Isis (ou como casar un 5 de maio e celebralo anos despois)
Casei con Isis o día 5 de maio, mais como non fun quen de retela durante moito tempo, ordenei de cortar o pelo e fuxir camiño dun descoñecido país, deses onde non é moi aconsellable perderse.
Cheguei a un pobo cheo de claroescuros polo medio do cal pasaba a fronteira, amarrei o cabalo a un poste á dereita da rúa e entrei na lavandería a lavar a miña roupa. Alí un home apoiado nunha esquina pediume lume (non había que ser moi listo para decatarse de que non era un tipo calquera). El: teño un negocio fácil-fácil. Eu: vale, pero non teño un peso. El: e quén collóns falou aquí de cartos?
Sentamos fóra (tiraba un frío de carallo), dinlle a miña manta e el deume a súa palabra. Eu: onde imos? El: estaremos de volta para o día catro. Eu: iso é poesía para os meus oídos. Empecei a pensar en turquesas, en ouro, en diamantes e no colar máis grande do mundo e, mentres cabalgabamos a través dos vales e daquel frío do demo, pensaba en que Isis me tiña por un imprudente, e en como me dixera que voltaríamos a atoparnos e que as cousas serían distintas a próxima vez que casáramos (sempre que eu fixera un esforzo e me conformara con ser só o seu amigo). Qué difícil me resultaba lembrar as mellores cousas que dixera.
Pero volvamos á miña aventura. Chegamos ás pirámides, todas cubertas de xeo. El: aí dentro hai un corpo polo que nos van pagar unha pasta (primeira nova que tiven sobre o que faciamos alí). Puxémos mans á obra e, malia que sopraba o vento e que nevaba coma nunca antes o fixera, picamos sen parar, día e noite. Meu compañeiro púxose malo e morreu dalgo que non quixen pensar que fora contaxioso, así que decidín mirar a outro lado e seguir traballando. Pouco despois logrei entrar na tumba, pero só para comprobar que a caixa estaba baleira: non había xoias, nada! Sentín que me ía. Qué gilipollas! Non sei como puiden aceptar a oferta dun tipo tan sospeitosamente amable. Reposto, collín o seu corpo e arrastreino dentro, tireino ao furado e puxen a tapa. Despois recei unha pequena oración e, sentíndome mellor, montei no cabalo para voltar xunta Isis e dicirlle que a amaba.
Atopeina cegada polo sono (realmente necesitaba unha cama) no medio do prado, alí por onde soía pasar aquel pequeno rego. Achegueime polo Leste co sol dándome nos ollos e maldicina mentres cabalgaba cara onde estaba. Ela: onde estiveches? Eu: en ningún lugar en concreto. Ela: pareces distinto. Eu: supoño. Ela: fúcheste. Eu: nachuralmente. Ela: vas quedar? Eu: por suposto, se tí queres.
Isis, oh, Isis, miña nena misteriosa. Abofé que o que me fai amarte é o mesmo que me volve tolo, mais nunca xamais esquecerei como sorrías aquel 5 de maio.