Shabtai Zisel ben Avraham
Shabtai Zisel ben Abraham naceu o sábado día 27 do mes Iyyar do ano 5701 da Era Xudía, no seo da próspera comunidade israelita de Duluth, MN. O primeiro xudeu chegara alí 70 anos antes, xusto despois dos pioneiros e cando a zona era fronteira co territorio indio. Saíra da Rusia zarista empurrado por algún pogrom, e despois de probar fortuna na costa Este, acabou montando unha tenda de alimentación, algúns din que unha ferretería, á beira dos Grandes Lagos. O seu irmán, Israel, montou unha xoiería. O efecto chamada fixo o resto e aos poucos a comunidade ruso-xudía de Duluth medrou até pasar dos 3000 membros (sen contar os rabinos), que construíron sinagogas e un cemiterio para honrar os seus mortos.
O domingo seguinte, oito días despois do seu nacemento, tal e como manda a tradición, celebrouse o Berit Milah do neno. O seu orgulloso avó mantívoo sobre as súas pernas mentres o mohel cortaba o prepucio e deixaba caer o sangue que asinaba o pacto con Deus. A pesar dos coidados da súa nai, que lle aplicara un anestésico unha hora antes mentres o preparaba para a cerimonia, o cativo berrou e continuou berrando mentres o seu pai recitaba a antiga fórmula: Baruj atá, Adonai, Eloheinu mélej haolam, asher kidshanu bemitzvotav vetzivanu lehajnisó bivrito shel Avraham avinu. Impúxoselle o nome xudeu e comezou a festa: inda que as novas que chegaban dos familiares que ficaran na moi querida Europa eran máis ca preocupantes e a entrada de Hitler na URSS era inminente, ninguén podía supor que pouco máis de seis meses despois Pearl Harbour sería atacado e que en xaneiro do ano seguinte o alto mando alemán declararía a “solución final” para os “residentes” nos campos de concentración.
A vida do pequeno Zisel cambiou cando os seus pais se mudaron á localidade de Hibbing. Era un pobo moi pequeno, onde eran case os únicos xudeus: non había rabino nin, por suposto, sinagoga. Ca fin de que non perdera contacto ca súa relixión, co seu mundo, era enviado todos os veráns a Camp Herzl, en Webster, WI, un novo centro educativos de corte sionista construido á beira dun lago entre verdes fragas. O rabino Reuben Maier foi o encargado de preparar a Shabtai Zisel para o seu Bar Mitzvah, o momento no que o xudeu, ao cumprir os 13 anos, asume as súas responsabilidades diante de Yahvé, liberando ao pai da obriga de respostar por el. É o momento no que un xudeu se convirte en home.
O inda neno colocouse por vez primeira os tefillin, duas caixiñas de madeira que levan dentro, escritos en pergamiño, os preceptos máis importantes do xudaismo: unha sobre a súa fronte, e outra no brazo dereito. Co talit sobre os seus ombreiros, o neno-home guiou por vez primeira o rezo e leu tamén por vez primeira publicamente na sinagoga a Torah, o fragmento dos cinco libros de Moisés que correspondía a esa semana do ano. Polo xeral os rapaces da diáspora aprenden fonéticamente o texto que lles toca ler, sen comprender o que di, xa que o rito non esixe máis ca unha pronunciación axeitada. Shabtai Zisel, dono dunha memoria prodixiosa e dunhas infinitas curiosidade e fame de coñecemento, foi quen de aprender hebreo no tempo que durou a súa preparación para a cerimonia, o suficiente como para traducir inmediatamente os preceptos que o rabino Maier lle recitaba en inglés.
Moito tempo despois, cando xa case ninguén o coñecía polo seu verdadeiro nome, inda sería quen de lembrar aquel fragmento fronte ao Muro Oeste en Xerusalén mentres asistía ao Bar Mitzvah do seu fillo Jacob, que non saía do seu asombro ao ver como seu pai falaba con toda aquela xente en hebreo. E cun acento envexable.
(Arriba: os antergos de Dylan en Odessa ; abaixo: o mesmísimo no Bar Mitzvah do seu fillo, no 1982)