O Long Play da semana (VI): Under the Red Sky
Pode que non sexa o mellor disco do mundo, pero foi para mín coma un oasis no deserto ou unha illa no medio do mar océano. Cheguei eu a el despois de atravesar un gran baleiro dylaniano e, despois de beber e descansar, volvinme tirar ao camiño polo que inda sigo hoxe a camiñar, buscando, agardando, disfrutando. Non desespero porque, como xa sabedes de sobra, el xa está dentro de mín e podo escoitalo cando quero, incluso as novas cancións que inda non compuxo, incluso as que non fará xamais. É o que ten o camiño, que se aprenden cousas que non veñen nos libros nin nos discos e é outra das cousas que lle teño que agradecer a BD, saber que o que realmente desexo e quero está dentro de mín. O demais é andar e andar.
Dylan e eu discutimos seriamente despois de Empire Burlesque. “Ti podes facer algo máis” lle dixen cando escoitei Knocked Out Loaded. “De que vas?” cando puxen Down in the Groove no tocata. “Vaite ao carallo!” berrei directamente diante de Oh, Mercy. Foi queimante cando despois de dous traballos inzados de cancións alleas ou feitas a medias con outros tivo a ousadía de deixarse desbravar por un tal Lannois, de ficar nun segundo plano mentres lle enchían as cancións de reverbs, choruses, flangers e cousas peores.
Cando collín nas mans Under the Red Sky e vin aquela preciosa foto da portada en branco e negro con BD en medio de ningunha parte e cunhas botas de pel de serpe, pensei, “vai ser desta”. E non foi desa tampouco, pero foi dabondo para mín, esgotado como estaba do camiño, sedento. O disco soaba realmente ben, como sempre digo cando a voz de Dylan se pon ao fronte, acompañada por guitarras afiadas, sólidas, sempre dentro desa produción descoidada que tanto me gusta a mín (en 10, 000 Men BD di claramente en dúas ocasións cen tousend men por ten zousend men como correspondería, e pola súa voz eu apostaría a que estaba bébedo ou case). Había boas cancións: Unbelievable, God Knows, Cat’s in the Well (aparece en moitos dos seus concertos) e a marabillosa Under the Red Sky, da que xa falei noutra ocasión como unha das miñas cancións all time favoritas. Escoitade por favor o hammond de Al Kooper, escoitádeo, por favor. Escoitade esa voz rota e esa letra docemente naïf. Prestade atención a ese bridge tan absolutamente dylaniano. Se non vos gusta, non pasa nada, hai para todos. Voltade ás vosas cancións que vos estarán agardando e quedaremos en paz. Pero escoitádea inda que só sexa unha vez.
Polo que sei a BD este disco non lle gusta moito, non estivo moi cómodo nas gravacións, nin cos outros produtores, nin coas cancións nin cos músicos, algúns deles estrelas do universo mundo. Pero claro, a estas alturas a vós non sei, pero a mín o que diga ou faga BD xa me da igual. Eu rompín o cordón umbilical hai tempo e non vou deixar que un tipo calquera capaz de poñerse extensións roxas e barba falsa me diga o que teño que opinar. Se non lle gustou, peor para el. Dylan é deus, pero eu non son moito de comungar.
Pinchade Under the Red Sky e tede bos soños.