+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Unha de versións

No ano 1968 o gran Hendrix fixo unha versión de All Allong the Watchtower que publicou só seis meses despois da saída de John Wesley Harding, LP no que Dylan presentaba esa canción. O seu éxito foi incontestable, maior do que sucedera coa versión orixinal. Non era, nin moito menos, a primeira versión dunha canción de BD que, pasando incluso inadvertida na súa voz, acadaba o éxito interpretada por outros, mais nesta ocasión o impacto foi tal que ninguén dubidou de que a versión superaba ao orixinal. En realidade, máis que unha versión, era unha especie de reedición de luxo, aumentada e corrixida, que deixaba á primeira avellentada, inutilizada, e iso que xa había un tempo que todo o mundo tiña claro aquelo de que “nobody sings Dylan as BD”. Até Dylan debeu pensalo, xa que nunca chegou a tocar a súa versión en directo e adoptou para sempre a de Hendrix como súa.

Ven esto a conto de que estiven (re)vendo o concerto de homenaxe que lle fixeron a Dylan polo 30 aniversario da saída do seu primeiro LP e, entre versións máis ou menos boas (en todo caso lonxe, ao meu entender, dos orixinais) hai tres xoias que paga a pena (re)escoitar. Trátase das versións de Just Like Tom Thumb’ Blues e All Allong the Watchtower por Neil Young e a de Highway61 por Johnny Winter. Nas dúas primeiras, un fero (Forever) Young desata ás Furias e facendo o mellor uso que calquera poda imaxinar da epilepsia que lle afecta, vestido de vaquero (camisa de cadros, chaleco de pel, texanos, botas (of Spanish Eláter, supoño), rompe o escenario. Esnaquízao. Secundado por algúns dos músicos que acompañaban a Dylan nos oitenta (maioría de Heartbreakers), golpea coma un iluminado a guitarra, canta como se a vida lle fora niso e, inda que parte xa nos primeiros acordes de Just Like… dun nivel altísimo de rock, emoción e risco, acada un crescendo que mediada a moi dylanohendrixiana All Allong… semella que non pode chegar máis alto. Pois non. Consígueo. Un fica exhausto só de velo, pero el fica tan satisfeito e feliz que as gotas que pingan do seu cabelo son máis de ledicia que de suor. Acaba de agradecerlle a Dylan que escribira semellantes cancións do mellor xeito que sabe e pode: cantándollas. BD debe sentir o que sentíu cando escoitou a Hendrix cantar “There must be some way out of here…” no ’68. Difícil de superar. E despois sae o Sr. Winter. Se Neil Young o borda, o de Johnny Winter xa é puta ourivería. Armado coa súa Lazer descabezada, modelo ultralixeiro e exclusivo, e co seu famoso anaco de tubo de chumbo no maimiño, ataca, quizás con menos paixón pero coas mesmas pericia e forza de Young, a xa de por sí perfecta Highway61. É unha versión absolutamente roqueira e guitarreira, heavy, cunha potencia tal que podería desaparecer o mundo nese instante, e o Albino volveríao crear a golpe de slide. Cun ar máis alleo ao momento que o do canadiense, as estrofas van caendo (ou erguéndose?) unha a unha separadas polos máis salvaxes sons de guitarra que un teña escoitado. A canción é inmellorable. O guitarrista é un mago. O resultado: insuperable. Saúda e mutis polo foro.

É posible que alguen faga dun orixinal de Dylan algo mellor? Escoitade (se fora posible ollade o vídeo, coido que hai unha versión subtitulada para os non iniciados) estas tres versións. Despois falamos.

Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image