Diario de Jerry Fielding (fragmentos dylanianos)
Durango, 19 novembro 1972
[…] Mañá chega ese tal Dylan. […] Será outro borracho máis. Sam [Peckinpah] deixouse convencer por Kris [Kristofferson] e o outro [James Coburn] langrán. As miñas recomendacións levounas o vento […], Roger [inintelexible] non lles pareceu mellor opción. Veremos. [..]
Durango, 20 novembro 1972
[…] e nunca na vida o vira [a Dylan]. É pequeno e cabezón […]. Veu acompañado da súa muller (a típica-modelo-buscona-de-estrela-forrada) e dos seus ruidosos fillos. Alóxanse con Kris e Rita [Colidge] nun cabano infecto, […] como os hippies […]. 
Durango, 21 novembro 1972
[…] Hai un rato o cowboy do leste cantounos a canción que fixo para cubrir os títulos de creto. Titúlase Billy, tampouco agardaba maior orixinalidade, e é a típica balada country […].Sam emocionouse mentres a escoitaba sentado na súa mecedora (demasiada tequila) e aceptouna entusiasmado. […] é tan resultona como facilona, penso que se poderá utilizar. […] Mañá cedo abandono esta esterqueira e vóo a Pittsburgh para Acción de Grazas. Agardo non ter que voltar. […]
New York, 17 decembro 1972
Chamoume Sam para dicirme que decidiu que o cowboy cabezón fará a banda sonora da película pola miña vez. Non sabe o favor que me fai […], aquelo é un caos. Inda non comezara a compoñer e ademais vou cobrar igual. Tiña só algunhas ideas […].
L. A., 21 xaneiro 1973
[…] e xusto agora chámame Sam para que vaia a México a arranxar a desfeita da pandilla de drogotas aos que lles encargou a música. Semella que a Rudy [Wurlitzer] se lle foron os seus amigos das mans […] e ten que ir o bo de Jerry a poñer as cousas no seu sitio. […]
México DF, 22 xaneiro 1973
[…] Chego ao estudo e aquelo parecía un cortello. […] a metade dos músicos eran indios e non lles entendía nada. A outra mitade non sabían onde andaban. […] escoitando o que gravaran eses días e non había quen entendera o que fixeran. Pedinlle a Dylan que volvera tocar Billy […] e non se parecía nada ao que gravara había dous días, nin timbre, nin ton, nin letra. Nos seus apuntes aparecían un cento de versos que sostiña que podía cantar en calquera orde. Qué merda era esa? […] e transcribín o que acababamos de gravar nunha partitura que copiei para todos, inda que só un par deles foron capaces de lela. […] [Traballamos] cun par de frases da canción que repetimos para incluilos en catro sitios diferentes e pouco máis se puido facer. […] Goodbye Holly non había por onde collela e encargueille a Dylan que fixera algo para cubrir a escena da morte do Sheriff Baker. […] non ten nin idea, pero é listo, escoita con atención e aprende rápido. […]
México DF, 23 xaneiro 1973
[…] mentres eu trataba de poñer orde nas cintas do día anterior aqueles hippies rían nunha esquina do estudo os chistes de Kris mentres Dylan tocaba o órgano e escribía nunha libreta. Non fixemos máis en toda a mañá. Despois de comer, Dylan tocou unha balada [Knockin’ on Heaven’s Door] que era purita merda. […] aqueles tipos ouveaban como se acabaran de ver a deus, […] “do fillo da miña nai non se ríe nin deus” e collín e marchei para o hotel. Eu non queimei a miña infancia solfeando para aguantar esto […], nin deixei a banda de Tommy Dorsey ou a de Charly Barnet para acabar neste furado rodeado de ionquis. Chamei a Sam e díxenlle que marchaba, que non quería saber nada […].
(A versión definitiva de Knockin’… fíxose poucos días despois en Burbank, California. Tocárona todos á vez mentres pasaban a escena, e gravárona nunha soa toma. O batería chorou sen poder agochar a emoción. Jerry Fielding non estaba alí para velo. Daba igual. Non o entendería. En realidade nunca entendera nada do que pasara aqueles días nin seguramente sentiu nunca a necesidade.)