Os tres dedos de Bruce
Bucky Baxter estaba sentado fronte a Dylan cando este ficou durante uns intres mirando o bote de salsa que tiña na man. “Non o podo crer! Brobrubru!”, exclamou. “Seguro que non coñeces a este tipo”. Bucky botou unha ollada ao negro retratado na etiqueta e dixo non coa cabeza. “O gran Bruce Langhorne!” Bucky sabía quen era. Calquera guitarrista de rock que se precie sabe quen é, e máis se está a xirar con Dylan. O tal Bruce foi o responsable de polo menos o 50% do son co que BD pasou á historia como creador do folk-rock: é o que fai á guitarra o contrapunto á voz en Bringing It All Back Home, e de que xeito!. Quén non ficou abraiado con ese repiqueteo guitarril que se escoita tras Dylan en Mr. Tambourine Man (din que Bruce inspirou ese “señor da pandeireta”, que tiña unha enorme que lle trouxeran de Turquía ou por alí, que a levaba ás grabacións e que a BD lle facía moita graza) ou She Belongs to Me? Unha marabilla, o repiqueteo, continuado por Michel Bloomfield en Highway 61 Revisited e despois por The Band en Blonde on Blonde. Dylan non é moi falador, pero á vista do bote deulle a Bucky unha lección maxistral de historia do rock sentado nunha hamburguesería. 
Contoulle que Bruce tocaba con só tres dedos, non por capricho, senón porque perdera os outros nun accidente sendo un neno, o que o forzara a atopar un xeito de expresión que se adaptara a esa peculiaridade. Grazas á súa formación clásica era quen de tocar unha liña melódica, unha voz, con cada un dos seus dedos, o que procuraba aos cantantes un acompañamento polifónico moi apreciado no ambiente folk do Village. Dylan viuno por vez primeira alí acompañando ao presentador do Gerde’s Folk City Club, o Irmán John Sellers, con quen entrenaba a técnica gospel e bluesy de pregunta e resposta. Moi cedo, no 1961 e sen ser sequera presentados, compartiron estudo acompañando (BD á harmónica, e nin tan sequera saíu nos títulos de creto) no álbum de debú de Carolyn Hester, e dous anos despois Hammond e Dylan fórano buscar ao Gerde’s para tocar nas sesións de The Freewheelin’: puxo guitarras en Don’t Think Twice, It’s All Right, Corrina, Corrina e Mixed Up Confusion. Daquela, lembraba Dylan, tocaba só acústica, así que en Mixed Up… tivérano que “tunear” na produción. Para as sesións de Bringing… trouxo tamén a súa Martin (si, si, unha Martin) acústica, pero fíxose rapidamente cunha pastilla e un ampli Twin Reverb de Fender que lle deixou o seu amigo Sandy Bull, un guitarrista electrico portentoso para aqueles anos, xa que Bruce non esperaba a un BD electrificado. Agora ben, a electricidade non era nova para el, xa que tanto Sandy como Roebuck Staples o iniciaran nos seus secretos. Este último fora o primeiro en utilizar o trémolo para dar corpo ao son e, claro, Bruce pillou o conto. Aquela combinación dáballe unha cor eléctrica á Martín acústica ideal para o son mestizo que Dylan trataba de quitar adiante. 
A estas alturas Bucky estaba alucinado. Xa lle dixera Bentmont Tench que Dylan coñecía máis acordes que ningún outro músico e que sabía un millón de vellas cancións, o cal xa comprobara nos últimos dous anos, mais ninguén lle dixera que fora unha enciclopedia andante, con esa memoria para nomes, datas e lugares. “E volviches tocar con el?”, atreveuse a preguntar. “En Pat Garret & Billy The Kid. Tenteino nos ’60 pero eu enganchei con The Band e el pasaba a vida nos estudos con este e con aquel. Todos o querían. Era imposible atoparlle unha data libre. Tenteino, ben o sabe deus. No festival de Newport, aquel que reventamos, debeu saír ao escenario a tocar con cinco ou seis grupos distintos. Non paraba.” Quedou calado para seguir: “Qué cabrón, o Brobrubru!”, dixo cun sorriso. “Nunha das sesións de Bringing… (xa estabamos algo cansos e peneques) estaba eu explicándolle uns cambios nunhas harmonías cando me parou e me dixo ‘Deixa, deixa. Ti toca e canta que eu te sigo’. ‘Pero é que…’, seguín. ‘Que toques, oh! Total xa sei qué vas facer’. Claro, non me pareceu moi ben, e díxenlle: ‘tan predecible che parece o que fago?’ ‘Predecible non, Bobby’, dixo. ‘O que fas é… inevitable’. Qué cabrón, o Bruce!”
(Bucky Baxter xirou con BD nos anos 90 como guitarrista todoterreo. Estivo no estadio de Riazor no Concerto dos 1000 anos)