+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Balada dun seguidor imposible III

Abandonou o centro de rehabilitación e comezou a viaxar polo país, indo de vila en vila, de cidade en cidade, tocando na rúa e en garitos de mala morte, levando a cabo unha xira que algúns, seguro máis pretenciosos, non dubidarían en calificar como interminable. E todo coa única esperanza, no seu delirio, de tropezar algún día con Dylan e executar a sentencia.

O tempo pasou lentamente, como é preceptivo, e o noso Thomas foi saíndo do pozo. Conseguíu un traballo de recepcionista (recibidor?) nun hotel, casou de novo e tivo unha filla. Abandonou as rúas. Abandonou a música. O colesterol foi ocupando no seu sangue o sitio que un día estivera reservado á carraxe, á vinganza. Na primavera de 1997 sufriu un infarto e foi operado de urxencia. A cousa estaba realmente fodida e ficou ingresado durante un bo tempo, no que de paso aproveitaron para operarlle unha hernia inguinal e un quiste deses de graxa no seu ombreiro dereito. Aquel susto fíxolle reformular a súa vida e trouxolle de novo aquel vello e desgrazado ímpetu de escribir cancións (asaltábanlle as dúbidas sobre qué faría BD se se enteraba, temía que estivera agochado detrás dalgún compás, detrás de calquera verso que escribía). Nesas estaba, tentando escoller entre “talking with you in my head”, “laying with you in my bed”, “trying to shave my beard” ou “wond’rin’ if her hair’s still red” (este último verso, a pesar do difícil encaixe, era o que máis lle gustaba, inda que non sabía o porqué) para rimar con “I’m running through the streets that are dead”, o primeiro verso da súa primeira canción en moito tempo, Love Sticks. Nesas estaba, digo, cando soupo que Dylan ingresara cunha pericardite na habitación do lado. Non era posible. Maxia. A súa cabeza disparouse.

Maggie McLure, enfermeira da quenda de noite, quen por certo tiña unha granxa que levaba ela sóa xa que a xente que contrataba acababa despedíndose máis pronto que tarde (parece ser que non daban aturado nin a Maggie nin a súa familia, inda que esa é outra historia que xa contaremos algún día), digo que Maggie McLure entrou na habitación de Dylan cando este agonizaba medio esganado colgado do cable da pera do timbre mentres Thomas lle aplicaba descargas nos collóns coa pila (nova!) do seu marcapasos e lle berraba unha e outra vez: “Qué? Qué se sinte?* Eh? Qué se sinte?” Robert A. Timberman foi detido e ingresou na clínica mental “Chantal Maillard Memorial” (non os curan, pero fican moi tranquilos), onde, afortunadamente para nós, inda permanece a día de hoxe.

Afortunadamente porque alí traballa o tipo este que me contou a historia, que é quen me mantén ao día. De feito seica agora o noso novo amigo Bob Thomas anda escribindo novas cancións. A última parece que é moi boa. Titúlase Working Bluesman, Bluesman at Work, ou algo parecido. Iso si, #2, por suposto.

*Nota para os de francés: “How Does It Feel?”, no orixinal.

Leave a Reply »»