Epifanía I
![]()
Eu, como seguro que moitos dos que van ler (agardo) esto, vivín en Haitrintanos, un lugar non moi lonxe de aquí, pero moi distinto. Entre outras moitas cousas, polo que respecta a este pos direi que en Haitrintanos non hai blos, non hai yutuf, non hai Interné. Non pode habelos porque mesmo non hai informática nin ordenadores. Por exemplo, nos bancos levan as contas en grandes libros e os apuntes nas libretas de aforro fanse a man. Xúrovolo. En Hoxendía, escoitamos na radio algo que nos gusta e non temos máis que poñernos diante da pantalla, en google, na wikipedia, en e-mule ou no mesmo yutuf, e veña, xa sabemos todo do artista en cuestión, da súa discografía, das súas (drog) adicións, e tamén vemos rápidamente o guapo/a que é, cómo se move, cómo viste…
En Haitrintanos os fans viven de revistas, moitas extranxeiras, que len os enteradillos (pijos madrileños que viaxan a Inglaterra, maiormente) que logo contan na radio ou noutras revistas máis accesibles as novas e rumores que corren sobre este ou outro artista. Nese país, os grandes non actúan (até unha mediocridade coma Bowie ten dito que el en África non canta, inda que en Hoxendía casou cunha africana, o que son as cousas; Bob Marley si actúa, pero en Ibiza, que para os haitrintanenses é como dicir en Marte, máis ou menos). Todo iso ten as súas consecuencias. Naquel país un dylanita, por exemplo, fica extasiado durante horas diante da foto da portada do novo disco, da contraportada, da carpeta interior. As letras que acompañan ao LP (se acompañan) é o único que axuda ao pobre fan a entender co seu inglés paupérrimo o que Dylan di no seu inintelixible inglés. Se non hai letras, están jodidos. Hai algún libriño en Júcar, algún panfleto con acordes, pero pouco máis. O resto: oído.
Porén, eu tiven a miña primeira epifanía cando pasei por alí. Teñen un programa na tele (hai só duas cadeas de televisión, a que é curioso?) que se chama, nun alarde de orixinalidade, Popgrama, onde os martes ao solpor dous daqueles enteradillos dos que antes falaba contan cousas e poñen imaxes do que pasa polo mundo adiante (e tamén en Haitrintanos). Foi a primeira vez e tardei moito tempo en volver a ver ao meu ídolo en movemento. A imaxe, por outra banda, era poderosísima e relativamente recente para aquel país onde até as películas, se chegan, fano con anos de retraso: a Súa Dylanidade coa Rolling Thunder Revue cantando Isis, sentado ao piano coa cara pintada de branco, non lembro se con sombreiro ou sen el, e cunha botella de algo (vodka ou xinebra, se non me traizoa o cerebro) enriba do piano, xunta el. Impacto: 10 sobre 10, que eu era un adolescente e Dylan o Dylan máis Dylan de tódolos dýlanes posibles. Ademais tiven a fortuna de velo en cor, que moita xente en Haitrintanos ten tele en branco e negro. Non vou presumir aquí de nada que non sexa certo: non tiña nin puta idea do que estaba a ver; a canción coñecíaa pero era case irrecoñecible; non sabía que facía aquel home coa cara pintada de branco; nunca oíra falar da RTR até aquel intre; mesmo ver a Dylan tocar o piano era unha sorpresa para min. Non sei. Supoño que ás nenas de Fátima ver a virxe tamén as confundiría algo. Digo eu.