+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Outros bobdýlanes

Imos iniciar unha nova serie nesta blo. Titularase así, Outros bobdýlanes, e recolleremos aí información sobre eses tipos que son ou foron calificados ou clasificados coma “o novo Dylan”, “o Dylan africano”, “o Dylan feminino” , “o Dylan da enxeñería técnica”, e eu que sei que máis…, enténdaseme. Xente que en xeral tende a levantar moitas expectativas e á fin (exceptuando excepcionais excepcións) fican en nada ou en ben pouco. A culpa non soe ser deles, senón dos que lles colgan o “sambenito” (sambieito?), porque, sexamos sinceros, tentar tomar posicións na música e que á primeira de cambio te chamen “o Dylan galego”, por exemplo, e como para meterse en cama e non saír en anos, o que lle din por aí facer un “ramonsampedro”.

Ademais, a calquera que circule por eses escenarios de deus cunha guitarra de pao e armónica ao colo (que tamén ten delicto nos tempos que andamos) e sexa quen de artellar un par de versos deses que hai que pensar un segundo para entendelos (e se non se entenden e teñen rima interna xa a rematamos), xa lle caeu a graza enriba. E tampouco é iso. Pobres. Hai que ter algo de talento, albiscar algún novo camiño, amosalo e ter unha certa duración e influencia nesto da música. Iso como mínimo. Como veremos, no mundo dos bobdýlanes hai máis daquelo que desto, pero seguro que, a pouco que ande fino o voso amigo (eu), botamos unhas risas á súa conta (con perdón e sempre co debido respecto). Meus irmáns en Dylan, coma sempre, acéptanse propostas e aportacións de todo tipo.

Por outra banda, e como xa sabedes, en breve BD cruzará o charco e pisará Europa. Estamos, pois, en tempo de Advento, que debe ser algo importante.

Leave a Reply »»