Epifania III

Esto xa sucedeu en Hoxendía. Peregrinación ao Monte do Gozo, onde nunca antes estivera. Imos no coche do meu irmán cara a súa Epifanía I. Aparcamos abaixo, tomamos unha cervexa nun…, ben, nun sitio onde non nos atrevimos a coller un bocata e, ala, para arriba co resto da xente. Espectacular e cómodo o Monte do Gozo. Cando chegamos tocaba Evamaral cunha guitarra de pao. Despois apareceu un tal Gary Jules, un mozarrón que parecía saído dunha peli de instituto norteamericano ou desas outras nas que saen fraternidades alfa-beta-gamma-kapa-sigma-delta-pi-epsilon (non sei máis letras gregas, menos mal). En todo caso o rapaz sería o capitán do equipo dalgún deporte testosterónico e, claro, o que sairía coa loira máis popular (ou era copular?) da peli en cuestión. Se o de Medio (o outro medio tiña rota a perna) Amaral xa era surrealista o do Gary este, que chegou tarde e que lle perderon as maletas e o equipo, é para non contar. En fin. Logo desto, o agardado: o verbo fíxose home.
Aparece coa súa banda, tan elegantes ou máis que no dos Mil Anos (este concerto tamén se chamaba algo así como o do Novo Milenio, tamén en Xacobeo). Aparecen pola nosa dereita, camiñando en fila india polo aparcamento cara ao escenario. Dylan é o máis pequeno, vai de segundo ou terceiro, e camiña a saltiños, como Chiquito de la Calzada, e non é autohomenaxe: é como se o estivera a imitar. Despois de chegar ao escenario fican entre as teas negras do lateral durante un ou dous minutos. De cando en vez vese a algún dos músicos. Sube a expectación. E saen. Joder, como presta ver a Dylan co seu sombreiro de á ancha. Colócanse cada cal no seu sitio (A Súa Dylanidade ocupa o extremo dereito da formación) e comeza Maggie’s Farm. Póñenseme os pelos de galiña e doulle un bico ao meu irmán, que vive un gran momento: grandísimo dylanita, ven de pasar por unha longuísima travesía polo deserto dylaniano, descrido, afastado, pero este será o seu Xordán e cando saia de aquí a súa fe verase restaurada (máis ou menos).
Momentazo dylan: Highway 61 Revisited (e tampouco é autohomenaxe). Non sei se Larry Campbell ou Stu Kimball, coido que este último, quita lume da stratocaster. Versión inigualable e incomparable, absolutamente recoñecible, absolutamente dura. Os músicos míranse, están a pasalo en grande. Dose de Dylan en vea. Aquí todo o mundo aos seus pes.
Tamén soaron unha bonita Watching The River Flow (esquecín dicir que en Riazor este foi o momentazo?), unha rítmica Seen The Real You At Last e unha dificilmente recoñecible pero bellísima Just Like Tom Thumb’s Blues. Ao final tivemos LARS e cantámola con el sen que se resistise o máis mínimo, deixouse levar: How does it feel?, berrabamos, How does it feel? E como te vas feel nese intre, joder? Pois como unha puta Rolling Stone, home, Like A Rolling Stone.
Ao saír do concerto merquei unha camiseta vermella co careto de Dylan no peito (sombreiro de palla, final dos ’80) que inda conservo. Se a vedes por aí, quén sabe, ao mellor o que vai dentro son eu (coidado coas imitacións, que hai moito cabrón).