Oh, but I was so much older then, I’m younger than that now
66 é o número da ruta que atravesaba EEUU desde Chicago até L. A. É unha vía histórica, porque desapareceu en 1985 e porque foi sumamente importante na historia do país.
Foi trazada nos anos ’20 seguindo (máis ou menos) as rutas de penetración na época da conquista do Oeste, e acadou a súa máxima notoriedade nos ’30 por mor do movemento humano que provocaron no Medio Oeste a famosa Crise do 29 e o Dust Bowl (chámase así a unha serie de desastres provocados por enormes tormentas de po centradas nos anos 34, 35 e 36 que enterraron baixo toneladas de terra as vidas de case medio millón de persoas). O vento levou as casas e as colleitas. Os bancos levaron o resto. Unha marea de xente de Missouri, Oklahoma, Dakota, Arkansas… tomou os camiños que levaban a California, unha vez máis terra de promisión, e todos aqueles camiños confluían na Route 66.
Woody Guthrie era un daqueles desgrazados. Nacera en Okemah, Oklahoma, unha pequena vila agrícola atravesada pola 66. Desarraigado, desequilibrado, desesperado, escribiu co seu sangue as súas Dust Bowl Ballads que axiña cobraron vida e percorreron esa ruta convertíndoa nunha arteria. En Saint Louis, Missouri, onde a 66 se cruza coa nosa Highway 61, a autoestrada do vello blues recolleu ese sangue novo e levouno a Duluth, Minnesota, camiño do norte.
Alí, hai hoxe 66 anos, mentres as cancións de Guthrie medraban, viaxaban e irrigaban até o máis afastado recuncho da nación, naceu Bob Dylan, ou Robert Zimmerman, ou Shabtai Zisel ben Avraham, como gustedes.
A Ruta 66 percorría case 4000 Km. desde o corazón de EEUU até a costa. 66 anos son un longo percorrido para un corazón, sen dúbida moitas candeiñas que apagar. Meu amigo, onde quera que esteas, grazas por todo e que pases un feliz día. (Nós seguimos aquí, agardando).
(Ola, son Chiquito, que sigo a publicar de prestado grazas a r. r.)