O Long Play da semana (VIII): Infidels
Aproveitando que o Landro pasa por Ourol, hoxe toca Infidels. É un disco magnífico, un dos meus favoritos, sen dúbida unha obra maior no catalogo Dylan (hainas menores?). É magnífico letra e música.
No seu día foi moi louvado pola súa coidada produción, que destacaba sobre a doutros discos recentes como Street Legal, Saved ou Shot of Love, e algo menos sobre Slow Train Coming. Non me quero repetir, pero no son sabedes que prefiro o tacto do fío da navalla que o da pel de pexego, e teño que admitir que hai aquí máis desto que daquelo. De todos os xeitos neste caso a música e os músicos son demasiado poderosos como para deixarse vencer por asuntos menores: Robbie Shakespeare & Sly Dunbar na sección rítmica (tan obvios coma sólidos na execución), a guitarra do bluesman ex stones Mick Tylor, o direstraits Alan Clark aos teclados, Mark Knopfler (tamén responsable da produción, inda que semella que non quedou a rematar o traballo) e un portentoso BD, en plena forma como armonicista, guitarrista e cantante.
Son oito cancións, a cal mellor, 40 minutos escasos de música de cando o vinilo, pero 40 minutos de xogo efectivo. Xa hai que andar sobrao cando desprezas pezas como Blind Willy McTell e Foot of Pride. Pero é que o disco comeza con Jokerman e acaba con Don’t Fall Apart of Me Tonight, que por si soas xa xustificarían un disco (e algunha carreira enteira, por exemplo a do dylanita Brian Ferry), con baladas e tempos medios como Licence to Kill, Sweetheart Like You ou I and I polo medio, cancións polas que morrería e mataría o non menos dylanita Billy Joel.
E se a música é excepcional, as letras non quedan atrás, en forma e en contido. Son brutalmente honestas, sinceras, escritas a corazón aberto e sen anestesia: este é o mundo e este son eu. Á parte do orgulloso, desacomplexado e case ameazante sionismo de Neighborhood Bully, está o nacionalismo Stars and Stripes de Union Sundown, un alegato contra a globalización e en defensa do capitalismo made in USA; dúas ou tres referencias negativas á exploración espacial, de marca hasidista xudeu-ultraortodoxa, que el explicou (desculpou) naquel momento como metáforas de todas esas cousas asombrosas que fai o home en vez de ocuparse dos asuntos terrenais, máis urxentes; algún exemplo de tenrura e protección cara ao xénero feminino (“sabes que unha muller coma ti debería estar na casa, que é o teu sitio / coidando dun bo home que non saiba como facerche mal”, Sweetheart Like You) que foi entendido como sexismo puro e duro; algunha invitación a tomar a xustiza pola man (“…mirar nos preciosos ollos da xustiza / e aceptar o ollo por ollo e dente por dente”, I and I); algunha coñita a conta dos homosexuais (“Vas a Sodoma e Gomorra, pero non te preocupes / non atoparás alí a ninguén que quera casar coa túa irmá”, Jokerman). Reaccionario? Pode que si. Sorprendente? Só se consideramos a Dylan como un xudeu liberal novaiorquino, mais non se temos en conta que é un mocetón de clase media criado no Iron Range, no Medio Oeste, na fronteira da América profunda, durante a Gran Guerra e a Guerra Fría. Para mín que o novaiorquino e o de Minnesota son o mesmo, pero cada un pensará o que quera. En todo caso é o que hai.
En canto a forma, os versos de Dylan péganse á música como a carne aos ósos. Inda diría máis: son o acento rítmico, as aliteracións (abundantísimas), a rima interna e demais recursos poéticos os que esixen esta ou aquela melodía e, á fin, a estrutura armónica e os arranxos de cada unha das cancións. A primeira vez que BD foi proposto ao Nobel dixo estar sorprendido, porque el non se consideraba un poeta, senón un escritor de cancións. Penso que é exactamente o que pon de manifesto este LP, que el non traballa en función da poesía, por así dicir, senón en función dos ritmos e dos sons: pura poesía popular.
Por certo: daranlle o Nobel algún día? Merécelo? Merece o Nobel a Dylan?