+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

O Long Play da semana (VII): Blood on the Tracks

Resulta que pouco podo dicir deste disco. Polo menos nada que non se teña xa dito. Poderían contarse centos de anéctodas (lembrades a David Zimmerman?) e de historias. Todos o coñecedes e tedes as vosas propias ideas sobre el. Así que hoxe xogaremos co pasado e marcharemos cara 1975, cara o día en que saíu á venta nos EEUU. Farémolo da man de John Landau, crítico da Rolling Stone e un dos críticos máis críticos con BD. É o home que deu pé a crear unha imaxe da carreira de Dylan dividida en etapas distintas, cando non contrapostas, contribuíndo á consideración de discos como New Morning, John Wesley Harding ou Planet Waves como unha obra menor e como un corte na discografía de Dylan. Eu, desde logo, non estou de acordo, e coido ademais que, Manrique e outros mediante, fixo un fraco favor aos seguidores de Dylan, sobre todo a aqueles que nos tivemos que sumar ao tren Dylan en marcha (no meu caso por causas biolóxicas irremediables).

En todo caso, penso que é un documento dun valor incalculable para calquera dylanita, xa que ofrece unha opinión contemporánea, sen lastrar polo peso da historia. O que ides ler é un resumo (e inda así é longo de máis, síntoo), excepto onde o texo vai entre comiñas. Veredes que o disco lle gusta ao Landau pero, atención, coida que non superará a proba do tempo. Un visionario. Eis:

BD é o Chaplin do R&R. Ambos pasan por ser xenios, por ter revolucionado a súa arte e por que os seus últimos traballos foron considerados inferiores. Ambos son polifacéticos, ambos impuxeron as súas personalidades nas artes que escolleron, ambos puxeron por diante da técnica, tan valorada no século XX, o seu talento.

Eu non critico a BD polas súas habilidades como cantante ou compositor, por outra banda extraordinarias, senón por desprezar os seus discos. Coido que o que soa nun disco é a medida da calidade dun músico (como o corte final dunha película é a medida da calidade dun director), e coido que aí BD nunca dá abondo. No caso de Chaplin, a súa soa presenza física, o seu talento como cómico, agochaba as súas limitacións como director, mentres que no caso de Dylan nin tan sequera o seu nivel literario pode coas súas descoidadas grabacións. No mundo do R&R só Elvis pode dicir que, presente a súa voz, non importa o malo que sexa o disco: el é a súa propia medida de calidade.

Nalgún tempo pensei que Dylan podía ser un deles. Incluso pode que o fora en Blonde on Blonde, pero despois, cando baixou a calidade das súas composicións e interpretacións, os defectos quedaron á vista. El sempre di que o que tenta facer no estudo é captar o sentemento e que coida que o mellor xeito de facelo é facelo o máis sinxelo posible: pouco ensaio, poucas tomas e imos coa seguinte. Iso provoca que, ao meu entender, o resultado final nunca estea á altura das cancións, e que acabe publicando, máis que discos, maquetas. Non estaba mal cando grababa con guitarra e voz, pero cunha banda de rock… (Salvedades: She Belongs to Me, Like a Rolling Stone, It Takes a Lot to Laugh, It Takes a Train to Cry, Highway 61 Revisited, Just like Tom Thumb’s Blues, a mitade de  Blonde on Blonde, sobre todo os singles Positively 4th Street e Can You Please Crawl out Your Window?, The Basement Tapes e os piratas do Albert Hall, All along the Watchtower, Down along the Cove e I’ll Be Your Baby Tonight de John Wesley Harding, Sign on the Window e Went to See the Gypsy (pode que unha ou dous máis) de New Morning. )

Dylan inventou a canción de autor e non hai dúbida de que é o mellor de todos: é o estándar contra o que se ten medido o rock durante os últimos dez anos. Mais cando comparamos as súas grabacións coas de músicos tan distintos como Chuck Berry, Ronettes, Beach Boys, The Who ou Joey Dee and the Starliters’, a súa posición preminente tería que ser posta en cuestión. Mais se Dylan non é un gran artista do rock per se, é un gran artista. E punto. Ten trascendido as súas propias limitacións  máis ca calquera outro no mundo do rock. Triunfou ao convertirse en indispensable. Os seus discos poden resultar indispensables só no momento de ser publicados, pero transmiten máis forza neses momentos que outros en horas, días e anos.  Mais Dylan nunca xogou ao pracer inmediato: deulle ao rock o seu sentido.

