Dylan en Itaca
Dylan, inda que o seu e chegar e bicar o santo, gusta de estar no escenario mentres se acaba de montar e se vai probando o son. Non é moito de graves, agudos e acoples, pero disfruta da sensación de estar entre músicos e técnicos, entre xente que sabe. Foi durante unha desas probas de son, que a outras estrelas lle resultan tan aburridas, cando escoitou ao gran Haggard aquela canción de currantes. E sucedeu durante unha serie de concertos polo sur do país no que exerceu de teloneiro o tal Merle Haggard, un vello compañeiro, un deses cantantes e compositores de medio pelo que coñecen perfectamente o seu oficio, un profesional que nunca erra o tiro, tic-tac, coma un reloxo. O que BD sempre desexou para si e Subterranean Homesick Blues non lle permitiu ser.
A canción en cuestión é un blues en A7 e pentatónica a fartar. Sinxelo, moi sinxelo. A Dylan contáranlle había tempo que xa Homero recitaba ou cantaba os seus poemas acompañado por algún instrumento, seguramente un de corda, algo semellante a unha lira. A estrutura harmónica e melódica sería tan sinxela e flexible como o blues de Haggard. Sinxela porque sería fácil de lembrar e, por tanto, de repetir. Flexible porque calquera con suficiente oficio sería quen de adaptala á súa voz e ás circunstancias, de recreala até facela desaparecer. Coñecidas e asimiladas por todos desde tempos inmemoriais, esas estruturas funcionan desde sempre como unha base perfecta para desenvolver as historias que soan na voz e na cabeza dos homes tamén desde o principio dos tempos, tal como o Sol, sen desaparecer, se oculta discretamente para que poidamos ver as estrelas.
Aquela tarde na proba de son o vello blues de Homero volveu soar para Dylan. ¿Non era a historia daquel traballador a do gran Ulises? ¿Non cumpría cegamente como aquel o seu destino, o seu papel? ¿Non escoitaba atado ao mástil da realidade os cantos das sereas? ¿Non agardaban a volta do heroe Penélope e unha morea de telémacos? Había unha grandeza de séculos, especial, naquela canción e a BD non se lle escapou. Esa imaxe dun home deses que, sen sabelo, fan que funcione o mundo, apoiado na barra dunha taberna cantando unha canción que fala dun home deses que, sen sabelo, fan que funcione o mundo, apoiado na barra dunha taberna cantando unha canción que fala dun home deses que… Esa imaxe, digo, era unha tentación demasiado forte para un BD que nunca deixou pasar ocasión semellante de dar a súa opinión rítmica é rimada. Así funcionan Dylan, a música e a poesía. Por eso a historia de Ulises segue a ser contada e cantada unha e outra vez, en Pekín como en Teis, por xente que non oíu nunca falar del, por Haggard, por Dylan ou por mín e, o que é máis marabilloso, por eso nos sigue a emocionar inda que a teñamos escoitado mil e unha veces. E Dylan… Joder, Dylan sempre está aí. Como o fará?