+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

+Blood on the Tracks

Pola mañá cedo, Chris recibiu unha chamada. Era Rod Tackett, do Sound 80 Studio, cun dos seus habituais pedidos raros e urxentes. Nesta ocasión tratábase dunha Martin, un modelo do ’61 do que se fabricaran só unhas poucas pezas. Hai músicos moi repunantes que ten que ser ese timbre e non vale nada que non sexa ese timbre. Chris sabíao ben. Chris vivía deles. Tiña unha tenda de música en Twin Cities onde compraba, vendía e alugaba instrumentos de todo tipo, precio e condición, e poucos músicos serios (de todo o país) descoñecían a dirección do seu almacén.

Mala sorte: Chris non tiña unha daquelas xoias no seu poder e tivo que facer unhas cantas chamadas. Necesitaba a guitarra e rápido. Boa sorte: atopou unha no mesmo Minneapolis, así que deixou a súa dona ao cargo da tenda, colleu a moto e foi buscala. Cartos. Acordo. Chegou aos estudos a media tarde, non estaba mal para un instrumento tan especial. “O señor Tackett está agardándoo. No 2º andar”

Entrou no estudo. Nunha esquina un piano e tres tipos xunta el. Un deles era o amigo Rod, outro David Zimmerman e o terceiro… o mesmísimo Dylan. Chris coñecía aos irmáns Zimmerman de había tempo, máis ao pequeno, claro, músico e produtor de certa sona no Medio Oeste, como xa sabemos, pero tamén ao maior, co que tratara algo nos tempos da universidade e que se deixaba caer pola tenda de cando en vez se pasaba pola cidade. Estaban todos moi concentrados nunha partitura, así que foi saudar aos outros músicos. Estaban o batería Billy Berg, o baixista Billy Peterson e o guitarrista Kevin Odegard, que se declararon tan sorprendidos coma el de ver alí ao gran Dylan. A Peterson contratárao David o día anterior e cando entrara aquela mañá nos estudos atopárase con BD no hall de entrada. Pedíralle un autógrafo, sen cortarse. Grazas. Despois atopárao no ascensor. Levaba unhas botas ben chulas. “Até logo”. Seguírao polo corredor até que BD se meteu no estudo no que se supuña que o estaban a agardar a el. Asomouse á porta e non foi até que viu a David e este lle fixo un aceno para que entrara e lle presentou ao seu irmán que soupo que ía tocar con Dylan.

O caso de Billy Berg fora semellante. Estaba a facer as maletas porque esa mesma tarde marchaba a L. A. a probar fortuna. Tiña alí unhas probas nun importante estudo cando o chamou David, que lle dixo que era un asunto importante, que necesitaba xente de confianza, que non lle podía fallar e que non se arrepentiría. E alí estaba. Kevin era un dos músicos fixos naqueles estudos, amigo tamén de David, co que xirara en máis dunha ocasión cando eran case uns nenos.

E alí estaba tamén o bo de Chris. Se fora outra ocasión deixaría alí a guitarra e marcharía, era un home ocupado, pero nesta daría unha man por quedar alí e disfrutar do momento. Ficou alí falando cos músicos, fitando de cando en vez ao mito para asegurarse de que era verdade. Cando Rod, David e Bob acabaron de falar dirixíronse aos músicos para tocar. Rod abriu a funda e quitou a Martin. “É esta?”. Dylan colleuna e mirou satisfeito para Chris. “É”, dixo, e sentouse a afinala. David daba instrucións aos seus amigos e dicíalles que aquelo era unha proba e que se saía ben grabarían, pero que xa se vería. Rod saíu cara a “sala de máquinas” onde ía facer de técnico de son e Chris pensou que era hora tamén de marchar. Despediuse de Rod no corredor e xa camiñaba cara ao ascensor cando escoitou a David que o chamaba. Voltou sobre os seus pasos. “Podes axudarnos? Necesitamos outra guitarra” Pensaba que se referían a outro instrumento pero, cando entrou de novo no estudo, Kevin ofreceulle unha Candelas noviña cun sorriso de orella a orella. “Xa está afinada”, lle dixo mentres lle chiscaba un ollo. “Senta”. Mirou ao seu redor. Pensou que era unha broma. Dylan asentíu cara a sela baleira. Sentou. Pasáronlle unha partitura e Kevin lle dixo que se limitara a acompañalo marcando só o inicio dos compases deixando soar o acorde.

Déronlle dúas ou tres voltas á canción sen un resultado satisfactorio. Algo fallaba. Kevin suxiriu subir o ton a La para darlle máis brillo. Probaron. Todo encaixou de súpeto. Unha boa canción convertida nunha canción superior. Seguía a ser triste, pero Dylan xa non soaba como se estivera a pedir desculpas. Dicía algo así como “Early one mornin’ the sun was shinnin’, I was layin’ in bed…”

Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image