Moitos cren que Dylan deu o mellor de si cando falaba de ira, pena, dolor, medo, soidade, morriña e forza, e que fracasou na seguinte etapa, cando se amosaba feliz e caseiro. Pensan que BD, como Brando ou Dean,  fai mellor de rebelde que de cidadán, de marxinal que de home honrado, de foraxido que de sheriff. Son os que celebran Blood on the Tracks como unha volta a aquel, sen decatarse de que volvendo a convertirse nun francotirador non está revivindo ningunha fase anterior, senón tirando dun estilo que lle deixa falar con máis libertade e a conciencia de que inda hai lume ardendo dentro del e de nós. Usa elementos do seu pasado para falar do seu pasado.

O disco está feito co mesmo descuido que os demais. Nunca unha banda soou tan indiferente, creando tan só un ambiente do que emerxe Dylan. Este canta infinitamente mellor que nos seus últimos discos, destacando as melodías e fraseos de Tangled Up in Blue, You’re a Big Girl Now, Shelter from the Storm ou Buckets of Rain, mais cando trata de recrear o pulo de Like a Rolling Stone cantando Idiot Wind, o intento queda nunha sombra. A composición é a forza do disco. Había moito tempo desde que BD non creaba unha melodía como Tangled Up in Blue, e inda que as letras son confesionais e narrativas,  fainas soar de xeito que chegan directas a un. Hai veces que soa cercano, máis íntimo e máis real ca ningún outro.

Se Dylan coñece o termo medio, Blood on the Tracks está aí. É case tan bo como Blonde on Blonde, pero só case: non ten nada tan malo como a segunda versión de Forever Young, mais só Tangled Up in Blue podería ser comparable a One of Us Must Know. Comparalo con Blonde on Blonde significaría crer que vai a acabar por formar parte da vida da xente dun xeito tan fondo e durante tanto tempo como este. E non o vai facer.

“Mais neste momento, que é cando o disco acaba de saír, gústame todo del: o bo, o feo e o malo. Todo ten o seu aquel: Tangled Up in Blue; como esta canción se impulsa imparable cara adiante (inda que fala do seu pasado) e nos deixa sempre no mesmo lugar que Dylan; as frases “I helped her out of a jam / but I used a little too much force”; o xeito en que a canción lembra aos Byrds do ‘65; a compaixón, non ira,  de You’re a Big Girl Now; os versos “I can make it through / You can make it too”; a inocencia e beleza inconmensurable da revisión que Dylan fai das súas raices folk en Buckets of Rain; a violencia de If You See Her, Say Hello;   a puerilidade exenta das bondades da infancia de Idiot Wind; a santidade do derradeiro verso de Shelter from the Storm; a prolongación do apocalíptico estado de ánimo dos seus primeiros traballos en algo inda máis potente, pero doce, máis intelixible, tolerante e autocrítico; a indiferencia hacia ao tema das mulleres como xeneralidade para adicarse ás mulleres e ao amor como algo específico e, sobre todo, a fachenda (a desafiante indiferencia hacia o que os outros pensan que debería facer): inda está so.

Blood on the Tracks só soará como un gran disco por un momento. Como a meirande parte dos seus discos, é impermanente. Mais, como o home que o fixo, non ten respostas para ninguén en concreto e o disco foi feito para todos. É o traballo dalguén que non ve a través de si mesmo, senón a través de nos, facéndonos ver cousas que nunca antes víramos.”  

Leave a Reply »»

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image