Canción do currante #3
Todos sabedes, ou deberiades de saber a estas alturas de blo, que BD se criou no Iron Range, nun pobo construído ao pé dunha das minas a ceo aberto máis grandes do mundo. Desas minas saíu gran parte do ferro que se utilizou para a construción da meirande máquina de guerra que coñecera a historia até entón, a que EEUU puxo en funcionamento para aplastar aos nazis e aos xaponeses e, de paso, pasar a dominar o mundo, vender unhas cantas cocacolas e dar a coñecer o rocanrol. Así foi que cando a familia Zimmerman chegou a Hibbing, xusto despois da II Guerra Mundial, aquel pobo vivía o seu mellor momento, ao carón dunha mina que, en en medio da reconstrución posbélica, inda seguía a traballar a pleno rendemento. A mediados dos anos 50’ todo cambiou. A demanda de mineral de ferro comezou caer, as vetas do Iron Range comezaban a dar sinais de esgotamento e as dificultades de extracción eran cada vez maiores. Para colmo o capital era cada vez máis consciente de que fóra das fronteiras era máis fácil facer cartos que na propia casa.
Os felices 50’ tocaban á súa fin en todos os sentidos e Dylan estaba alí para ver que xa non había lugar para o tupé engominado de Little Richard nin para as súas historias de cadillacs rosas e rapazas accesibles. Volvía o tempo das camisas raídas, as viaxes nos trenes de mercadurías e as colleitas escasas, tempo de depresión, tempo de Woody Guthrie. Supoño que nunca ninguén pensou que BD non fora un home do seu tempo.
A historia que aquí se vai contar é unha historia do Iron Range, probablemente real ou baseada nunha historia real, mais a maxia da poesía faráa recoñecible para os amigos do naval, do metal, do carbón, de tantas e tantas outras derrotas, aquí e en Pekín, e fará tamén que vexamos que non hai nada novo baixo o Sol. Titúlase Canción triste do norte do país e di así:
“Vouvos contar unha historia de cando as minas estaban cheas de ferro e dun día para outro os cartóns comezaron a cubrir as ventanas e os vellos os bancos. Agora o pobo está baleiro. Direivos que estou a criar os meus fillos ao norte da cidade, pero que eu o fixen xusto ao outro lado. Direivos tamén que cando era pequena a miña nai enfermou e quedei ao coidado do meu irmán.
Por aquel entón o metal saía a esgalla das minas e o ruído constante das cintas transportadoras e das escavadoras enchíao todo. Un deses días o meu irmán saíu a traballar e xa non voltou a casa, tal como lle sucedera ao meu pai tempo atrás. Aquel foi un duro inverno que vin pasar desde a ventana, sobrevivindo grazas a axuda dos veciños. Na primavera casei cun mineiro, de nome John Thomas, así que deixei de ir a escola. Foron bos anos. Tivemos tres fillos que nunca botaron de menos un plato quente na mesa, até que, un mal día, reduciron o traballo do meu home a media xornada.
Fumos estirando os cartos e a esperanza, pero pouco tempo despois os homes atoparon a porta da mina pechada e quedaron na rúa. O ar incendiouse, inda que seguía estando xeado de máis. Entón veu un home do Este a dar explicacións, e dixo que o número 11 pecharía nunha semana. Segundo dixo, os mandamases non estaban conformes cos costes que tiñan que soportar, até o punto de que non pagaba a pena seguir a quitar o noso mineral, sobre todo cando resultaba moito máis barato explotar as minas de Suramérica onde os mineiros traballan por case nada.
Así que pecharon as minas. O ferro comezou oxidar nos pozos ao tempo que a nosa habitación comezaba a apestar a alcohol e aquela triste e silenciosa canción alargaba as miñas horas mentres esperaba a que o Sol se puxese. Eu vivía de novo na ventana mentres el boreaba, e entre os dous se ía construíndo un enorme silencio. Un día pola mañá ao espertar a cama estaba baleira. E si, fun abandonada cos tres fillos.
Hoxe acaba o verán e a friaxe corre pola terra que pisamos. As tendas pechan unha tras doutra. Os meus fillos marcharán tan pronto medren. Non hai nada aquí que os reteña.”