Dylan portada a portada: unha bandeira censurada
New Morning (outubro de 1970) Miña madriña. Pero qué fai Juan Pardo na
portada dun disco de BD? Polo 1970 os Brincos orixinais inda non se separaran, mais non hai que desbotar a posibilidade de que o noso Juan Pardo (John Brown?) intentara o que hoxe chamamos “aventura americana”. Existiría entón a posibilidade de que na CBS trocaran as fotos do LP do autor do “falade neniñas, falade galego” co as do autor de The Man in Me. É unha teoría arriscada, mais a iso nos adicamos aquí, a arriscar a cotío a nosa dignidade e bo nome.
Dylan (novembro de 1973) Despois de ceder o protagonismo a unhas letras na portada do seu anterior LP, BD volve a aparecer nesta que é, á súa vez, a primeira dun disco de Dylan na súa nova discográfica, Asylum. A que vemos aquí é psicodélica e cuasi republicana nas cores, sobre ese fondo de plasma ou mercurio. A do disco que se vendeu en España era, lembro, inda máis psicodélica pero menos republicana (casualidade?): un perfil debuxado sobre un fondo morado cuns pelos multicores revoltos, axitados polo vento. Era unha portada fea. Definitivamente. En fin, ten que haber de todo. Algún día falaré deste disco.