Pode ser. Non si?
Moitas gracias a todos (pido desculpas porque son da vella escola: todos son todos, eles e elas). Vexo que hai moitos amigos de Dylan, o que non deixa de sorprenderme, inda que sei ben quen é o animal. Como vos pido que sigades empurrando, eu vou a poñer a miña parte, e seguirei lembrando o asunto de cando en vez. Gustaríame moito ver esa exposición, e agora máis porque sei que somos uns cantos e ben levados.
Por se fai falla convencer a alguén, aquí van algunhas cousas relacionadas coa mostra en cuestión atopadas en blogs, webs e xornáis:
“O máis impactante da exposición non é de Dylan. É unha camiseta branca con manchas amarelas, a que Woody Guthrie levaba no Greystone Park State Hospital de Morristown, N. J., onde pasou os seus últimos anos atacado pola enfermidade de Huntington (dexeneración neurolóxica). Dylan visitouno durante un tempo alí, e podemos imaxinar a Guthrie, cada vez máis ido, con esa camiseta escoitando a Dylan cantar Dust Bowl Blues e Pretty Boy Floyd.”
“A exposición ten material doutra xente da época. Está a versión de Blowing in the Wind de Marlene Dietrich (Die Antwort weiss ganz allein der Wind). Están tamén a guitarra e as botas e sombreiro de vaqueiro de Ramblin’ Jack Elliot, o cantante que era tan bo imitando a Woody Guthrie que fixo comprender a Dylan que se tiña que adicar a outra cousa se desexaba triunfar.”
“Unha vez vin a BD no Park Slope. Foi na oitava avenida en Lincoln Place, en fronte do Montauk Club. Era o 12 de xuño (lémbroo porque é o aniversario do meu fillo), el estaba cun fotógrafo e nós íamos entrar no metro. Había un grupo de xente, pequeno e discreto, falando con Dylan. Cando marchaba, pedínlle un autógrafo e deumo. Asinou co seu nome na funda da miña Mastercard (non levaba nada máis). Enmarqueina e púxena nun anaquel da sala. Mencionei que lle dixén: es o meu ídolo? Non o podo evitar: son un fan irredento de Dylan e esa exposición na Morgan estame a chamar. Xa estou alí.”
“Se escoitas a música da exposición podes comparar: Woody Guthrie cantando 1913 Massacre e a mesma melodía en Song to Woody ou ao Sr. Dylan cantando en No More Auction Block a mesma melodía que el arraxaría no Blowin’ in the Wind. […] Hai manuscritos que amosan o proceso creativo, escritos en calquera papel que atopara (…) Gates of Eden trazada cunha letra pequena e clara na parte de atrás dun pano de papel dun Holiday Inn (…). Un borrador de Like a Rolling Stone, un torrente de palabras antes de ser convertido en canción, da que só se recoñece a frase How does it Feel. Unha versión de Don`t Think Twice, It’s All Right, titulada só It’s All Right, e nas súas marxes o Sr. Dylan tentando decidir se All Right ou Allright.”
“A súa relación con Joan Baez é parte da exposición, que inclúe un cartel contra a guerra de Vietnam no que saen a Baez e outras dúas rapazas, tal vez as súas irmás. No cartel lese: ‘As rapazas din si aos rapaces que din non’”
Sinto non ter atopado o número de visitantes da mostra (dato que comprendo sería interesante para os programadores). Sei que en NI cobraron uns 10 euros a entrada, e en Cleveland uns 17 ou 18. A 10 euros, inda que os gastos duplicaran o coste da exposición, 14000 visitantes (en 13 semanas son pouco máis de 1000 persoas á semana) serían suficientes para cubrir o presuposto. Fará falla poñerse a recoller sinaturas?
E se inda así non quedan convencidos, podédeslles amosar este vídeo