Neighborhood Bully (anexo)
Ira Chernus recollía o19 de xullo do ano pasado no diario Ha’aretz (o New York Times israelí), no eido do enésimo enfrontamento entre Israel e os seus veciños, as opinións que acreditados columnistas israelís fixeran a semana anterior nese mesmo xornal. Eu fago aquí á súa vez unha escolma daqueles que poden facer entender mellor tanto o discurso dylaniano como a súa enorme influencia cultural e social, por canto ese apelativo de “matón de barrio” ten a súa orixe en Neighborhood Bully (polo menos eu inda non atopei ningunha referencia a Israel con esa expresión anterior á canción de BD, o que por suposto non significa que non exista. Sigo a buscar).
“O Exército Israelí (EI) volve parecerse a un Neighborhood Bully (NB)… Israel fala unha e só unha linguaxe: a da forza.”
“O disfrace que agachaba a auténtica finalidade da guerra foi reventado polo ministro de defensa [Peretz] que dixo o que pensaba: ‘[o líder de Hezbollá] Nasrallah vai sufrir tanto que nunca esquecerá o nome de Amir Peretz’, refungou, coma un típico NB”.
“As diatribas de [o primeiro ministro] Olmer incluían ameazas (‘apertaremos os dentes e deixarémolos tontos’ e ‘veredes chorimicar e pregar aos líderes de Hamas. Ninguén xoga con nós e sae ben parado’)”.
“Liberar prisioneiros convertiríanos en auténticos gilipollas”
“Desexamos unha guerra de verdade para acabar con tantos anos de Intifada, onde non había nin branco nin negro, só gris…Unha vez máis somos un pequeno país rodeado de inimigos, loitando polas nosas vidas, non un país forte, ocupante, obrigado a pelexar a cotío contra a poboación civil. Alguén se sorprende de que sexamos un pouquiño felices por iso, inda que sexa en secreto?”
E remata a propia Ira Chernus con esta reflexión: “Os mellores escritores de Ha’aretz saben que Israel acabará por abandonar os seus abusos , o que significa esquecer as súas ilusións: a ficción de que Israel é unha vítima inocente, que só se limita a respostar a unha agresión non provocada, e a esperanza van de que a forza bruta restaure o seu inseguro e ferido orgullo de matón. […] Mentres as bombas israelís sigan a caer no Líbano e Gaza, e as vítimas sigan a vingarse, as vidas dos israelís seguirán en perigo.”