+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

O día que morreu a música

Sábado 31 de xaneiro de 1959. Hoxe, no Duluth National Guard Armory, actúa Buddy Holly (e Richie Valens e Big Bopper Richardson entre outros). Son 122 km desde Hibbing por autoestrada, unha hora e media, aprox., quizais algo máis se segue a nevar toda a noite como parece. Despois de comer Bobby sae da casa camiño da estación de buses para tomar o Greyhound. Abrigouno ben a Sra. Zimmerman, vai vestido como un leñador, inda que na bolsa leva o kit de rocker que porá para o concerto. Frío? Quén vai ter frío nun concerto de Buddy Holly? A Sra. Zimmerman si, por suposto, inda que fique na casa. Son 17 anos para 18, no outono marchará para a universidade así que… de qué serviría prohibirlle?

Malia a nevada, a estrada está ben cara ao mediodía e, sen problemas, Bobby chega a casa dos seus tíos con tempo para cear algo, maquearse, supertupé, montar no coche co seu curmán, ir buscar ás rapazas e marchar ao Armory. Cheo até a bandeira. Big Bopper, Richie Valens e… Buddy Holly!

Holly era a máxima estrela do momento, pasando por riba de Richard, Lewis, Berry e, por suposto, de Elvis, en Alemania facendo a mili e xa algo gastado polo stablishment. En realidade a carreira do R&R era curta, moi curta, pero espectacular. Non ía máis aló do 1954, ano en que Elvis grabou o seu primeiro disco e, máis inda, Bill Haley and The Comets quitaron o seu Crazy Man, Crazy (ao ano seguinte con Rock Around the Clock romperon as radios de todo EEUU). Ben é certo que Chuck Berry e Little Richard (o heroe de Bobby) levaban algún tempo buscando unha saída para aquel son que lles rondaba a cabeza, pero ambos grabaron os seus primeiros grandes éxitos (Maybellene e Tutti-Frutti, respectivamente) no 1955. Vese que aquel era o momento. Catro anos máis tarde todos eles eran xa vellos e unha nova fornada de rockers, liderada por Buddy tomaba o relevo. Música máis elaborada, letras algo máis complexas (non moito, esa sería a labor de Bobby pasando o tempo, tampouco moito), un aire máis poppy sen perder as raices salvaxes…

O concerto foi superior, magnífico. Alí soaron Peggy Sue, Not Fade Away, ou Maybe Baby, de Buddy, pero tamén C’mon Let’s Go, Donna ou
La Bamba, de Valens, a última sensación do R&R. Por certo, que a cadencia harmónica de
La Bamba ficaría dando voltas na cabeza de Bobby até que Dylan a vomitou no estribillo de LARS. Cousas ten a vida.

Ao día seguinte o noso amigo voltou a Hibbing, que o luns tiña clase. Quén o vería alí, fachendeando de ter estado a escasos pasos do gran Buddy, imitando os seus bailes e xeito de cantar e contando excitado que durante dous segundos as súas olladas se cruzaran. Quén o vería co sorriso xiado o mércores á mañá cando se enterou que aqueles homes novos e cheos de vida que tivera diante catro días antes morreran de madrugada nun accidente de aviación en Lake Clear, Iowa.

Algúns din que aquel día morreu a música. Eu coido que en realidade estaba a piques de nacer.  

Leave a Reply »»