Enciclopedia
De cando en vez non está nada mal lembrar o que se dicía de BD noutros tempos. Decatámonos de que o noso amigo, hoxe intemporal, foi daquela moi, pero que moi temporal, de que a xente asombrábase do que facía e de que até cada movemento do seu pelo era seguido, polo menos, con curiosidade. Hoxe, grazas ao traballo de centos de entusiastas e dalgún especialista, ao talante máis aberto do noso heroe e tamén, por que non dicilo, a unha actitude máis distante dos seus seguidores, sabemos moito máis e mellor del. Aquí vos traio algo que atopei por casualidade entre os meus papeis (o que chega a gardar un, meu Dylan). Trátase da voz Dylan na Encyclopaedia Britannica publicada no 1981, inda que o artigo é de 1974 ou algo anterior, en todo caso dos primeiros ’70. Deixádevos levar e viaxade no tempo por uns segundos: sodes uns melenudos con cinta ao pelo, quizais unha profesora da Universidade de Syracuse sen sostén e sen depilar, ou un periodista cargado de ácido e con chaqueta de pana. Aló cada un. E se algún día fostes así, que Dylan vos perdoe.
“Dylan, Bob (n. ROBERT ZIMMERMAN, o 24 de maio de 1941 en Duluth, Minn.), cantante e compositor que deu forma á música dunha xeración cunha creatividade literaria nova no ámbito popular. Despois dunha difícil infancia en Duluth e Hibbing, un pobo do Iron Range, Dylan, que tomou este nome do poeta Dylan Thomas, pasou un tempo viaxando e traballando polo país. Vivía e cantaba imitando a Woody Guthrie, a quen visitou nun hospital de Nova Iorque en 1960. Comezou tocar profesionalmente nos coffehouses do Greenwich Village, cantando baladas de Guthrie do tempo da Depresión e tamén outras compostas por el mesmo. Os seus LP’s de 1962, 1963 e 1964 valéronlle o recoñecemento coma un talento maior e dúas das súas cancións, Blowing in the Wind e The Times They’re a-changin’ convertíronse en himnos do movemento polos dereitos civís. Baseándose na tradición folk, particularmente no uso de sinxelas melodías, moitas das súas cancións como A Hard Rain’s A-Gonna Fall, Gates of Eden e Mr Tambourine Man, empregaban letras metafóricas, incluso alegóricas, e o verso libre; a sucesión de imaxes e os a miúdo sorprendentemente esquisitos xiros nas frases chamaron a atención dalgúns críticos como poesía seria. En 1965 Dylan perdeu moitos dos seus seguidores pero gañou moreas deles cando electrificou os seus intrumentos e adoptou moitos dos ritmos do rock and roll, creando o que chegou ser considerado un novo estilo, o folk-rock. Despois dun accidente de moto e dun longo periodo de reclusión, publicou no 1968 John Wesley Harding, un album que volveu sorprender co seu apagado e reflexivo ton e coa tentativa de usar arranxos country-western, un elemento que se convertiría en dominante no seu seguinte traballo, Nashville Skyline, de 1969. Nunha canción deste último disco contaba coa colaboración do cantante country Johnny Cash, e unha vez máis demostrou a súa grande influencia ofrecendo á música popular outra fonte na que beber.”
Como vedes, o personaxe creado por BD funcionaba a pleno rendemento hai 35 anos. Segue a funcionar hoxe?