(Music and) lyrics by Bob Dylan
Grande Dylan, grande. Canta beleza. Como se move pola historia dese currante. Como viu a grandeza detrás da miseria do heroe da clase traballadora de Haggard. Como a conta. Grande Dylan. Supón a ese traballador con armas, armadura, establos e cabalos roubados polos príncipes, con barcos de gran panza dispostos para a singladura polo vinoso Ponto. Viuno con claridade. Pero até aí chegamos, porque en realidade o heroe de Dylan ten pouco que ver co de Haggard. En #1 o home atopa sentido á súa vida no traballo, na responsabilidade de manter muller e fillos, e o consolo nas cervexas que disfruta cos compañeiros despois do traballo. Non hai dobres lecturas, é unidireccional. En #2 o home está fondamente, desesperadamente namorado, e tamén cabreado, moi cabreado co sistema. O currante de BD non ten moi claro o seu papel no mundo e, lonxe de atopar a redención nun grolo de cebada, emborráchase sen redención.
Dylan navega entre o romanticismo suxo e o realismo desesperado. A canción resúmese nas dúas primeiras estrofas. Primeira estrofa: dous primeiros versos: There’s an evening haze settling over the town / Starlight by the edge of the creek; dous últimos: The buying power of the proletariat has gone down / Money has getting shallow and weak. Segunda estrofa: dous primeiros versos: The place I love best is a sweet memory / It’s a new path that we trod; dous últimos: They say low wages are a reallity / If we want to compete abroad. Imposible de mellorar. Perfecto. A canción segue no mesmo ton, mesturando a dor do namorado (Tell me now, am I wrong in thinking / That you have forgotten me) coa desesperación do marxinado (I got to be careful, I don´t want to be forced / Into a life of continual crime).
E o final? Non ulides as cigalas, o cabrito asado, o rape en salsa e a tarta nupcial? Non vedes a ese home con zapatos brilantes e a esa muller de branco abrindo o baile amenizado polo Dúo Suso? Por qué fallamos? Por qué non fumos capaces de vivir de pan e cebola? Nada importa. Volverémolo a intentar, tantas veces como sexa necesario. Meet me on the bottom, don`t lag behind / Bring me my boots and shoes / You can hang back or fight your best on the front line / Sing a little bit of these workingman Blues.