+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Gotta Serve Somebody

Non lembro ben se era eu ou non, mais coido que aló polo 1997 fun invitado pola Carlton Staples’ Fundation for Sustainable Energies para participar nun congreso en Vicksburg, Mississippi (eles inda o escriben así). Recén presentara a miña tese sobre o estrés pordibujo.GIF poda no arce xaponés, así que seguro que ninguén botará de menos certos detalles sobre o asunto. O caso é que alí fixen amizade cun tal Marcus Reynolds, nativo da zona que, despois dunha longa e etílica conversa sobre gustos musicais (algo que sempre axuda a salvar o inmenso baleiro cultural existente entre un negro duns 130 kilos de Mississippi mesmo e un tirillas branco de Riotorto) me invitou a asistir a unha misa da súa congregación, onde segundo me dixo suaban góspel. Aceptei, claro. Gústame a música.
A igrexa era monstruosa, un edificio dos anos ’50, unha mestura entre o castelo de Brancaneves e a Ópera de Sydney, co campanario (din) máis alto de Mississippi e totalmente pintada de branco, por dentro e por fóra. Inmensa. Un aforo dunhas 800 persoas en grada e, ao fondo, unha escalinata que levaba a un altar situado, curiosamente, non no centro senón á esquerda, porque o resto estaba ocupado por un escenario onde se vían cinco ou seis trípodes con guitarras e un baixo eléctrico, unha batería e un armonio, nin que dicir ten, todo branco inmaculado. Polo lado dereito, seguía a escalinata.
Cando chegamos estaba xa prácticamente cheo, con xente de todas as idades, cores e sexos. O que se di un público variopinto. A saída do pastor, un home novo, atlético e, sen que soe a chiste, eléctrico, foi recibido con aplausos, asubíos e até algún berro histérico. Nunca na vida tal vira. Co inalámbrico na man subía e baixaba as esqueiras, mesturábase co público, bicábano, abrazábano, mentres dicía sabe deus qué, cousas de Cristo e do amor. Cando saíu o coro gospel (preto de 200 persoas) aquelo foi o delirio. Ao fronte, un home pequeno, branco, cabezón, de nariz afiado e pelo crecho que camiñaba como a saltiños, coma o noso Chiquito de la Calzada, para entendernos. Sentouse ao armonio e de súpeto convertíuse nun xigante.
Atacou Gotta Serve Somebody, prologada por unha letanía que deu paso á melodía e aos coros. Impresionante. Despois, o pastor eléctrico, sen deixar de moverse, explicou (eu non entendía nada, pero meu amigo Marcus botoume unha man cun spanglish improvisado) que aquela misa sería algo así como unha celebración de acción de grazas pola curación e volta a casa do Brother Robert D. Tal era o nome do director do coro e logo soupen que autor de todas as cancións que alí se cantaron. Dixo que estivera ingresado por unha grave afección ao corazón que a punto estivera de envialo con Elvis. O Irmán Robert púxose en pé e dirixíu unha oración que rematou con Saving Grace, cantada en falsete a unha sóa voz. A partir de alí, o paroxismo. Are You Ready?, When You Wanna Wake Up, I Believe in You, Gonna Change My Way of Thinking… Eu tentaba fixar na miña mente todo aquelo, encher o vaso sen derramar pinga sabendo que acabaría por non ser quen de reter tanto líquido.
Afortunadamente, unhas rapazas, novísimas, todas vestidas de branco, comezaron a percorrer a sala ofrecendo unha gravación con todas aquelas cancións. Paguei os 20$ sen pensalo, e inda engadín outros tantos de donativo para que unha daquelas nenas me deixara en paz mentres a música soaba. Gotta Serve Somebody se titulaba aquel CD e inda o gardo como ouro en pano. Grazas a el podo lembrar de cando en vez aquel espectáculo abraiante, brilante e abrasador, e disfrutar da música que á maior gloria de Cristo escribira aquel home pequeno, tan grande tras do armonio.
Dúas horas debeu durar a misa. Cando rematou fiquei un bo rato sentado, esgotado polo esforzo de escoitar a música de deus. Moitos dos crentes continuaron a cantar formando grupos dentro e fóra daquela igrexa-auditorio. Cando todo se calmou e pecharon a igrexa, quedei mirando á distancia, cos ollos perdidos. Marcus díxome: “sabes qué é aquelo? Acomodei lixeiramente a mirada e decateime de que levaba un rato vendo pasar coches e camións por unha autoestrada que pasaba a uns trescentos metros de alí. Quedei calado. “It’s Highway 61, man”. Claro. Iso o explica todo.

(O da foto de arriba é o amigo Marcus)

Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image