiras que facían alí, pois despois non atopara o momento para facelo, o que cada vez a estaba a poñer máis nerviosa. Quén non coñece esa sensación?
Cando Dave se repuxo os catro tomaron as cervexas tranquilamente, e despois de Dylan e Mansfield asinárenlles algúns dos discos e quitaren un par de fotos (o Sr. e a Sra. Stewart necesitaban probas de que aquelo sucedera para poder contalo), o mesmo Dave os levou no seu coche até o estudo do outro (o falso) Dave Stewart.
Son cousas que pasan. Quén sabe se eu, algún día, cando sexa mundialmente descoñecido por todos e quera ir visitar a, por exemplo, Rubén Ruibal, teatreiro, horticultor e criador de centoliños, non apareza na casa de Rubén Ruibal, fontaneiro (ou perito de seguros, que iso, claro, dependerá da versión da storia).