+dylan

dylanianos, dylanitas, dylántropos, vinde!

Un vello e un piano

Hai un tipo sentado ao piano. Non chegará aos 70, pero aparenta máis de 1000. Vai sacar un disco en breve e está a compoñer as cancións. Antes sacaba un LP todos os anos, en ocasións dous, pero agora xa vai canso e quita algún de cando en vez, cando lle peta. Antes el pensaba, como os demais pensamos inda hoxe, que era un xenio, pero agora sabe que é unha especie de chamán, o gardián das esencias. E gústalle.

Está a recrear unha canción que lle escoitou a un colega, un blues sobre uns deses tipos que traballan, comen, beben e foden sen se complicar moito a vida. Está a tocar en Re maior bemol, en notación americana b D (casualidade?), case sempre toca en Re b, que é a escala con máis alteracións, o que lle permite tocar as cancións coas teclas negras, as súas preferidas. Non é casualidade. Para un non teclista resulta máis sinxelo tocar sobre elas: unha, porque son máis fáciles de distinguir coa vista ao ser negras, ao estar separadas unhas das outras por unha ou duas teclas brancas e ao estar así mesmo agrupadas en grupos de dous (Do e Re) e de tres (Fa, Sol e La); dúas, porque ao estar máis altas que as brancas, un pouco máis adentro e ben separadas, son máis fáciles de tocar se un non está afeito á postura ortodoxa, académica, dos dedos, moito máis eficiente pero tamén moito máis incómoda.

Está tentando lembrar aquela canción, da que se quedou cos versos finais a modo de estribillo. Ao premer as teclas levántase de entre elas o pó das vellas melodías, un arrecendo no que el percibe co seu nariz de home antigo os condimentos. Sen decatarse, a súa man esquerda (é zurdo) vaise separando da idea inicial e traza cos graves unha liña descendente, triste, a través da escala maior de Re b (re b, do, si b, la b, sol b, fa, mi b) repetindo ao final o la b, a quinta nota da escala, a que sempre lle di ao oído: agarda, a historia continúa.

Coa man dereita vai buscando acordes que se axusten a liña descendente da man esquerda: Re b maior, la b maior, Si b menor e outra vez Re b maior de novo para os catro primeiros compases cos que acompaña os dous primeiros versos de cada estrofa; Sol b maior, Re b maior,  Mi b menor, La b maior para os catro compases seguintes que van cos dous últimos versos.  O vello, que coñece á perfección os arcanos da música popular (e da outra) sabe que esa progresión permítelle crear a fición de que está a tocar en dos tons distintos, cando en realidade non sae do primeiro. O truco é repetir a estrutura harmónica con distintos acordes efuxir dunha nota, o do, que é a única pola que se poden distinguir as escalas maiores de Re b e de Sol b. En realidae fuxir fuxir so fuxe da nota na melodía: na harmonía o home sabio resérvaa para os momentos clave. No estudo o vello e os seus colegas escollen tocar esta canción en Mi. Cousas de músicos.

Captada a esencia da música, vai dando forma á letra, estrofas de catro versos (dous compases para cada verso) onde os dous primeiros tamén teñan distinto ton que os dous últimos. Ás veces sae e ás veces non. Co lápiz na man non dubida. Xa non se esforza como antes, cando deixaba a vida en cada verso, fumando e bebendo acentos, rimas e ritmos, mais en ocasións sáelle. Nótao. Préstalle.

Agora buscade un rato de paz. Deitade aos nenos, deixade ás vosas parellas vendo a tele ou traballando no estudo, mandade aos vosos pais ao cine. Poñede Modern Times, 6ª canción. Seis minutos longos, o 10% da duración dun disco con dez cancións. Poñede os cascos, volume suficiente para apreciar cada son, pero sen estridencias. Que nada vos impida apreciar en toda a súa grandeza esta obra mestra. Fixádevos en todo. O vello sempre entra tarde e sae cedo dos versos, deixa que soe o principio do acorde e deixao acabar de soar so. Marca da casa. Atención a entonación final do verso “It’s a new path that we trod”, non importa o gastada que estea a voz, este vello nunca desafina, nunca. Moita atención ao aceno de ironía co que acompaña “to compete abroad”, pódese ver a través da sua voz. E non perderse como case pide disculpas ao forzar a rima de days e always, como deixa aí ese sempre, eu non fun, non señor. 

Leave a Reply »»