+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Tempos Modernos: última hora

ATOPA COINCIDENCIAS CON “HIGHWAY 61 REVISITED”

BOB DYLAN ACÚSASE A SI

MESMO DE PLAXIO POR “MODERN TIMES” 

O cantante norteamericano iniciou un procedemento legal contra Bob Dylan, ao que acusa de roubarlle as súas ideas e de plaxiar a música dalgunhas das súas cancións.

                                                                                                                                 Axencia
                                                                                                                   New York, NY 

Os representantes de Bob Dylan, de 65 anos, presentaron onte unha demanda nos xulgados de Brownsville, Texas, contra o autor de Modern Times, xa que na opinión do artista este tería “aproveitado” algunhas das súas ideas e cancións. Nun comunicado de prensa os seus representantes sinalan que o cantante decidiu presentar a denuncia ao escoitar casualmente a primeira canción do disco, Thunder on the Mountain, que ao seu xuízo tería unha melodía intercambiable coa de Highway 61 Revisited, un dos seus éxitos dos anos ‘60. Do mesmo xeito, considera que a harmonía de Workingman Blues #2 estaría algo máis ca inspirada en Forever Young , outra das súas máis salientables creacións, de 1974. Ao parecer, non descarta presentar máis denuncias, incluso por apropiación indebida da súa imaxe, xa que considera que a persoa da foto do interior da carpeta, a pesar do bigote, imítalle sospeitosamente.

Pola súa banda, Jack Frost, produtor de Modern Times, afirmou en conversa telefónica que Dylan, que nin escoita o que graba nin se fixa moito cando o fai, non se decatara do posible plaxio. Segundo as verbas do produtor, despois de escoitar todo o disco a carón del, Dylan amosouse agradablemente sorprendido polo feito de que “un xenio desa categoría reparara nel”. Así mesmo, o produtor agradeceu a denuncia, xa que grazas a ela mercaran o disco de Dylan, o que lle deu a oportunidade de escoitar de novo esas vellas cancións de Muddy Waters, Hooker e outros, cancións que había tempo que non escoitaba ou que incluso nin tan sequera coñecía.

Non é a primeira vez que Dylan é acusado de apropiarse de cancións doutros autores ou mesmo tradicionais:  xa nos ´60 fora denunciado por Paul Clayton (1931-1967) a raiz da publicación de Don’t Think Twice, It’s All Right, e co gallo da saída do último disco foron poucos os críticos especializados que deixaron de sinalar que varias cancións deste están “inspiradas” no cancioneiro norteamericano, como Rollin’ and Tumblin’ ou Someday Baby,  herdeiras de Muddy Waters, ou Ain’t Talking, filla da Wayfarin’ Stranger que xa “inspirara” no seu día a Hooker ou a Van Morrison. E as intertextualizacións non se limitarían ao eido da música: en Love and Theft (2001) o “intertextualizado” foi o novelista xaponés Januchi Saga, mentres que neste Modern Times a quenda foi para o poeta norteamericano Henry Timrod (1828-1867).

Tanto Jack Frost como os representantes do cantante expresaron o seu desexo de que Bob Dylan chegue a un acordo consigo mesmo e se retire a denuncia.

Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image