+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

2057 d. C.

O vindeiro mes, na sede da Fundación De la Highway61 para o Desenvolvemento das Artes (FDLH61), inaugurarase a exposición “De la Highway61: do blogomillo ao ceo, 50 anos de música, teatro, cine e literatura”, que conmemora o lanzamento o 21 de abril de 2007 (coincidindo cos seis meses de presenza no blogomillo), do que sería o primeiro éxito do artista. Os visitantes poderán ver entre outros obxectos persoais a primeira guitarra eléctrica de Chiquito, unha Cort do 84 agasallo do seu irmán, unha entrada á mítica e lembrada exposición  Bob Dylan’s American Journey 1956-1966 que se celebrou na cidade no 2008, e algúns manuscritos e arquivos dixitais coas letras e as maquetas dalgunhas das súas antigas cancións. Tamén se poderá contemplar o ordenador co que traballaba, un deses vellos trebellos (era un “portátil” que pesaba 2 kg!) cos que os nosos pais e avós entraron na era dixital. Dentro da exposición estará habilitada unha sala con dez daqueles ordenadores na que os que o desexen poderán, coa axuda de monitores especializados, manexar secuenciadores, tarxetas de son e outros programas e aparatos da época relacionados coa música, e grabar as súas propias versións das cancións de Chiquito. Tamén poderán crear blos (os primitivos quotos) e “navegar” por Internet, o antecedente da nosa Hyperextranet, por onde os datos voaban, no mellor dos casos, á “incrible” velocidade de 20 megas.

A exposición abrirá ao público o día 15 de maio tras un acto no que se homenaxeará a algúns dos supervivintes daquela época dourada que para algúns marcou un punto de inflexión na historia de Galicia e sobre todo na da súa lingua, daquela esmorecente. Agárdase a presenza da escritora e cronista Besbe Lliña e do dramaturgo e presidente fundador da Real Academia Galega das Artes Escénicas e Hortícolas Rubén Ruibal, que estarán acompañados polo presidente honorífico da FDLH61 Colodroni. Chiquito de
la Highway 61, metido de cheo na súa Xira Interminable, non asistirá xa que esa mesma noite actúa no Mario’s Arena da Illa de Gorée e é sobradamente coñecida a súa aversión á teletransportación.

Como adianto, na hyperextraweb da Fundación pódese escoitar a maqueta da súa primeira grabación, Pégame. Se ben é certo que a calidade do son non é moi boa (debido tanto á falta de pericia dun novato Chiquito como ás necesidades de compresión dos arquivos nunha época na que mandaban tanto o escaso espazo de almacenaxe como a baixa velocidade de transmisión dos datos) o seu valor como documento histórico e  a súa trascendencia para a humanidade xustifican a súa escoita. Trátase, como xa é coñecido, dunha versión de Rita May, unha canción de Bob Dylan, artista cuxo catálogo, por certo, vai ser remasterizado pola FDLH61 logo do acordo acadado coa Deutsche Grammophon, actual propietaria dos dereitos da súa obra. Nesta mítica e primitiva grabación de Pégame, con letra e arranxos de Chiquito (guitarra e voces), participaron Kent Dallas (piano), Al T. Eregow (baixo) e Bill Parker Jr. (percusión). Significou tamén o debú de Jack Frost Jr. como produtor, inda que, coma sempre, non tivo moito traballo.

Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image